DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 17 de outubro de 2025 Páx. 54311

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2025, do Departamento Territorial de Ourense, pola que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana.

As afectacións ocasionadas polas poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia, que obedece en gran medida aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie.

Constatouse que a especie provoca múltiples danos na agricultura e accidentes de tráfico, e a presenza cada vez máis habitual de xabarís nas zonas periurbanas é un problema adicional.

Así mesmo, unha elevada poboación de xabarís favorece o risco de dispersión de certas enfermidades, como a peste porcina africana, o que dificultaría a súa erradicación nun momento dado, de ser necesaria.

Tanto a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, como a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establecen ás excepcións relativas ás prohibicións recollidas nesta normativa para garantir a conservación de especies autóctonas silvestres e prevén que a Comunidade Autónoma poderá autorizar a captura e/ou morte de especies silvestres en caso de efectos prexudiciais para a saúde e seguridade das persoas e para previr prexuízos importantes aos cultivos, ao gando, aos bosques, á pesca e á calidade das augas e para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais, entre outros supostos, de non existir outra solución satisfactoria e sen que isto supoña causar un prexuízo ao mantemento nun estado de conservación favorable das especies ou das poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural.

Por outra banda, o artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, establece que poderán quedar sen efecto as prohibicións previstas no seu capítulo III, Protección das pezas de caza e autorizacións especiais, despois da autorización da dirección xeral competente en materia de caza, cando da súa aplicación deriven efectos prexudiciais para a saúde, a seguridade das persoas e as especies protexidas, así como para previr prexuízos importantes aos cultivos, ao gando, aos bosques, á propia caza, á pesca ou á calidade das augas e para protexer a flora e fauna silvestres e os hábitats naturais.

Nesta liña, a Resolución do 10 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2025-2026, establece no seu artigo 13, relativo ao control de danos, que co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderán acordar medidas de control.

No marco desta problemática, adoptáronse determinadas medidas de control de danos, co fin de minorar na medida do posible os efectos desta especie sobre os ecosistemas, as producións agrarias e o propio medio urbano.

Non obstante, a disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, prevé que cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandaría, os montes ou a propia caza, a xefatura territorial competente en materia de caza, de oficio ou por instancia de parte, e logo das consultas e comprobacións que considere oportunas, poderá declarar a dita comarca en emerxencia cinexética temporal, e determinar as épocas e medidas conducentes a eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie en cuestión.

Nos concellos pertencentes ás comarcas relacionadas no anexo I desta resolución, detectouse o incremento nos últimos exercicios e de xeito exponencial das afectacións ocasionadas por esta especie, principalmente aos cultivos, e nalgúns casos concorre, así mesmo, un aumento na accidentalidade do tráfico.

A situación actual nestas comarcas é, pois, indicativa da existencia dunhas circunstancias especiais, polo que se considera prioritario incidir na adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos instaurados para o control desta especie cinexética, conducentes a reducir as súas densidades e poboacións.

As actuacións que se desenvolverán nas áreas de emerxencia cinexética temporal dirixiranse ao control das poboacións de xabarís que se atopan en liberdade no medio natural, que constitúen un risco real para o ecosistema, a gandaría, a agricultura e as persoas, ademais de reducir o perigo de accidentes de tráfico e os posibles riscos sanitarios. Debe establecerse a natureza e duración das medidas conducentes a reducir o número de exemplares considerados prexudiciais e os controis que se deben exercer.

Por conseguinte, dadas as especiais circunstancias que as poboacións de xabarís están a ocasionar, considérase necesaria a adopción de medidas especiais de control conducentes a reducir as súas densidades e poboacións nos concellos das comarcas indicadas no anexo I desta resolución.

Tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal na comarcas sinaladas no anexo I desta resolución nas cales se inclúen os tecores e zonas libres indicados no anexo II, debido ás circunstancias especiales derivadas dos danos á agricultura, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor desta resolución ata o 22.2.2026, abranguendo o período hábil de caza establecido para o xabaril no artigo 16.2 da Resolución do 10 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal, nas comarcas incluídas no anexo I poderanse adoptar as medidas que se relacionan a continuación para o control da poboación de xabaril, permitíndose abater ou capturar sen límite de exemplares xabarís de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Nestas zonas permitirase, así mesmo, abater crías e femias seguidas de crías, logo de autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro.

a) En terreos cinexéticos:

As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana, salvo o especificado a continuación para as zonas libres de caza, con comunicación previa ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, atendendo aos seguintes condicionantes:

• Nos terreos en réxime cinexético especial: as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2025-2026 deberán ser comunicadas previamente ao correspondente departamento Territorial competente en materia de caza (procedemento MT720C).

• Nas zonas libres de caza as cazarías estarán suxeitas a autorización: deberán solicitarse ao correspondente departamento territorial competente en materia de caza cunha antelación mínima de dez días naturais (procedementos MT720K e MT720L). No período que abrangue ata o 5 de xaneiro de 2026, poderanse autorizar cazarías de xabaril os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos. Desde o 7 de xaneiro ao 22 de febreiro de 2026, ambos incluídos, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Na modalidade de agarda ou espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, e deberá indicarse expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.

Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderanse autorizar os propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deberán cumprir, así mesmo e en todo caso, cos requisitos exixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional:

– Un visor con convertedor ou amplificador electrónico de luz durante a práctica da modalidade do agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.

– Dispositivos electrónicos, tales como detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas do xabaril.

– Nos cultivos con destino á colleita en que se teñan iniciado os danos, poderase dispor de cebadeiros de gran ou froitos co obxecto de asegurar a eficacia no momento concreto dos controis.

Nestes terreos permitirase, así mesmo, a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e é necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente, e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).

b) En terreos non cinexéticos:

Nos terreos non cinexéticos para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Cando a aplicación de capturadeiros non reporte os resultados desexados, poderá permitirse a práctica da modalidade de agarda ou espera diúrna e nocturna, previa solicitude do interesado, en que se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM por motivos de seguridade, adoptando as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptiva neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe do Departamento Territorial.

Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberán solicitarse ao Departamento Territorial, con polo menos 15 días de antelación á data de realización. O prazo para resolver e notificar será dun mes, e o silencio administrativo é desestimatorio.

Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas na área de emerxencia cinexética temporal deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:

a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2025/2026 realizarase utilizando o procedemento MT720P procedemento xenérico de caza, mentres que os resultados das cazarías planificadas no plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.

b) En terreos de réxime cinexético común e terreos non cinexéticos: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P procedemento xenérico de caza, ou ben, no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinto. A presente resolución permanecerá vixente ata a finalización do período hábil de caza do xabaril para a tempada 2025-2026. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación incluído na epígrafe primeira, previa resolución, no momento en que se constate que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.

Sexto. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 9 de outubro de 2025

María José Fernández Laso
Directora territorial de Ourense

ANEXO I

Listado de comarcas de emerxencia cinexética e concellos comprendidos

Comarca de emerxencia cinexética

Concellos

Allariz-Maceda

Allariz

Baños de Molgas

Maceda

Paderne de Allariz

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

O Carballiño

Beariz

Boborás

Carballiño, O

Irixo, O

Maside

Piñor

Punxín

San Amaro

San Cristovo de Cea

A Limia

Baltar

Blancos, Os

Calvos de Randín

Porqueira

Rairiz de Veiga

Sandiás

Sarreaus

Trasmiras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Xinzo de Limia

Ourense

Amoeiro

Barbadás

Coles

Esgos

Nogueira de Ramuín

Ourense

Pereiro de Aguiar, O

Peroxa, A

San Cibrao das Viñas

Taboadela

Toén

Vilamarín

O Ribeiro

Arnoia, A

Avión

Beade

Carballeda de Avia

Castrelo de Miño

Cenlle

Cortegada

Leiro

Melón

Ribadavia

Terra de Caldelas

Castro Caldelas

Montederramo

Parada de Sil

Teixeira, A

Terra de Celanova

Bola, A

Cartelle

Celanova

Gomesende

Merca, A

Padrenda

Pontedeva

Quintela de Leirado

Ramirás

Verea

Terra de Trives

Chandrexa de Queixa

Manzaneda

Pobra de Trives, A

San Xoán de Río

Valdeorras *

Barco de Valdeorras, O

Bolo, O

Carballeda de Valdeorras

Larouco

Rúa, A

Rubiá

Veiga, A

Vilamartín de Valdeorras

Verín

Castrelo do Val

Cualedro

Laza

Monterrei

Oímbra

Riós

Verín

Vilardevós

Viana

Gudiña, A

Mezquita, A

Viana do Bolo

Vilariño de Conso

* Exclúese o termo municipal de Petín por ter sido gravemente afectado por incendios forestais.

ANEXO II

Datos de tecores e zonas libres comprendidos na declaración de emerxencia cinexética

