DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 25 de novembro de 2025 Páx. 60715

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, mediante o sistema de oposición, para o ingreso pola quenda de acceso libre no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

Mediante o Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro) apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Mediante o Decreto 143/2023, do 9 de novembro (DOG núm. 214, do 10 de novembro) apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Mediante o Decreto 198/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro) apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

A disposición adicional primeira do Decreto 198/2024, do 27 de decembro, establece que se poderán convocar nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas da Administración xeral e da especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coas derivadas da oferta de emprego público correspondente aos anos 2022 e 2023, que aínda estean pendentes de convocar.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir cincuenta e nove (59) prazas do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1), correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2024, á cal se acumulan as provenientes das ofertas de 2022 e 2023, segundo se detalla:

– Oferta de emprego público do exercicio 2022, aprobada polo Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro): trinta (30) prazas, das cales catro (4) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.

– Oferta de emprego público do exercicio 2023, aprobada polo Decreto 143/2023, do 9 de novembro (DOG núm. 214, do 10 de novembro): dezanove (19) prazas, das cales tres (3) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.

– Oferta de emprego público do exercicio 2024, aprobada polo Decreto 198/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro): dez (10) prazas, das cales unha (1) está reservada á quenda de persoas con discapacidade.

O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. De conformidade cos decretos 217/2022, do 22 de decembro, 143/2023, do 9 de novembro, e 198/2024, do 27 de decembro, do total de prazas convocadas reservaranse oito (8) prazas para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos daráselles un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única na cal se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola cal optasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non o indicaren, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das opcións referidas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicables o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización da presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: ter dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial de grao. Tamén poderán acceder a este corpo as persoas que estean en posesión das titulacións de licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalente.

Para os efectos desta convocatoria, o termo equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron substituír as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

I.2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á especialidade obxecto desta convocatoria a que pretende optar.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes, poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto, que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos dos solicitantes, poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se encontren, relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática, a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, no cal se regula o acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade, no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa, no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Os datos relativos á exención da taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación, e para iso deberán indicalo no recadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego, na cal conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal, na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar, coa súa solicitude, orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos, segundo os supostos en que se encontren.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados nesta epígrafe, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade ou o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante correspondente.

Se ademais se emprega o certificado dixital, poderá realizarse o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado das entidades que ofrecen esa posibilidade.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal se anuncia a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Para iso, será necesario que a persoa interesada presente un escrito dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal en que solicite a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe expediente > datos persoais, e que achegue o certificado expedido pola entidade financeira, no cal figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Non se poderá presentar máis dunha solicitude de participación para unha mesma escala ou categoría. No caso de presentar varias solicitudes para unha mesma escala ou categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aprobará a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, a través dunha resolución que será publicada no DOG. As listaxes coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita nunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola cal se aprobará a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada no DOG. As listaxes definitivas coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta resolución.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento oitenta (180) preguntas tipo test, relacionado co programa (anexo I).

O exercicio dividirase en dúas partes:

a) A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cincuenta (50) preguntas da parte xeral-bloque I.

O exercicio disporá de cinco (5) preguntas de reserva.

b) A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico e práctico de cento trinta (130) preguntas da parte xeral-bloque II, das cales cen (100) preguntas serán de contido teórico e trinta (30) preguntas serán sobre un suposto práctico tipo test, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal.

O exercicio disporá de oito (8) preguntas de reserva, das cales tres (3) serán sobre un suposto práctico.

Nos supostos a) e b), as preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e co contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas deste exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.

As persoas aspirantes non poderán facer uso da manuais ou textos legais ou de consulta para a realización desta proba.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos corenta (240) minutos.

Superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes, determinado polo resultado de multiplicar por cinco (5) o número de prazas convocadas sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

En calquera caso, lémbrase que soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que obteñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.

Ao remate da proba, cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes, publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

O segundo exercicio consistirá no desenvolvemento por escrito de dous (2) temas, que se elixirán entre catro (4) obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman o contido da parte específica do programa que figura como anexo desta resolución, do seguinte xeito:

– Un (1) tema que se elixirá entre dous (2) obtidos por sorteo dos correspondentes aos bloques I, II e III.

– Un (1) tema que se elixirá entre dous (2) obtidos por sorteo dos correspondentes aos bloques IV e V.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos corenta (240) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

O tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga 4 requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten a posesión, no día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio, e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e»: «Idiomas-galego». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde a publicación da resolución anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comence pola letra «F», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 21 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), pola que se fai público o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 16 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, ao xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e xuntaranlle á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas, publicará a correspondente resolución no DOG. As alegacións das persoas aspirantes deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.8. A resolución pola cal se acorda a publicación dos resultados dos exercicios publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia xunta.gal/funcion-publica

As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións do exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior.

A tramitación destas alegacións deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal proporalle a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.1.2.11. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de emprego público, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, artigo 60 do TRLEBEP, artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non encontrarse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorran nelas algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola cal se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal cualificador que substituirán as que perdesen a súa condición por calquera das causas previstas na normativa aplicable.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría, ou de quen as substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales lles corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, que se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizaren os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto na base III.1, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas, dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.1.2.11.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que lle formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase, por orde, aos seguintes criterios ata que se resolva:

– De se acreditar infrarrepresentación do xénero feminino no mesmo grupo, escala e, de ser o caso, especialidade, o desempate dirimirase a prol da muller.

– Puntuación obtida no primeiro exercicio do proceso selectivo.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a resolución pola cal se declaran as persoas aspirantes que superaron o dito proceso. As listaxes coas persoas aspirantes que superaron o proceso, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade ou equivalente, ordenadas polas puntuacións obtidas, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da referida resolución, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Títulos académicos exixidos na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación, ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e»: «Formación-Formación académica/profesional». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.

As persoas aspirantes que teñan validada a titulación requirida no expediente persoal electrónico do empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia quedan exentas desta acreditación.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do cal foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Igualdade e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de emprego público solicitaralle ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

As persoas aspirantes poderán autorizarlle á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

Malia o anterior, as persoas aspirantes pensionistas da Seguridade Social que acrediten a súa discapacidade mediante o recoñecemento dunha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, así como as persoas aspirantes pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, deberán acreditar a compatibilidade da súa discapacidade co desempeño das funcións propias do corpo, escala e, de ser o caso, especialidade profesional ou categoría deste proceso selectivo.

IV.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1

a) Parte xeral.

Bloque I:

Tema 1. Constitución española do 27 de decembro de 1978.

Tema 2. Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional.

Tema 3. Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, do Defensor do Pobo.

Tema 4. Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio, do Tribunal de Contas.

Tema 5. Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno.

Tema 6. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

Tema 7. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Tema 8. Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Tema 9. Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo de Galicia.

Tema 10. Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Tema 11. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Tema 12. Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Tema 13. Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Bloque II:

Tema 14. Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia.

Tema 15. Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia (títulos preliminar, I, II, IV e V).

Tema 16. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Tema 17. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Tema 18. Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Tema 19. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Tema 20. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Tema 21. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: títulos preliminar, I, II (capítulos I, II e XI), VI, VII e VIII.

Tema 22. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, título I (sección 1ª do capítulo V e capítulo VIII) e título II.

Tema 23. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Tema 24. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014. Libros I e II.

Tema 25. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tema 26. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

b) Parte específica.

Bloque I. Teoría xeral do dereito e dereito administrativo xeral.

Tema 1. As fontes de dereito: teoría xeral e regulación no Código civil. Articulación do sistema de fontes: principios de xerarquía e competencia.

Tema 2. O dereito obxectivo. As normas xurídicas; caracteres, estrutura e clases. Interpretación, aplicación e eficacia das normas xurídicas.

Tema 3. O tempo no dereito obxectivo: ámbito temporal das normas. O tempo en relación cos dereitos subxectivos e as accións: prescrición e caducidade. Cómputo do tempo. Eficacia espacial das normas.

Tema 4. A persoa como suxeito do dereito. A personalidade xurídica. Persoas físicas: adquisición e perda da personalidade. Capacidade de obrar. As persoas xurídicas.

Tema 5. O dereito civil galego. A Lei de dereito civil de Galicia. Principais institucións do dereito civil galego.

Tema 6. As fontes do dereito administrativo. A lei: concepto e clases. Disposicións do executivo con forza de lei: decretos leis e decretos lexislativos.

Tema 7. O regulamento: concepto e clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria. Regulamentos ilegais: a súa impugnación. Regulamentos dos órganos constitucionais.

Tema 8. O ordenamento xurídico de Galicia: leis de Galicia. Decretos lexislativos. Regulamentos. O réxime xurídico do exercicio das competencias autonómicas. Aplicación do dereito galego.

Tema 9. A relación xurídico-administrativa: concepto e suxeitos da relación xurídico-administrativa. As administracións públicas. O administrado. A súa capacidade xurídica e de obrar. As situacións xurídicas do administrado en xeral. Situacións xurídicas de carácter activo: potestades do administrado. Situacións xurídicas pasivas: situación de suxeición e deber do administrado.

Tema 10. O principio de legalidade da Administración: a súa construción técnica. As potestades administrativas: concepto. A atribución de potestades. Potestades regradas e potestades discrecionais. O control da discrecionalidade: en especial, o control do fin e a desviación de poder. O principio de autotutela.

Tema 11. O acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Sede electrónica. Identificación e autenticación. Rexistros, comunicacións e notificacións electrónicas. A xestión electrónica dos procedementos.

Tema 12. A atención ao cidadán na Comunidade Autónoma de Galicia. A transparencia na actividade administrativa.

Tema 13. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. A Axencia Española de Protección de Datos.

Tema 14. Actos administrativos en particular: a licenza, autorización ou permiso; réxime xurídico. Referencia á concesión e ás súas clases.

Tema 15. O servizo público. Formas de xestión dos servizos públicos. Xestión directa e indirecta.

Tema 16. A expropiación forzosa. A súa xustificación e natureza. Lexislación vixente: a repartición competencial. Suxeitos, obxecto e causa da expropiación O procedemento expropiatorio xeral. Particularidades do procedemento de urxencia. A reversión do ben expropiado. Garantías do expropiado. O Xurado de Expropiación Forzosa de Galicia.

Tema 17. As propiedades administrativas en xeral. Clases. Os bens patrimoniais da Administración: particularidades e réxime común cos bens demaniais. O dominio público: concepto, natureza xurídica, elementos e réxime xurídico.

Tema 18. O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Tráfico xurídico do patrimonio. Utilización e aproveitamento do patrimonio. Xestión do patrimonio. Protección e defensa.

Bloque II. Unión Europea.

Tema 19. A Unión Europea tras o Tratado de Lisboa: o Tratado da Unión e o Tratado de funcionamento da Unión. As cooperacións reforzadas.

Tema 20. A organización da Unión Europea (I): o Consello Europeo, o Consello e a Comisión Europea. Composición e funcións. O procedemento decisorio. A participación dos Estados membros nas diferentes fases do proceso.

Tema 21. A organización da Unión Europea (II): o Parlamento Europeo. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O Tribunal de Contas. O Banco Central Europeo.

Tema 22. O orzamento comunitario. Os fondos estruturais. A cohesión económica e social.

Tema 23. As fontes do dereito da Unión Europea. Dereito orixinario. Dereito derivado: regulamentos, directivas e decisións. Outras fontes. As relacións entre o dereito da Unión Europea e o ordenamento xurídico dos Estados membros.

Bloque III. Dereito autonómico xeral e dereito local.

Tema 24. A Administración xeral do Estado. A súa organización e funcionamento: órganos superiores e órganos directivos. A Administración periférica do Estado. Os delegados e os subdelegados do Goberno nas comunidades autónomas.

Tema 25. O Goberno. A súa composición. Nomeamento e cesamento. As funcións do Goberno. O presidente do Goberno. Os ministros. A Administración pública: concepto. Principios constitucionais informadores. Goberno e Administración: control dos actos políticos.

Tema 26. O Poder Xudicial. O Consello Xeral do Poder Xudicial. A Organización Xudicial Española. O Ministerio Fiscal.

Tema 27. A Administración institucional. Entidades que a integran: os organismos públicos. Os organismos autónomos. As entidades públicas empresariais. As axencias.

Tema 28. A autonomía política. Principios xerais: xurisprudencia constitucional. Vías de acceso á autonomía. Os estatutos de autonomía: contido. Procedemento de elaboración e reforma dos estatutos.

Tema 29. A posición xurídico-constitucional do Estatuto de autonomía: o Estatuto no sistema constitucional; Estatuto como norma autonómica e como norma do Estado; o Estatuto como norma subordinada á Constitución; posición do Estatuto respecto ás demais normas do Estado e da Comunidade Autónoma.

Tema 30. Organización política das comunidades autónomas. As institucións de autogoberno de Galicia: descrición. Sede. A Administración de xustiza en Galicia.

Tema 31. A interpretación do Estatuto. A súa reforma; a rixidez estatutaria; as súas garantías. Os supostos de reforma; os seus respectivos procedementos.

Tema 32. As competencias da Xunta de Galicia: a reserva de competencias ao Estado do artigo 149. A atribución estatutaria de competencias; a cláusula de peche do artigo 149.3. Os límites xerais das competencias; a súa efectividade.

Tema 33. As competencias exclusivas. As competencias normativas: as leis da Comunidade Autónoma; o seu rango e posición constitucional. O principio de competencia nas relacións entre o ordenamento estatal e autonómico.

Tema 34. A concorrencia normativa entre o Estado e a Comunidade Autónoma. Normativa básica e normativa de desenvolvemento: elementos formais e materiais no concepto de lexislación básica; estrutura da normativa básica; a relación bases-desenvolvemento; o problema de rango das dúas normativas.

Tema 35. A execución autonómica da lexislación do Estado: significación desta fórmula; extensión da competencia do Estado; atribucións da Comunidade Autónoma. A coordinación entre as dúas ordes.

Tema 36. A colaboración entre o Estado e a Comunidade Autónoma: o seu desenvolvemento na doutrina do Tribunal Constitucional. Os elementos de colaboración; en especial, as conferencias sectoriais e os convenios de colaboración. O control da actividade da Comunidade Autónoma.

Tema 37. Conflitos constitucionais entre órganos do Estado. Conflitos coas comunidades autónomas. Impugnación de disposicións e resolucións das comunidades autónomas.

Tema 38. O municipio: organización e competencias. A provincia: organización e competencias. Outras entidades locais.

Bloque IV. Dereito administrativo especial.

Tema 1. Organización territorial. Competencias da Xunta de Galicia en materia de réxime local. Lexislación galega vixente en materia de réxime local.

Tema 2. Orde e seguridade cidadá: competencias da Xunta de Galicia; réxime xeral. A Policía de Galicia. As policías locais; a súa coordinación. Competencias da Xunta de Galicia en materia de protección civil, emerxencias, xogos e apostas.

Tema 3. A planificación económica de Galicia. A intervención administrativa en materia de institucións de crédito.

Tema 4. A Administración e o ambiente. Competencias da Xunta de Galicia. Avaliación de impacto ambiental e réxime dos residuos. Os espazos naturais protexidos. A caza e a pesca fluvial. Competencias da Xunta de Galicia.

Tema 5. Ordenación do territorio. O deseño competencial na materia. Réxime urbanístico do solo. Clasificación. Plans de ordenación.

Tema 6. Acción administrativa en relación coa vivenda. Competencias da Xunta de Galicia. O Instituto Galego da Vivenda e Solo. Normativa autonómica en materia de vivenda.

Tema 7. As obras públicas: competencias da Xunta de Galicia. Estradas: competencias da Xunta de Galicia. Réxime xurídico xeral. Transportes: competencias da Xunta de Galicia e réxime xurídico xeral.

Tema 8. Augas terrestres. Competencias da Xunta de Galicia. O dominio público hidráulico. Utilización de dominio público hidráulico.

Tema 9. Costas. Competencias da Xunta de Galicia. Delimitación, protección e utilización do dominio público marítimo-terrestre. Os portos. Competencias da Xunta de Galicia.

Tema 10. O comercio interior. A delimitación competencial entre o Estado e a Xunta de Galicia. Réxime xurídico da actividade comercial en Galicia.

Tema 11. A intervención administrativa en materia de consumo. O Estatuto galego do consumidor e usuario.

Tema 12. Investigación, desenvolvemento e innovación. A intervención administrativa no sector industrial e enerxético. Minas. Competencias da Xunta de Galicia. Clasificación e réxime de explotación.

Tema 13. A Administración da Xunta de Galicia e o ensino. Competencias da Xunta de Galicia. O sistema educativo. Os centros docentes. A autonomía universitaria. O Sistema universitario galego.

Tema 14. A sanidade pública. Competencias da Xunta de Galicia e servizos traspasados. A ordenación sanitaria e farmacéutica de Galicia. O Servizo Galego de Saúde: organización e competencias.

Tema 15. A cultura. Competencias da Xunta de Galicia. O Consello da Cultura Galega. O patrimonio histórico-artístico. Arquivos, bibliotecas e museos. O turismo. Competencias da Xunta de Galicia.

Tema 16. Traballo e emprego. Delimitación de competencias estatais e autonómicas. Cooperativas. Competencias da Xunta de Galicia.

Tema 17. Servizos sociais. Infancia; familia; maiores; dependentes.

Tema 18. Discapacidade. A definición de discapacidade segundo a Organización Mundial da Saúde. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: consideración de persoa con discapacidade e dereitos. A normativa reguladora do procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.

Tema 19. Políticas públicas para a igualdade de xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Tema 20. Acción administrativa en materia de agricultura e gandaría. Competencias da Xunta de Galicia. Estruturas agrarias. Concentración parcelaria. Desenvolvemento rural. Vías pecuarias.

Tema 21. Os montes: disposicións xerais e competencias da Xunta de Galicia. Clasificación e réxime xurídico dos montes. Xestión, conservación e protección forestal. A prevención de incendios forestais. Os montes veciñais en man común.

Tema 22. Pesca, marisqueo e cultivos mariños. Competencias da Xunta de Galicia. Ordenación xurídica e réxime das sancións.

Tema 23. As telecomunicacións: o seu réxime xurídico. Especial referencia á radio e á televisión; a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A emigración. Os deportes.

Bloque V. Dereito orzamentario e dereito tributario, laboral e seguridade social.

Tema 24. O orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia: concepto e natureza. Contido. Estrutura. Elaboración. Aprobación.

Tema 25. A intervención xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A función interventora.

Tema 26. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devindicación e liquidación. Os gastos de clases pasivas.

Tema 27. Xestión dos gastos contractuais: tipos de contratos. Autorización e compromiso de gastos contractuais. Recoñecemento da obriga. Pagamento. Control dos gastos contractuais.

Tema 28. Xestión dos gastos de transferencias. Xestión das subvencións.

Tema 29. O sistema tributario español. O imposto. Concepto, clases, principios e efectos. Os impostos directos: concepto, caracteres e clases. Os impostos indirectos: conceptos, caracteres e clases.

Tema 30. Os tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia. As taxas: natureza; normas básicas do seu réxime xurídico; principais supostos. Os prezos públicos.

Tema 31. Seguridade e hixiene no traballo. A Lei de prevención de riscos laborais. Actuacións das administracións públicas: competencias. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención. Os servizos de prevención de riscos. Participación dos traballadores.

Tema 32. O dereito do traballo. A súa especialidade e caracteres. As fontes do dereito do traballo. O principio de xerarquía normativa. Os convenios colectivos de traballo. Concepto e natureza. Réxime xurídico. Partes. Procedemento. Contido.

Tema 33. O contrato de traballo. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico.

Tema 34. Modalidades do contrato de traballo. A duración do contrato de traballo.

Tema 35. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo.

Tema 36. Réxime de representación de persoal. Órganos de representación.

Tema 37. Concepto e principios da Seguridade Social. O sistema da Seguridade Social: estrutura e ámbito. Réxime xeral e réximes especiais da Seguridade Social. A xestión da Seguridade Social: entidades xestoras e servizos comúns.

ANEXO II

(Nome e apelidos aspirante) ..., con domicilio en ..., con NIF/NIE/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, que non foi despedida/o nin separada/o, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se encontra en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.

..., ... de ... de 202...

ANEXO III

(Nome e apelidos aspirante) ..., con domicilio en ..., con NIF/NIE/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, que non se encontra inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade) ..., ... de ... de 202...