De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por apreciarse razóns de interese público, dáse publicidade ao acordo de inicio do día 1 de outubro de 2025 polo que se inicia o procedemento para instar a extinción na vía xudicial da Fundación Pedro Murias.
A Fundación Escola Agrícola Pedro Murias declarouse de interese galego mediante Decreto 170/1987, da Xunta de Galicia, do 24 de xuño de 1987, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 141, do 27 de xullo, e outorgouse o seu protectorado á Consellería de Agricultura, actualmente denominada Consellería do Medio Rural.
Logo da promulgación da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, non se produciu a preceptiva adaptación estatutaria do Regulamento da fundación de 1913, nin se presentan con posterioridade as pertinentes contas anuais, memorias e plans de actuación. Tampouco consta o cumprimento mínimo dos preceptos reguladores de funcionamento ordinario previstos na dita Lei 12/2006, do 1 de decembro.
O artigo 24.2.c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, faculta o protectorado a instar a extinción da fundación se se apreciase a súa inviabilidade. Así mesmo, o artigo 44.1.c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, regula entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional.
O mesmo artigo 44, no seu número 3, indica que no suposto de que concorrese a causa de imposibilidade de realizar o fin fundacional, se non houbese acordo do padroado ou este non fose ratificado polo protectorado, a extinción da fundación requirirá a resolución xudicial motivada, que poderá ser instada polo protectorado ou o padroado, segundo os casos. Neste caso, ao non constar padroado, procede a instancia da extinción polo protectorado.
No mesmo sentido, o artigo 24.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, faculta o protectorado se nalgún momento da vida da fundación faltasen todos os membros do padroado, por calquera causa, –como é o caso da Fundación Pedro Murias– a instar a extinción xudicial da fundación.
Segundo o disposto no artigo 44.6 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, a resolución xudicial de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
O artigo 1.Noveno da Orde do 17 de novembro de 2015 de delegación de competencias en diversos órganos da Consellería do Medio Rural delega no secretario xeral técnico desta o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións atribúe ao protectorado.
Contra o acordo de inicio do 1 de outubro de 2025, por tratarse dun acto de trámite, non cabe recurso ningún, de acordo co disposto no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No obstante, as persoas interesadas dispoñen dun prazo de 15 días desde esta publicación no Diario Oficial de Galicia, para que poidan presentar as alegacións e os documentos que xulguen convenientes.
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural
