DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 10 de outubro de 2025 Páx. 53178

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 1 de outubro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan dúas bolsas de formación en materia de investigación mariña para persoas con titulación superior (código de procedemento PE609E).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúe a esta as competencias en materia de investigación mariña que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

A Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aprobada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de abril de 2022, define o marco das políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Tendo en conta este marco, e a importancia da investigación científica e a formación en ciencias e bioloxía mariña no desenvolvemento económico de Galicia, nesta orde procédese á convocatoria de bolsas para que persoas con titulación universitaria de licenciatura ou de grao complementen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación en investigación mariña, garantindo, por unha parte, a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida laboral, e, por outra, a formación en investigación mariña para realizar teses.

Esta convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027, aliñándose co reto 1 (Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación) e coa prioridade 1 (Sustentabilidade). Así mesmo, contribúe ao obxectivo estratéxico 4, integrándose, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 de Galicia e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica, conta co Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (en diante, Cima), como organismo público autonómico de investigación non universitario de Galicia que ten como misión principal realizar actividade investigadora relacionada co medio mariño e os seres que nel habitan, nos ámbitos da pesca, do marisqueo e da acuicultura, encamiñada a conseguir unha xestión racional dos recursos mariños vivos no ámbito xeográfico de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de persoas con titulación universitaria de licenciatura ou de grao no campo da investigación mariña, así como convocar dúas bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para os anos 2025, 2026 e 2027 (código de procedemento administrativo PE609E).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao en Bioloxía ou Ciencias do Mar. As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a esta titulación no ano 2022 ou posterior.

2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

4. Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación para a especialización en materias de investigación mariña para persoas con titulación superior convocadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores desfrutasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses

5. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

6. Non ter a titulación de doutor/a, nin atoparse matriculado nun programa de doutoramento do sistema universitario nacional ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

7. Estar en posesión do permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.

Artigo 3. Condicións e incompatibilidades

1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 4. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de dúas, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 10 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión e sen posibilidade de prórroga.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de mil douscentos euros (1.200,00 €).

4. Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito de cincuenta e sete mil seiscentos euros (57.600,00 €). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 16.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2025 (4.800,00 €), 2026 (28.800,00 €) e 2027 (24.000,00 €).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais destinaranse un total de tres mil novecentos vinte euros (3.920,00 €), respectivamente nos anos 2025 (300,00 €), 2026 (1.920,00 €) e 2027 (1.700,00 €), e con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Con este obxecto, aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2025 máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

7. As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia, que está integrado polo Cima de Corón (Vilanova de Arousa) e o Cima de Ribadeo, e distribuiranse do seguinte xeito:

Centro

Materia de especialización

Número de bolsas

Cima-Corón

Recursos mariños. Dinámica de poboacións. Ecosistemas mariños

1

Cima-Ribadeo

Cultivo de fitoplancto, moluscos bivalvos e equinodermos. Sistemas de reprodución e cultivo

1

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. As persoas solicitantes deste procedemento dispoñen da capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, segundo o establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia: «do mesmo xeito, e de conformidade co artigo 16.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regulamentariamente poderase establecer a obriga de presentar determinados documentos por medios electrónicos para certos procedementos e colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios».

2. De acordo co disposto no número 1, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, deberán dirixirse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

5. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, acompañada dun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas, en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

b) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición no caso de non ter o título académico de licenciatura ou grao.

c) Poder de representación da persoa representante, de ser o caso. A representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Currículo da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Certificado de Celga 4 ou equivalente, no caso de non estar expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

f) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia con data da última variación de empadroamento da persoa solicitante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sen prexuízo do sinalado nos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se for o caso.

c) NIF da entidade representante, se for o caso.

d) Verificación de títulos oficiais universitarios.

e) Datos de matrícula universitaria.

f) Certificado de estar ao día nos pagamentos das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

i) Condición de persoa bolseira.

j) Certificado do Celga 4 ou equivalente, no caso de non ser expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

k) Permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.

l) Concesión de subvencións e axudas.

m) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento, polas persoas interesadas, da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Procedemento de selección e criterios de valoración

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos nas dúas fases das que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de cen puntos.

3. A primeira fase valorarase de cero a setenta puntos. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes admitidas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

A. Expediente académico: a nota media do expediente académico multiplicarase por 6,00. Puntuación máxima: 60 puntos.

Para o cálculo desta puntuación aplicarase a seguinte fórmula:

(Nota media do grao ou licenciatura) × 6,00

Forma de acreditación: certificación académica en que conste a nota media do expediente.

B. Formación complementaria recibida. Un máximo de 10 puntos conforme o seguinte baremo:

a) Por cada título universitario de mestrado universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados: 1 punto. Por cada curso de experta/o ou especialista universitario: 0,50 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

Os mestrados ou cursos de experto/a ou especialista avanzado deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para que poidan ser valorados, o contido destas titulacións ou cursos debe estar relacionado directamente co dito programa formativo en, polo menos, a metade de horas ou créditos.

Forma de acreditación: copia dos títulos, pagamento dos dereitos para a súa expedición ou certificados de participación nas actividades formativas.

b) Por cada curso de formación en materia de bioloxía mariña ou en informática: desde un mínimo de 20 horas ata un máximo de 40 horas, 0,30 puntos; de máis de 40 horas, 0,60 puntos; ata un máximo de 2 puntos nesta epígrafe.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

Non se valorarán as titulacións en materias deportivas, de lecer ou diplomas por participación en accións de voluntariado.

c) Linguas estranxeiras: tómanse como referencia o MCERL (Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro (BOE do 23 de decembro).

Polo coñecemento do idioma inglés, francés, alemán e/ou portugués: ata un máximo de 6 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior da mesma lingua.

Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 5,00 puntos.

Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 3,00 puntos.

Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 1,00 puntos.

Forma de acreditación: copia do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Todos os méritos recollidos neste artigo se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente pola persoa solicitante e acompañados á solicitude. A puntuación desta primeira fase obterase da suma do expediente máis a formación complementaria.

4. Unha vez avaliados pola Comisión de Valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase no taboleiro de anuncios da Consellería e na súa páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas na primeira fase. Contra estas puntuacións poderanse presentar reclamacións no prazo de cinco días contados a partir do seguinte á exposición na páxina web. Non se terá en conta, neste prazo de reclamacións, a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web da Consellería a lista definitiva coa puntuación obtida na primeira fase e convocaranse as vinte primeiras persoas aspirantes con maior puntuación na valoración dos méritos a unha entrevista persoal, correspondente á segunda fase do proceso de selección, indicando a data e a hora de realización desta.

No caso de que cos criterios enunciados anteriormente exista igualdade de puntuación, o posible empate resolverase por orde alfabética e iniciarase por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra F, en referencia ao establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. A segunda fase consistirá nunha entrevista que se valorará de cero a trinta puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante publicación na páxina web da Consellería, a realizaren unha entrevista persoal coa Comisión de Valoración na sede do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia en Corón (Vilanova de Arousa), na cal se valorará a súa capacidade de resposta, motivación e iniciativa. De non se presentar á entrevista, entenderase que a persoa aspirante renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

6. Logo de realizar as entrevistas, a Comisión de Valoración elaborará a relación de persoas candidatas por orde de puntuación, que se publicará na páxina web da Consellería. A Comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán as persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarias de bolsa.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución do procedemento será o Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O órgano instrutor comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo: https://mar.xunta.gal/gl

A lista permanecerá exposta durante dez días e as persoas interesadas poderán, durante ese prazo, emendar erros e falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha Comisión de Valoración constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no artigo 10.

3. Comisión de Valoración.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do Cima.

Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da Comisión de Valoración.

– Vogais: serán catro persoas designadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, entre o persoal funcionario do grupo A1.

4. A Comisión de Valoración considerarase constituída cando asistan o/a presidente/a ou a persoa que figura como suplente e dúas das persoas que sexan designadas como vogais. De acordo co recollido no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Comisión de Valoración porá celebrar sesións mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos.

5. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración elevaralle ao órgano instrutor a relación coas dúas persoas propostas e a relación de suplentes, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo 10. Tal órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación da conselleira do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

6. Esta resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na páxina web oficial da Consellería do Mar, www.mar.xunta.gal

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de catro meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En ningún caso, o dito prazo poderá exceder o exercicio 2025. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Aceptación da bolsa

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión na páxina web oficial da Consellería do Mar, www.mar.xunta.gal, as persoas beneficiarias das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a. No caso de comunicar a súa aceptación, o bolseiro/a deberá comprometerse a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases. De non facelo no prazo indicado, considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de achegar a documentación sinalada nos puntos 2 e 3 deste artigo.

2. Así mesmo, presentarán declaración responsable en que conste que non desfrutan doutro tipo de bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como que non perciben soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatuaria.

3. Tamén, coa aceptación da bolsa, presentarán certificación médica acreditativa de non estar incapacitados/as fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas.

4. Do mesmo xeito, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Pagamento das bolsas e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute, para os casos en que a persoa inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes, respectivamente. É necesario para proceder ao pagamento mensual que a persoa que exerza a dirección do Cima certifique a actividade dos/das bolseiros/as.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que a persoa beneficiaria presente a memoria final que resuma a actividade realizada por esta durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do titor/a da formación, así como dunha declaración de todas as bolsas concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades durante o período de goce da concedida ao abeiro desta orde. O prazo máximo para a presentación do informe final coa memoria das actividades será entre o primeiro día e o último día hábil do mes do remate da realización da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Obrigas das persoas bolseiras

1. As persoas bolseiras deberán desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

2. Co fin de facilitar o seu proceso de formación, as persoas bolseiras contarán co asesoramento, orientación e dirección dun/dunha titor/a, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. Será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

3. As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa co persoal do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos. Respectarán os horarios, as normas e a disciplina do centro onde desenvolven a súa formación.

4. As persoas beneficiarias deberán facilitar cantos datos resulten necesarios para o seguimento e a avaliación das axudas no marco da avaliación da RIS3 de Galicia ou doutros instrumentos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE relacionadas. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16. Desenvolvemento das bolsas

1. Por petición das persoas interesadas, ao rematar a bolsa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable da persoa titora de formación e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa de aproveitamento da bolsa.

2. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 18. Renuncias, revogación, interrupcións e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o período de desfrute desta, deberá comunicarse mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. A persoa titora da titular da bolsa poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. As vacantes ocasionadas por renuncia ou revogación poderán cubrirse polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola Comisión de Avaliación.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nestas bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarios para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file