Matrícula

Nome

Réxime cinexético

Comarca de emerxencia

OU-10084

Parada da Serra

Especial

Viana *

OU-10079

Vina do Bolo

Especial

OU-10197

Pradorramisquedo

Especial

OU-10208

Valdín-Ramilo

Especial

Viana e Valdeorras

OU-10242

San Xoán de Río

Especial

Terra de Trives**

OU-10074

Terra de Caldelas

Especial

Terra de Caldelas

OU-10073

Parada do Sil

Especial

OU-10147

A Teixeira

Especial

OU-10070

Riós

Especial

Verín1

OU-10215

Campobecerros

Especial

OU-10076

Vilardevós

Especial

OU-10220

Fial das Corzas

Especial

OU-10141

Carreiro-Ladrón

Especial

Verín e A Limia2

OU-10244

Rebordechao

Especial

OU-10148

Santa Águeda-Barbantiño

Especial

Ourense e O Carballiño

OU-10115

Toén

Especial

Ourense

OU-10013

Xungos

Especial

OU-10039

Luíntra-Nogueira de Ramuín

Especial

OU-10065

San Cibrao-Taboadela

Especial

OU-10020

O Pereiro de Aguiar

Especial

OU-10173

Serra Martiñá

Especial

Ourense, O Carballiño e Chantada

OU-10017

O Furriolo

Especial

Terra de Celanova

OU-10117

Cartelle

Especial

Terra de Celanova, O Ribeiro e Ourense

OU-10130

A Serra

Especial

Terra de Celanova

OU-10140

A Merca

Especial

OU-10072

Quintela de Leirado

Especial

OU-10131

Cortegada

Especial

Terra de Celanova e O Ribeiro

OU-10112

Padrenda

Especial

Terra de Celanova

OU-10011

Bande e O Castelo

Especial

Terra de Celanova e A Limia

OU-10014

Verea

Especial

Terra de Celanova

OU-10211

A Goberna-Regueiro

Especial

O Carballiño e O Deza

OU-10105

San Trocado e Cidade

Especial

O Carballiño e Ourense

OU-10214

Boborás

Especial

O Carballiño

OU-10016

Corneda

Especial

OU-10029

Pena Maior

Especial

OU-10038

O Irixo

Especial

OU-10174

Oseira

Especial

OU-10034

San Cristovo de Cea

Especial

OU-10114

Arnoia

Especial

O Ribeiro3

OU-10160

Santa Bárbara

Especial

OU-10184

Leiro

Especial

OU-10100

Melón

Especial

OU-10094

Allariz-Penamá

Especial

Allariz-Maceda4

OU-10056

Baños de Molgas

Especial

OU-10083

Xunqueira de Ambía

Especial

OU-10013

Xungos

Especial

OU-10055

Maceda

Especial

OU-10024

Paderne de Allariz

Especial

OU-10143

O Corzo

Especial

Valdeorras5

OU-10159

O Cabalín

Especial

OU-10163

San Cosme

Especial

OU-10251

Matacabrita

Especial

OU-10217

Xares

Especial

OU-10226

Vilanova

Especial

OU-10245

Seoane

Especial

OU-10246

Mazagará

Especial

OU-10249

A Veiga

Especial

OU-10254

San Vicente

Especial

OU-10110

Baltar

Especial

A Limia

OU-10132

Os Blancos

Especial

OU-10162

San Xoán de Randín

Especial

OU-10222

A Perdiz

Especial

OU-10028

Calvos de Randín

Especial

OU-10075

Alto Limia

Especial

OU-10082

Xinzo de Limia

Especial

OU-10150

Porqueira

Especial

OU-10048

Rairiz de Veiga

Especial

OU-10090

Sandiás

Especial

OU-10098

Trasmiras

Especial

OU-10153

Vilar de Barrio

Especial

OU-10253

Rebordechao dos Corzos

Especial

Zonas libres de caza

Código identificador

Concellos

Réxime cinexético

Comarca de emerxencia

OU-10

A Merca e Cartelle

Común

Terra de Celanova

OU-11

Celanova

Común

OU-14

Verea

Común

OU-19

Padrenda

Común

OU-04

Verín, Oímbra e Monterrei

Común

Verín

OU-17

Beade, Ribadavia, Cortegada e Gomesende

Común

O Ribeiro e Terra de Celanova

OU-07

Ourense, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Coles, Nogueira de Ramuín, Punxín, Cenlle, Castrelo de Miño e Vilamarín

Común

Ourense, O Carballiño e O Ribeiro

OU-08

San Cibrao das Viñas

Común

Ourense

OU-13

Castrelo de Miño e Cenlle

Común

O Ribeiro

OU-18

Pontedeva e Cortegada

Común

Terra de Celanova e O Ribeiro

OU-09

San Cristovo de Cea

Común

O Carballiño

OU-12

O Carballiño e Boborás

Común

OU-16

Boborás

Común

OU-01

O Barco de Valdeorras

Común

Valdeorras

OU-02

Carballeda de Valdeorras

Común

OU-03

A Veiga

Común

OU-15

Rairiz de Veiga

Común

A Limia

* Exclúense os tecores: OU-10080 A Gudiña, OU-10182 Pentes e Barxa, OU-10224 O Cañizo-Tameirón, OU-10078 A Mezquita, OU-10179 Pixeiros e OU-20001 Vilariño de Conso, por ter sido gravemente afectados por incendios forestais.

** Exclúense os tecores: OU-10061 Casteloais, OU-10241 Manzaneda e OU-10247 A Pobra de Trives, por ter sido gravemente afectados por incendios forestais.

1 Exclúense os tecor: OU-10093 Castrelo do Val, OU-10126 Cualedro, OU-10168 Serra de Larouco, OU-10181 Monterrei, OU-10256 O Toco e OU-10255 O Pousadoiro, por ter sido gravemente afectados por incendios forestais.

2 Exclúese o tecor: OU-10101 Laza por ter sido gravemente afectado por incendios forestais.

3 Exclúese o tecor: OU-10202 Corneira de Avia por ter sido gravemente afectado por incendios forestais.

4 Exclúese o tecor: OU-10250 Serra de San Mamede, por ter sido gravemente afectado por incendios forestais.

5 Exclúense os tecores: OU-10128 Santigoso, OU-10232 Xagoaza, OU-10225 O Bolo-Xigua, OU-10203 Pena Trevinca, OU-10248 Larouco, OU-10234 Perla do Sil, OU-10239 A Rúa, OU-10109 Rubiá, por ter sido gravemente afectados por incendios forestais.