Mediante o Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro), apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
Mediante o Decreto 143/2023, do 9 de novembro (DOG núm. 214, do 10 de novembro), apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.
A disposición adicional primeira do Decreto 143/2023, do 9 de novembro, establece que se poderán convocar nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas da Administración xeral e especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coas derivadas da oferta de emprego público correspondente aos anos 2021 e 2022, que aínda estean pendentes de convocar.
En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.
Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,
DISPÓN:
Convocar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1.
I. Normas xerais.
I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir duascentas oitenta e dúas (282) prazas, do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C1), correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2023, á cal se acumulan as provenientes da oferta de 2022, segundo se detalla:
– Oferta de emprego público do exercicio 2022, aprobada polo Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro): cento oitenta e dúas (182) prazas, das cales vinte e catro (24) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.
– Oferta de emprego público do exercicio 2023, aprobada polo Decreto 143/2023, do 9 de novembro (DOG núm. 214, do 10 de novembro): cen (100) prazas, das cales dezaseis (16) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.
O sistema selectivo será o de concurso-oposición.
I.1.1. De conformidade co Decreto 217/2022, do 22 de decembro, e co Decreto 143/2023, do 9 de novembro, do total de prazas convocadas reservaranse corenta (40) para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.
Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.
De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos daráselles un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única na cal se incluirán todas as persoas aspirantes que o superen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que opten.
I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade, deberán indicalo expresamente na solicitude. De non o indicaren, entenderase que non optan por esta reserva.
As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.
I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.
I.1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicables o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.
I.2. Requisitos das persoas aspirantes.
Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación das solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:
I.2.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
I.2.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.
As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
I.2.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira ao corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2), excluídas as escalas.
Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo.
I.2.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2), excluídas as escalas.
Quedarán exentas do cumprimento deste requisito as persoas aspirantes que adquirisen a condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2) como consecuencia da superación dalgúns dos procesos de funcionarización ou promoción específica convocados ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que conten cunha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional desde a cal participaron no proceso de funcionarización.
Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais (artigo 168 da Lei 2/2015, do 29 de abril), na situación de excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da Lei 2/2015, do 29 de abril), na situación de excedencia por razón de violencia de xénero (artigo 177 da Lei 2/2015, do 29 de abril) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da Lei 2/2015, do 29 de abril).
I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
I.2.6. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.
No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
I.2.7. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % o día de remate do prazo de presentación das solicitudes de participación.
I.2.8. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence ao mesmo corpo e subgrupo obxecto desta convocatoria.
I.3. Solicitudes.
I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.
Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.
Unha vez completados os datos da persoa solicitante, poderase iniciar o proceso de inscrición.
As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.
As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se encontren, relativas ao pagamento de taxas:
As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.
Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produza o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio no cal proceda a súa aplicación.
As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.
I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática, a seguinte documentación:
a) Xustificante da condición de persoa con discapacidade, no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.
b) Xustificante da condición de familia numerosa, no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.
c) Os datos relativos á exección da taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación, e para iso deberán indicalo no recadro correspondente e achegar a seguinte documentación:
– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.
– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición.
– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.
Para a remisión electrónica, empregarán as epígrafes habilitadas para estes efectos. Se non dispoñen de copias auténticas, deberán xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude, orixinal ou copia debidamente autenticada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se encontren.
De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe:
– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados nesta epígrafe, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o/a cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.
I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:
Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico, e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.
Se ademais se emprega o certificado dixital, poderá realizarse o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado das entidades que ofrecen esa posibilidade.
Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».
A Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.
Para iso será necesario que a persoa interesada presente un escrito, dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, en que solicite a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe «Expediente > Datos persoais», e que achegue o certificado expedido pola entidade financeira no cal figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.
Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente, salvo no suposto regulado no parágrafo seguinte.
Procederá a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame por aquelas persoas aspirantes que acadasen un posto na mesma categoría, corpo, grupo, escala ou especialidade, en virtude dun proceso selectivo que se encontre en execución e que na data da publicación desta convocatoria non estea rematado, sempre que non realizasen ningún exercicio deste proceso e renuncien á participación nel. Para teren dereito a esta devolución, as persoas interesadas deberán presentar escrito de renuncia no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos. O escrito de renuncia dirixirase ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e solicitarase a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame. A persoa interesada introducirá, ademais, o número de conta bancaria completo na aplicación Fides, na epígrafe «Expediente > Datos persoais», e achegará o certificado expedido pola entidade financeira no cal figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado do escrito, da renuncia ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.
I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.
Non se poderá presentar máis dunha solicitude de participación para o mesmo corpo. No caso de presentar varias solicitudes, soamente se terá en conta a última presentada.
O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.
Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.
I.4. Admisión de aspirantes.
I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aprobará a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG. As listaxes coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.
As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.
A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita nunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se aprobará a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada no DOG. As listaxes definitivas coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.
II. Proceso selectivo.
II.1. Fase de oposición.
O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I a esta resolución.
Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.
II.1.1. Exercicios.
As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.
II.1.1.1. Primeiro exercicio.
Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, relacionado co programa recollido no anexo I.
O exercicio dividirase en dúas partes:
a) A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de noventa (90) preguntas.
Este cuestionario disporá de catro (4) preguntas de reserva.
b) A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de trinta (30) preguntas sobre un suposto práctico tipo test, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal.
Este cuestionario disporá de catro (4) preguntas de reserva.
O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa.
Nos supostos a) e b), as preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.
Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.
O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento setenta (170) minutos.
Superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes, determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes, publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
O exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.
A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.
II.1.1.2. Segundo exercicio.
Constará de dúas probas:
Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.
Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderálle ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga 4 requirido no proceso selectivo.
Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten a posesión, no día do remate do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio, e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e:Idiomas-Galego». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde a publicación da resolución anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.1.3. As persoas aspirantes que realizasen e superasen o exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro), cun mínimo do 60 % da cualificación máxima do correspondente exercicio, poderán quedar exentas da súa realización. Se optan por presentarse a este exercicio, quedará sen efecto o resultado obtido no exercicio da mencionada convocatoria anterior.
II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.
II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comence pola letra «F», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 21 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), pola que se fai público o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 16 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).
II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, ao xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.
II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal como colaboradoras.
II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.
II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.
Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e, xuntaranlle á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.
O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas, publicará a correspondente resolución no DOG. As alegacións das persoas aspirantes deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
II.1.2.8. A resolución pola cal se acorda a publicación dos resultados dos exercicios publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia xunta.gal/funcion-publica
As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións do exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior.
A tramitación destas alegacións deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.
No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal proporalle a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.
II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.
No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.
II.2. Fase de concurso.
A fase de concurso consistirá na valoración, ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición, dos seguintes méritos:
a) Antigüidade: os servizos serán valorados por meses de 30 días a razón de 0,06 puntos/mes. Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, por 0,06.
Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.
A puntuación máxima por esta epígrafe será de 18 puntos.
b) Grao persoal consolidado e formalizado: outorgarase a seguinte puntuación segundo o grao persoal que se consolidase e formalizase a través do recoñecemento de grao pola autoridade competente:
– Grao 12: 3 puntos.
– Grao 13: 3,5 puntos.
– Grao 14: 4 puntos.
– Grao 15: 4,5 puntos.
– Grao 16: 5 puntos.
– Grao 17: 5,5 puntos.
– Grao 18: 6 puntos.
– Grao 19: 6,5 puntos.
– Grao 20: 7 puntos.
No suposto en que non se formalizase ningún grao persoal, computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo 12. Non obstante, se dentro do prazo para a presentación da solicitude de participación no proceso selectivo, lle solicita ao órgano competente o recoñecemento do grao persoal, terase en conta o grao correspondente, sempre que a consolidación deste se producise con anterioridade ou no día do remate do prazo de presentación das solicitudes de participación neste proceso selectivo.
c) Traballo desenvolvido: outorgarase a seguinte puntuación segundo o nivel do posto de traballo que se ocupe con carácter definitivo como funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2).
Ao persoal laboral fixo que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2) ao abeiro da disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, teráselle en conta o traballo desenvolvido con carácter definitivo na categoría profesional desde a cal se realizou a funcionarización e consideraráselle como nivel de destino o nivel do posto en que se funcionarizou.
A determinación da puntuación realizarase a partir do sumatorio das puntuacións parciais obtidas no desempeño dun ou máis postos de traballo deste ou de diferente nivel de destino como consecuencia de aplicar a seguinte fórmula:
Traballo desenvolvido = (T1×P1 + T2×P2 + ... + Tn×Pn)
Onde:
– Ti amosa o tempo total de traballo desenvolvido nun nivel de destino concreto (i) expresado en meses (teranse en conta meses de 30 días).
– Pi amosa a puntuación asignada ao nivel de destino (i) segundo o seguinte criterio: polo nivel de destino 12: 0,012 puntos.
Por cada unidade de nivel de destino que exceda o 12: 0,001 puntos, ata un máximo de 0,020 puntos.
A puntuación máxima por esta epígrafe será de cinco (5) puntos.
A valoración efectuada nesta epígrafe non poderá ser modificada por futuras reclasificacións de nivel, con independencia dos seus efectos económicos.
Ao persoal funcionario en adscrición provisional ou á disposición do órgano competente en materia de persoal valoraráselle o nivel correspondente ao grao persoal consolidado en cada período. De non ter consolidado grao ningún, valoraráselle o grao mínimo establecido para o grupo desde o cal accede.
d) Formación: valoraranse os cursos de formación recibidos, convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estean homologados pola EGAP; cursos acreditados polo SEPE; cursos acreditados polas consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas contidos nos números 1 e 2 da alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cursos impartidos polas universidades.
Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.
Non se valorarán:
– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios, obradoiros e similares.
– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.
– As certificacións de profesionalidade e os programas formativos dos obradoiros de emprego.
– Aquelas actividades formativas habilitantes para o exercicio dunha profesión.
– Os cursos de doutoramento.
– Os módulos ou partes integrantes dun curso.
– Os cursos que formen parte de módulos ou créditos que dean acceso a titulacións académicas oficiais ou validables por créditos universitarios.
– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.
A puntuación máxima desta epígrafe é de 6 puntos.
e) Grao de coñecemento do idioma galego:
– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.
– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.
En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.
f) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores, ata o máximo de 1 punto:
– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 da Lei 2/2015, do 29 de abril): 0,2 puntos/permiso.
– Permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 da Lei 2/2015, do 29 de abril): 0,2 puntos/permiso.
– Redución de xornada regulada no artigo 106.2 a) e b) da Lei 2/2015, do 29 de abril: 0,04 puntos/mes.
– Excedencia para o coidado de familiares: 0,04 puntos/mes.
Os meses serán computados por días naturais (30 días).
II.3. Os méritos enumerados na base II.2 deberán referirse á data de remate do prazo de presentación das solicitudes de participación neste proceso e figurarán incorporados ao expediente electrónico persoal na data que se estableza por resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que será publicada no DOG. Non se terán en conta os méritos que se acrediten fóra do prazo establecido na dita resolución.
II.4. Rematada a fase de oposición, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará no DOG a resolución a que se refire a epígrafe anterior, para que as persoas que superaron esta fase e ás cales lles falte por incorporar ou acreditar documentalmente algún mérito relativo á fase de concurso no seu expediente electrónico persoal o acheguen a través da Canle do emprego público de Galicia (Fides).
II.5. O tribunal realizará a baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
A resolución pola cal se acorda a publicación da baremación provisional da fase de concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade e puntuación obtida, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia xunta.gal/funcion-publica
As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ao baremo provisional no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior. Estas alegacións deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
Á vista das alegacións presentadas polas persoas aspirantes e, de ser o caso, realizadas as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a resolución pola cal se aproba a baremación definitiva da fase de concurso. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade e puntuación obtida, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia xunta.gal/funcion-publica
II.6. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número de persoas aspirantes superior ao de prazas convocadas.
Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.
III. Tribunal
III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de emprego público, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, artigo 60 do TRLEBEP, artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo.
III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá serlle comunicada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non encontrarse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.
En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorran nelas algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola cal se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal cualificador que substituirán as que perderon a súa condición por calquera das causas previstas na normativa aplicable.
III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.
III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen as substitúa.
III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.
III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.
III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.
O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales lles corresponden os resultados obtidos.
III.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, que se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.
Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.
III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.
III.12. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.6.
III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
III.14. As comunicacións que lle formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).
IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.
IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.
No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:
– Puntuación obtida no primeiro exercicio da fase de oposición.
– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.
– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.
– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.
IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a resolución pola cal se declaran as persoas aspirantes que superaron o dito proceso; as listaxes coas persoas aspirantes que superaron o proceso, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade ou equivalente, ordenadas polas puntuacións acadadas, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.
A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da referida resolución, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:
a) Títulos académicos exixidos na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.
Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e:Formación-Formación Académica/Profesional». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.
b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do cal foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.
No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.
c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.
d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Igualdade ou, de ser o caso, da Administración correspondente.
A consellería competente en materia de emprego público solicitaralle ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.
As persoas aspirantes poderán autorizarlle á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.
IV.3. As persoas aspirantes estarán exentas de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obteren o seu anterior nomeamento.
IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.
IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.
Ás persoas aspirantes que superen este proceso selectivo adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñesen desempeñando con carácter definitivo, sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao corpo de Administración xeral a que acceden.
No caso de que a persoa aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto ao corpo, ofertarase na elección de destino unha vacante que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.
IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril.
V. Disposición derradeira
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
ANEXO I
Tema 1. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: títulos preliminar, I, II, III, IV e V.
Tema 2. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: capítulos I, II (agás subsección 2ª da sección 3ª), III, IV e V do título preliminar.
Tema 3. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I, II e capítulo I do título III.
Tema 4. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014: título preliminar, libro primeiro (agás o capítulo V do título I) e capítulo I do título I (agás subseccións 5, 6 e 7 da sección 2) do libro segundo.
Tema 5. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: títulos preliminar e I.
Tema 6. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: títulos I ao IX.
Tema 7. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: título preliminar e capítulos I e III do título III.
Tema 8. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, título I (sección 1ª do capítulo V) e título II.
Tema 9. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar, título I (capítulos I, II, IV, e V) e título II (seccións 1ª, 2ª e 3ª do capítulo I).
Tema 10. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: titulos preliminar, I, II (capítulos I, II e XI), VII e VIII.
ANEXO II
(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se encontra en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.
..., ... de ... de 202...
ANEXO III
(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, que non se encontra inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de... , nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
(País e localidade) ..., ... de ... de 202...
