DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 22 de agosto de 2025 Páx. 46283

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cangas (expediente IN407A 2025/018-4).

Expediente: IN407A 2025/018-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e CTC Area Brava.

Concello: Cangas.

Feitos:

1. O 21.1.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CTC Area Brava.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Javier Fernández Pazos, colexiado 502 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e contén un orzamento total de 118.706,57 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender a petición de subministración eléctrica de 17,5 kW para uso agrícola, no lugar de Rabáns, no concello de Cangas (Pontevedra). Para isto, serán necesarias as seguintes actuacións:

– Retirada do centro de transformación Area Brava (36AL09) de 160 kVA.

– Instalación dun centro de transformación de 250 kVA, superficie compacto prefabricado con telecontrol vía GSM/GPRS/FO, 2L1P, en substitución do centro de transformación retirado, que se situará na parcela con referencia catastral 36008A001000820000JI.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 25 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado.

– Instalación dun paso aéreo subterráneo no apoio 9PJRR54I//30-40-4CT para enlazar coa LMTS proxectada.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cangas, a Demarcación de Costas do Estado, o Instituto de Estudos do Territorio, o Servizo do Patrimonio Cultural e o Servizo de Urbanismo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Cangas e o Servizo do Patrimonio Cultural.

O Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático informou que os procedementos de autorización administrativa na zona de servidume de protección do dominio público correspóndelle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, de conformidade co establecido na disposición adicional quinta en concordancia co artigo 11.1 do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e unha vez recaia resolución no expediente que se está tramitando, daráselle traslado ao Servizo de Enerxía e Minas. Ata o momento, non consta a emisión da citada resolución.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 16.4.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CTC Area Brava.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3X(1x240) de 25 metros de lonxitude, coa orixe no apoio existente 9PJRR54I//30-40-CT da LMTA CII802, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación proxectado Area Brava, que substitúe o centro de transformación aéreo existente.

– Centro de transformación compacto telecontrolado a 250 kVA, con relación de transformación de 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36008A001000820000JI, no lugar de Rabáns.

– A instalación está situada no lugar de Rabáns, no concello de Cangas (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CTC Area Brava, expediente IN407A 2025/018-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de xullo de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra