DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 25 de agosto de 2025 Páx. 46462

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 8 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR352B).

BDNS (Identif.): 852491.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/852491

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e que estean a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.

Segundo. Obxecto

Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación nesta convocatoria do ano 2025 ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2024 de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B), que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para contratar axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR352B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase 1.200.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración