DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 9 de outubro de 2025 Páx. 53063

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ana Barbeito.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ana Barbeito, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 27 de maio de 2025, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ana Barbeito constituíuna María Elisa Barbeito Otero, mediante escritura pública outorgada o 11 de febreiro de 2025, ante o notario de Pontevedra, Francisco León Gómez, co número de protocolo 327.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a promoción e difusión da cultura, especialmente a arte galega, en todas as súas manifestacións».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan as cuestións relativas á identidade da fundadora; á súa capacidade para constituíla; á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; á dotación; aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por María Elisa Barbeito Otero, presidenta; Marta Vázquez González, vicepresidenta, e María Lourdes Álvarez Otero, secretaria.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Ana Barbeito, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen o artigo 47.2 da citada lei, o 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 17 de setembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro) clasificouse de interese cultural a Fundación Ana Barbeito e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ana Barbeito, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Ana Barbeito.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude