DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 1 de outubro de 2025 Páx. 52020

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2025, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de senda peonil na AC-433 (Laxe). Segunda fase, de clave AC/24/010.06, no concello de Laxe.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

O 14 de abril de 2025, a Xunta de Galicia aprobou o proxecto de trazado de senda peonil na AC-433 (Laxe). Segunda fase, de clave AC/24/010.06, no concello de Laxe, publicado no Diario Oficial de Galicia do 24 de abril de 2025 (DOG núm. 78).

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Laxe, para que comparezan no lugar, a data e as horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Laxe.

Lugar: salón de plenos do Concello de Laxe.

Data: 24 de outubro de 2025, das 10.30 ás 11.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Laxe e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, núm. 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0373.xml

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados no momento do levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, a fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Se o consideran oportuno, poderán ir acompañados, á súa custa, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non teren presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:

Termo municipal de Laxe.

Lugar: salón de plenos do Concello de Laxe.

Data: 28 de novembro de 2025, das 10.30 ás 10.45 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

Este acordo faise público, para xeral coñecemento.

Advírtense os titulares de que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, non se admitirá representación senón por medio dun poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e que deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros e deberán identificarse co documento nacional de identidade.

A Coruña, 25 de setembro de 2025

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña