DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 11 de novembro de 2025 Páx. 58188

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 101/2025, do 27 de outubro, polo que se modifican o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, e o Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

En virtude do disposto na disposición adicional quinta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, procedeuse á transformación do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) en axencia, mantendo a súa adscrición á consellería competente na materia, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo.

O Inega ten como obxectivos básicos o fomento, o impulso e a realización de iniciativas e programas de actuación para a investigación, o estudo e o apoio das actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia, así como a participación na xestión e na prestación, se for o caso, de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Pola súa parte, a través do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, queda adscrito á consellería o organismo público CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas.

CIS Galicia é un centro tecnolóxico que ten, entre as súas misións, aumentar a capacidade de innovación da industria galega, mellorando a súa competitividade a través da xeración e da aplicación de tecnoloxía e coñecemento. No sistema económico global actual, caracterizado polo seu alto nivel de competitividade, a innovación configúrase como un dos valores estratéxicos e de necesario fomento por parte das administracións públicas. Neste contexto, e conscientes do importante papel que a innovación desempeña desde o punto de vista económico e coa finalidade de reforzar o papel de Galicia como un referente na transición enerxética, o desenvolvemento do Polo de Innovación de Enerxías Mariñas e Almacenamento Enerxético constitúe unha iniciativa estratéxica que permitirá impulsar o desenvolvemento tecnolóxico a través da innovación e a colaboración entre os distintos axentes do ecosistema de I+D+i; empresas, centros de coñecemento, administracións e sociedade, que permitirá o crecemento e o fortalecemento das empresas galegas existentes, así como a creación doutras novas, aumentando así a riqueza da Comunidade Autónoma e a calidade de vida da cidadanía galega. Para a implantación desta iniciativa, a zona de Ferrolterra preséntase como o epicentro idóneo para o desenvolvemento deste. Polo tanto, pola súa importancia para o sector naval como polas sinerxías que se dan no eido das enerxías renovables e a eólica mariña, cun papel destacado das actuacións no CIS Galicia.

En todo caso, unha premisa esencial para a axeitada implantación das políticas da Xunta de Galicia en materia de innovación eólica e en renovables, e para o cumprimento dos obxectivos anteriormente indicados require da existencia dunha adecuada organización administrativa que permita unha actuación da Administración Pública máis eficaz e eficiente.

Asemade, a necesidade de potenciar as sinerxías entre o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a eficiencia enerxética no tecido industrial galego xustifica a adscrición do CIS Galicia ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Este enfoque garante unha maior integración das actividades do centro coa estratexia enerxética da Xunta de Galicia, permitindo que a xeración e a aplicación de tecnoloxía e o coñecemento promovida polo CIS Galicia contribúa de forma máis efectiva aos obxectivos de sustentabilidade e competitividade industrial.

O Inega, como organismo dedicado ao desenvolvemento, á innovación e á promoción do uso racional da enerxía e das tecnoloxías enerxéticas renovables, ofrece o marco ideal para maximizar os recursos e capacidades do CIS Galicia, incrementando o impacto das súas accións no ámbito enerxético.

Esta colaboración estrutural facilita unha xestión máis eficiente dos proxectos relacionados coa innovación tecnolóxica e a enerxía, promovendo o desenvolvemento sustentable e a competitividade empresarial na comunidade. Así mesmo, reforza a capacidade de Galicia para liderar proxectos pioneiros que contribúan á transición enerxética e á transformación industrial, en consonancia cos obxectivos estratéxicos da Consellería de Economía e Industria.

En consecuencia, procede modificar os estatutos do Inega e o Decreto 140/2024, do 20 de maio, para adaptar a súa estrutura organizativa á incorporación do CIS Galicia, garantindo unha integración efectiva e funcional entre ambas as dúas entidades.

Por último, engádese unha disposición adicional décimo primeira no Decreto 140/2024, do 20 de maio, coa finalidade de garantir o correcto exercicio da competencia sancionadora que corresponde á consellería competente en materia de industria, en canto ás obrigas de instalación de infraestruturas de recarga eléctrica, establecidas no artigo 15 da Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética; así como, no relativo á ausencia de inscrición no listado de puntos de recarga xestionado polas comunidades autónomas e de comunicación da información que remitirán os prestadores de servizos de recarga enerxética ás comunidades autónomas, en virtude do previsto no artigo 48.3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e na Orde TED/445/2023, do 28 de abril.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Economía e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de outubro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Modificación do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

Un. Modifícase o artigo 21 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, que queda redactado como sigue:

«Artigo 21. Estrutura organizativa

1. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia estrutúrase internamente nos seguintes departamentos e áreas:

a) A Xerencia, da cal depende o Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no Sector Público.

b) O Departamento de Enerxía, do cal dependen a Área de Enerxías Renovables e a Área de Aforro e Eficiencia Enerxética.

