DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 2025 Páx. 54168

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2025 pola que se convoca, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, o curso Formación ciclista.

Na actualidade, a seguridade viaria é unha preocupación global. Segundo datos recentes, os accidentes de tráfico son unha das principais causas de mortalidade en todo o mundo e, en moitos casos, estes accidentes poderían evitarse cunha educación viaria adecuada desde idades temperás. Educar para a seguridade viaria vai máis aló das normas e sinais de tráfico, constitúe unha ferramenta poderosa para desenvolver competencias cívicas, convivencia e responsabilidade social.

Coa implementación da LOMLOE, a educación viaria acadou maior relevancia no currículo, xa que se debe traballar tanto de maneira específica nalgunhas materias como de forma transversal, abranguendo o seu desenvolvemento todas as etapas educativas. A formación en educación viaria é unha necesidade imperante para a poboación xeral, o profesorado, os axentes da autoridade, etc. Non se trata só de cumprir cun requisito curricular, senón de adquirir as ferramentas e coñecementos necesarios para formar a cidadanía, que contribúan a unha sociedade máis segura e consciente.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT), no marco das súas competencias e prioridades, vén desenvolvendo accións diversas para a mobilidade sustentable e segura. Co obxectivo de promover unha mobilidade segura, sustentable e saudable foméntase o uso da bicicleta como modo de desprazamento eficiente.

Por iso, a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), en colaboración coa DXT, desenvolve este curso de Formación ciclista, co fin de dotar a quen participe dos coñecementos e ferramentas necesarios para realizar accións de formación e fomento en ciclismo cotián.

Deste xeito, dentro das actividades programadas para o ano 2025 no plan de formación aprobado polo seu Consello Reitor, e segundo as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dunha edición do curso Formación ciclista, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Horas lectivas: 30.

Modalidade: en liña.

Prazas: 100.

Obxectivos:

1º. Difundir o coñecemento de experiencias de éxito de formación, promoción e uso como ferramenta educativa da bicicleta nos centros escolares.

2º. Promover o uso da bicicleta como medio de transporte entre o profesorado.

3º. Adquirir e/ou reforzar hábitos, actitudes e comportamentos viarios seguros na súa actividade cotiá para, posteriormente, poder transmitilos ao alumnado.

4º. Mostrar a bicicleta como posible medio de transporte escolar, tanto nos traxectos de ida e volta aos domicilios (fóra de horario escolar) como ás actividades culturais ou deportivas (dentro de horario escolar).

5º. Facilitar coñecementos e ferramentas para traballar coa bicicleta dentro e fóra do recinto escolar.

Contido:

Módulo 1. Fundamentos básicos da mobilidade actual.

Módulo 2. A bicicleta nos centros educativos.

Módulo 3. Equipamento e mecánica.

Módulo 4. Ensinar a montar en bicicleta desde cero.

Módulo 5. Ensinar e avaliar as aptitudes sobre a bicicleta.

Módulo 6. Conceptos básicos de circulación.

Módulo 7. Deseñar unha ruta para un grupo.

Módulo 8. Guiar unha ruta en bicicleta.

Módulo 9. Organizar un bicibús.

Datas:

O curso realizarase desde o 1 ao 29 de decembro de 2025.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Persoas destinatarias:

– Persoal dos corpos das policías locais.

– Persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia.

3. Solicitudes de participación.

a) Prazo de inscrición e presentación:

O prazo para a inscrición e a presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 20 de novembro de 2025.

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp, http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

b) Criterios de selección:

– Terá prioridade o persoal dos corpos da policía local.

– Entre o persoal voluntario de protección civil terán preferencia as solicitudes recibidas do persoal das agrupacións dos concellos que non conten con corpo da policía local e realicen tarefas de educación viaria.

A continuación destes criterios específicos de selección, terase en conta:

– A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

– Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

4. Publicación das relacións do alumnado seleccionado.

1º. A Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2º. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Metodoloxía e avaliación.

Metodoloxía:

Os contidos facilitaranse conforme o cronograma do curso. A plataforma docente do curso é a aula virtual da Agasp, que permite:

– Visualizar os contidos do curso en formatos adaptados ás necesidades do alumnado.

– Realizar os cuestionarios de avaliación que se propoñen no curso.

– Formular consultas ao profesorado e participar nas demais ferramentas de comunicación colaborativas (foros).

Avaliación:

Criterios para superar a acción formativa: resultar apto/a nos cuestionarios de avaliación.

A cualificación de apto/non apto obtense:

1º. Polo estudo dos contidos do curso.

2º. Pola superación dos cuestionarios de avaliación de cada módulo, así como o cuestionario de avaliación final, sempre que se obteña en cada categoría unha cualificación superior a 5. Permitiranse 2 intentos en cada cuestionario.

3º. En cada un dos módulos hai un foro para o debate. É importante participar activamente.

Nalgún dos foros exponse un caso práctico para crear un debate específico. Neste caso é obrigatorio intervir e participar realizando achegas, con intervencións mediante mensaxes sobre o tema exposto.

6. Certificación.

Superado o curso e a fase de avaliación, a DXT emitirá un certificado oficial e, paralelamente, a Agasp certificará a súa superación.

7. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 8 de outubro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública