DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 20 de novembro de 2025 Páx. 59987

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

EXTRACTO da Resolución do 12 de novembro de 2025 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras dos Premios de investigación en saúde (PISGa) para o ámbito de Galicia, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SA304E).

BDNS (Identif.): 869530.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/869530

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser candidatos/as aos PISGa na modalidade de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria calquera profesional sanitario clínico e/ou de enfermaría do Sistema público de saúde de Galicia cunha proposta de proxecto de investigación que realizase unha parte significativa no Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades instrumentais de investigación sanitaria de Galicia.

2. Poderán ser candidatos/as aos PISGa na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde as persoas investigadoras que estean realizando traballos científicos e de investigación de calidade demostrada nun grupo de investigación emerxente e cunha proxección de futuro nas súas respectivas áreas de investigación recoñecida nunha institución de investigación do Servizo Galego de Saúde a que no momento da presentación das candidaturas estean vinculados laboralmente. Para seren persoas candidatas deberán posuír o título de doutoramento (PhD ou equivalente) nunha disciplina relacionada co obxecto da investigación e ter un máximo de corenta anos na data de finalización do prazo para a presentación de candidaturas.

Segundo. Obxecto

1. A finalidade dos Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) é difundir, promover e premiar o coñecemento e a investigación sanitaria traslacional, de carácter preclínico e clínico, desenvolta polos profesionais do sector público da saúde de Galicia.

2. Os premios teñen o dobre obxectivo de, por unha parte, recoñecer e dar apoio a proxectos e liñas de investigación sanitaria en atención primaria dos/das profesionais que desenvolven a súa actividade no Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades públicas de investigación e, por outra, impulsar e recoñecer aquelas traxectorias científicas emerxentes dos investigadores de máximo de corenta anos vinculados ao sector público sanitario de Galicia, para consolidar un ecosistema de investigación traslacional no ámbito sanitario que propicie a transferencia do coñecemento á práctica asistencial.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 12 de novembro de 2025 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras dos Premios de investigación en saúde (PISGa) para o ámbito de Galicia, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SA304E).

Cuarto. Contía

1. A dotación económica máxima na modalidade de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria é de 3.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 5.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

2. A dotación económica máxima na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde é de 2.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 3.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

3. As persoas gañadoras recibirán o premio en especie.

4. O financiamento dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á ACIS, aplicación orzamentaria 12.A1.561C.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de candidaturas

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a conta o día seguinte ao da publicación das bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde