A norma II.4. da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 20 de setembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 3 de outubro), pola que se regula o procedemento de cobertura temporal de postos de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, establece que a inscrición das persoas aspirantes nas listas, así como a súa elaboración, se efectuarán consonte o procedemento regulado nos números II.4.1 e II.4.4 da Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se dispón a publicación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de xuño de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, de 30 de xuño), ou disposición equivalente que o substitúa.
Logo de finalizado o prazo indicado na norma II.4.4 do citado pacto, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización das listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais en postos de traballo do persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), nos colectivos profesionais que se indican a continuación:
1. Clase de inspector/a médico/a.
2. Clase de inspector/a farmacéutico/a.
3. Clase de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública.
4. Lista xeral de licenciado/a sanitario/a: licenciado/a en Medicina e Cirurxía, licenciado/a en Farmacia, licenciado/a en Ciencias Químicas, licenciado/a en Ciencias Biolóxicas e licenciado/a en Psicoloxía.
5. Clase de subinspector/a sanitario/a.
6. Clase de ATS/DUE.
Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as, coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisional obtidas, están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Terceiro. Contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación, as persoas interesadas poderán presentar reclamación, ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.
A aceptación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas obtidas polas persoas aspirantes no proceso de actualización.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025
A directora xeral de Recursos Humanos
P.D. (Acordo do 29.7.2025)
Begoña Caamaño del Castillo
Subdirectora xeral de Xestión de Profesionais
