Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 5 de maio).
Pola Resolución deste mesmo centro directivo, do 17 de xuño de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 119, do 24 de xuño) publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 e aprobouse a oferta de destinos nas categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria.
O punto 8) da resolución de bases establece que as persoas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión.
A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaran, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as para participar neste concurso e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e destinos provisionalmente asignados.
De conformidade co previsto nas bases 3.5.1), 8.3) e 8.4) da Resolución do 20 de novembro de 2017, logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe provisional de admitidos/excluídos, así como a baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria.
Segundo. Declarar resolto provisionalmente o dito concurso, coa publicación das puntuacións e dos destinos provisionalmente asignados.
As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as das categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria, as puntuacións provisionais desagregadas pola epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados, están publicadas á disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.
Cuarto. De conformidade coa base oitava da Resolución do 20 de novembro de 2017, e por razóns de urxencia, de acordo co punto primeiro da Resolución do 25 de abril de 2023, desta Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifican as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou en calquera dos rexistros ou lugares previstos no artigo 16.4 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