2. Queda adscrito á Axencia Instituto Enerxético de Galicia o organismo CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño».

Dous. Modifícase a letra q) do número 1 do artigo 23 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, que queda redactada como segue:

«q) A dirección, coordinación e supervisión das actuacións do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño».

Tres. Engádese a letra r) ao número 1 do artigo 23 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, que queda redactada como segue:

«r) Calquera outra que lle encomende a Dirección da axencia no desenvolvemento das competencias desta».

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 23 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. O Departamento de Enerxía contará coas seguintes áreas con nivel orgánico de xefatura de servizo:

a) Área de Enerxías Renovables, á cal corresponden todos os aspectos do estudo, proxecto, desenvolvemento e xestión técnica das actuacións en materia de enerxías renovables e doutras alternativas enerxéticas.

b) Área de Aforro e Eficiencia Enerxética, á cal corresponden todos os aspectos do estudo, do proxecto, do desenvolvemento e da xestión técnica das actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores.

Asemade, dependendo funcionalmente do departamento de Enerxía e con nivel orgánico de xefatura de servizo, o CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño contará cun ou cunha responsable do centro, que exercerá as funcións relativas ao impulso da innovación no marco da súa adscrición ao Inega, e garantirá o aliñamento destas coas estratexias e obxectivos en materia enerxética e de innovación tecnolóxica da Xunta de Galicia».

Cinco. Engádese un novo artigo 23.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 23.bis. O CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño

1. O CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño exercerá, entre as súas funcións, as seguintes:

a) Ofrecer servizos especializados a empresas: asistencia técnica, mellora de procesos, desenvolvemento de software tecnolóxico e industrial, control de calidade e ensaios de materiais e produtos, etc.

b) Participación en proxectos en colaboración con empresas, como partners tecnolóxicos.

c) Promover a transferencia de tecnoloxía e coñecemento nos seus ámbitos de especialización a través da innovación, actuando como ponte para acelerar a implantación das novas tecnoloxías facilitando a colaboración entre a cuadrúpede hélice do sistema de I+D+i.

d) Asesoramento tecnolóxico, ofrecendo servizos de formación e consultaría técnicas, estudos de viabilidade e programas de formación especializados no sector industrial e enerxético e, fomentar que a Comunidade Autónoma sexa un referente global na xeración de coñecemento, creación de solucións innovadoras e a formación de profesionais altamente cualificados neste campo.

e) Identificar áreas tecnolóxicas prioritarias.

f) Difusión de cultura e coñecemento tecnolóxica.

g) Formación tecnolóxica especializada.

h) Desenvolvemento, a través do uso das novas tecnoloxías, solucións sustentables e innovadoras para as enerxías mariñas e o almacenamento enerxético promovendo a investigación, a transferencia a través da innovación tecnolóxica.

i) Promover a explotación industrial das tecnoloxías desenvolvidas por iniciativa do propio centro ou por outros centros públicos ou privados.

j) Participar a nivel nacional e internacional cos distintos axentes do ecosistema en proxectos estratéxicos de innovación tecnolóxica, especialmente en áreas claves como as enerxías renovables, a industria 4.0 ou a dixitalización, colaborando así na obtención de retornos tecnolóxicos e industriais óptimos na rexión.

k) Facilitar a colaboración público-privada promovendo sinerxías entre administracións, empresas e centros tecnolóxicos para impulsar proxectos innovadores.

l) Apoiar na xestión de incentivos para a implantación de proxectos de enerxías renovables e de eficiencia enerxética.

m) Realizar un seguimento e xestión dos proxectos do ámbito enerxético, especialmente daqueles financiados con fondos europeos.

n) Prestar apoio e asesoramento técnico no eido das enerxías renovables, especialmente nas enerxías mariñas, á Oficina Económica da Xunta de Galicia.

o) Calquera outra que lle encomende a Dirección da axencia no desenvolvemento das competencias desta.

2. En concreto, como eixo do Polo de Innovación de Enerxías Mariñas e Almacenamento de Enerxía, exercerá as seguintes funcións:

a) Contribuír a que Galicia sexa un epicentro internacional na innovación, desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías avanzadas en enerxías mariñas e almacenamento enerxético.

b) Aproveitar o potencial das costas galegas para as enerxías renovables dunha maneira xusta, garantindo a coexistencia de actividades e maximizando os retornos destes proxectos sobre a contorna, mediante o investimento en solucións sustentables e innovadoras que potencien a competitividade tecnolóxica da rexión e lle permitan acadar un mellor posicionamento industrial no eido das enerxías renovables.

c) Promover a competitividade da industria galega das enerxías mariñas e o almacenamento enerxético, para levar a cabo de maneira eficiente e fiable as actividades necesarias nesta industria ao longo de todo o seu ciclo de vida, potenciando as capacidades do tecido empresarial e de coñecemento, así como impulsar o ecosistema emprendedor neste sector.

d) Impulsar o papel das enerxías renovables mariñas na redución das emisións de CO2, e en concreto, contribuír á consecución dos obxectivos de Galicia de ser neutra en carbono en 2050.

e) Calquera outra que lle encomende a Dirección da axencia no desenvolvemento das competencias desta».

Artigo segundo. Modificación do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria

Un. Modifícase a letra b) do número 2 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«b) O CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, a través da Axencia Instituto Enerxético de Galicia».

Dous. Engádese unha disposición adicional décimo segundo coa seguinte redacción:

Disposición adicional undécima. Competencia sancionadora en materia de instalacións e servizos de recarga enerxética de vehículos

1. A competencia sancionadora da Xunta de Galicia, no relativo ao cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 15 da Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, e 48.3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, en relación coas instalacións e os servizos de recarga enerxética de vehículos, exercerase pola consellería competente en materia de industria.

2. No tocante ás obrigas de instalación de puntos de recarga eléctrica, a competencia sancionadora exercerase de conformidade co establecido na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector dos hidrocarburos, e no Decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos.

3. No que respecta ás obrigas de inscrición na listaxe de puntos de recarga, a competencia sancionadora exercerase de acordo coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e conforme o establecido no Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia.

Disposición adicional primeira. Referencias á Axencia Instituto Enerxético de Galicia

As referencias feitas nos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia á «axencia» entenderanse referidas tamén aos organismos adscritosa esta, cando sexa compatible coa natureza e funcións destes últimos.

Disposición adicional segunda. Habilitación de créditos

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións e as habilitacións orzamentarias precisas para o cumprimento do previsto neste decreto.

Disposición adicional terceira. Adscrición do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño

1. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia asumirá o control, a xestión e a administración do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño.

2. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia asumirá as funcións e as competencias do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño e subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivadas do exercicio das ditas competencias.

3. O persoal funcionario do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño será igualmente asumido pola Axencia Instituto Enerxético de Galicia, da que dependerá orgánica e funcionalmente a través das súas unidades de estrutura, mantendo os mesmos dereitos e condicións funcionais.

4. Autorízase a persoa titular da Dirección da axencia, por proposta da persoa titular da xerencia desta, para adscribir os postos de persoal funcionario do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño á Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Integración dos servizos tecnolóxicos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A determinación dos servizos, recursos económicos e orzamentarios dedicados ás TIC por parte do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) que se transferirán á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) concretaranse no correspondente acordo de traspaso entre as ditas axencias.

2. As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo, que se detallen no acordo de traspaso a que se refire o punto anterior, manteranse coas características e competencias que figuraban na anterior estrutura orgánica ata que o dito acordo se faga efectivo, momento en que quedarán adscritos aos órganos da estrutura orgánica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución do órgano competente en materia de emprego público, por proposta da Dirección da Amtega».

Disposición transitoria única. Expedientes en tramitación

Os procedementos iniciados polo CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño con anterioridade á entrada en vigor deste decreto e non resoltos na devandita data, serán resoltos polo órgano competente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, de acordo coa atribución do exercicio de competencias correspondente.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro do 2026, con excepción do previsto no número dous do artigo segundo, que entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria