DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 26 de setembro de 2025 Páx. 51120

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se lle dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, denominado interventor/a xeral do Concello de Santiago de Compostela.

O Concello de Santiago de Compostela aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado interventor/a xeral do Concello de Santiago de Compostela, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Darlles publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Santiago de Compostela.

Posto: interventor/a xeral do Concello de Santiago de Compostela.

Subescala: intervención-tesouraría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 41.142,35 euros.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva, polo sistema de libre
designación, do posto de traballo de interventor/a xeral
do Concello de Santiago de Compostela

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos artigos 19 e 36 e seguintes do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, e no artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), o posto de interventor/a xeral do Concello de Santiago de Compostela, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de intervención-tesouraría, categoría superior.

Segunda. Corporación

Concello de Santiago de Compostela.

Terceira. Denominación e clase do posto

Interventor/a xeral do Concello de Santiago de Compostela, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior.

Cuarta. Características do posto

1. O posto que se vai prover está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Xunta de Goberno Local o 9 de setembro de 2024 e publicada no Boletín Oficial da provincia da Coruña nº 177, do 13 de setembro de 2024, que foi obxecto de dúas correccións de erros publicadas no Boletín Oficial da provincia da Coruña nº 184, do 24 de setembro de 2024, e nº 220, do 14 de novembro de 2024.

2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de provisión é o de libre designación.

3. O complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2025, é de 41.142,35 euros brutos.

4. O posto está suxeito a especial dedicación, nos termos do artigo 3.5.1.f) do Acordo regulador-Convenio colectivo do Concello de Santiago de Compostela, publicado no Boletín Oficial da provincia da Coruña, nº 22, do 3 de febreiro de 2010. Estará suxeito tamén ao réxime de incompatibilidades da Lei 53/1984, do 26 de decembro, e seranlle de aplicación as limitacións ao exercicio de actividades privadas establecidas no artigo 11 e seguintes da Lei 3/2015, do 30 de marzo, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado.

5. Corresponderanlle á persoa titular da Intervención as competencias e funcións que recolle o ordenamento xurídico, sinaladamente no artigo 136 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ademais das que se indican a seguir:

a) Coordinación e impulso de propostas normativas correspondentes á súa área.

b) Planificación, impulso, dirección e coordinación da súa área e dos expedientes administrativos relativos ás materias da súa competencia, incluídos os relacionados coa xestión orzamentaria ou contractual e a dirección e coordinación do persoal adscrito.

c) Proposta e implementación das medidas organizativas, de funcionamento e procedementais que sexan necesarias e convenientes para acadar a maior eficacia e eficiencia no cumprimento dos obxectivos encomendados.

d) Aquelas funcións de orde superior e executiva que lle sexan encomendadas pola Alcaldía ou pola concellaría delegada das materias da súa competencia.

Quinta. Requisitos para o seu desempeño

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado/a:

1. Estar integrado/a na subescala de intervención-tesouraría, categoría superior. Non poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario que se encontre nas circunstancias establecidas nas letras a), b) e c) do artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Na súa falta, a persoa interesada deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

Sexta. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela (sede.santiagodecompostela.gal).

Alternativamente, poderanse presentar en soporte papel na Oficina de Asistencia en materia de rexistros do Concello de Santiago de Compostela ou en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela, dentro do prazo dos quince (15) días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo), e nelas deberán indicarse, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada Lei 39/2015, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se encontre a persoa solicitante e o seu destino, e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base quinta.

Xunto coas solicitudes, as persoas aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e os cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

Sétima. Nomeamento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía Presidencia procederá a ditar, no prazo dun mes, de ser o caso e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, á observancia do procedemento, á competencia para o nomeamento, aos concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento e ás condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade da persoa funcionaria nomeada, e da cal dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para a publicación no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo).

En consideración co sistema de provisión, o nomeamento será realizado discrecionalmente pola Alcaldía Presidencia, en atención aos méritos achegados polas persoas aspirantes, e poderá declararse deserta a convocatoria se así o considera oportuno.

Oitava. Toma de posesión

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009 e 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; en consecuencia, será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo na mesma localidade, ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Impugnación

Contra esta resolución e cantos actos administrativos deriven dela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela, nos termos e nos prazos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación), ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e nos prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (dous meses contados a partir da mesma data).