A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal recibiu un oficio da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sección Primeira, polo que solicita o emprazamento de cantas aparezan como persoas interesadas no recurso contencioso-administrativo PO 247/2024, contra a Orde do 19 de setembro de 2024 pola que se regula o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos selectivos para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, convocados polas resolucións do 6 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 186, do 26 de setembro).
O recurso interponse exclusivamente fronte ao carácter provisional dos destinos adxudicados ao persoal do corpo facultativo superior, escala de veterinarios, e pode afectar non só as persoas participantes nos ditos procesos selectivos, senón tamén aquelas que participen no concurso de traslados da mesma escala.
En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a remisión do correspondente expediente administrativo, o que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas para que poidan comparecer como parte nos autos ante a referida sala, no prazo de nove días contado desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
