DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 19 de setembro de 2025 Páx. 50326

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 9 de setembro de 2025 pola que se nomean vogais do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

O artigo 10 dos estatutos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, establece que o Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do Instituto e na súa composición será paritaria a representación dos axentes sociais e da Administración.

A composición do Consello Reitor fíxase no artigo 11 dos citados estatutos e indícase que está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia, a Secretaría e que, ademais, formarán parte del os seguintes vogais:

a) En representación dos axentes sociais: un/unha vogal en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, nos termos expostos na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e o mesmo número de vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma.

b) En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do Consello Reitor:

1) A persoa titular da Xerencia do Instituto.

2) Un/unha vogal por cada unha das consellerías con competencias en materia de sanidade, minas e facenda, designado/a pola persoa titular da consellería respectiva de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3) No caso de ser necesario, os/as restantes vogais serán designados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Nos parágrafos segundo e terceiro do citado artigo 11 disponse que os nomeamentos e cesamentos das persoas titulares e suplentes que se designen para as distintas vogalías do Consello Reitor serán efectuados pola persoa titular da consellería en materia de traballo. No caso das vogalías correspondentes ás organizacións sindicais e empresariais, serán propostos por estas.

Mediante a Orde do 31 de maio de 2024 pola que se nomean vogais do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (DOG núm. 111, do 10 de xuño), modificada pola Orde do 15 de abril de 2025 (DOG núm. 80, do 28 de abril), actualízanse os vogais do Consello Reitor do Instituto.

Procede agora modificar a dita orde, consecuencia do cambio da persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que actúa como vogal suplente no Consello Reitor do Issga, en representación da consellería en materia de traballo.

Ao mesmo tempo, a organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) propón o cambio do seu vogal suplente.

En virtude do anterior, e unha vez feitos os trámites previstos, cómpre facer o seu nomeamento que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Así, de conformidade coas atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e os artigos 10 e 11 dos estatutos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro,

DISPOÑO:

Primeiro. Nomear vogais suplentes do Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia as seguintes persoas, sen prexuízo da permanencia dos restantes membros nomeados pola Orde do 31 de maio de 2025, modificada pola Orde do 15 de abril de 2025:

a) En representación dos axentes sociais:

– Pola organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG):

Como vogal suplente: Francisco Xabier Cartelle Pérez, en substitución de Xulia González Pascual.

b) En representación da Administración:

– Pola consellería competente en materia de traballo:

Como vogal suplente: Mª Pilar Martínez Sánchez, subdirectora xeral de Economía Social, en substitución de Farrah Lisa Meghazi.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración