Mediante o Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro), apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
Mediante o Decreto 198/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro), apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
A disposición adicional primeira do Decreto 198/2024, do 27 de decembro, establece que poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas da Administración xeral e da especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coas derivadas da oferta de emprego público correspondente aos anos 2022 e 2023, que aínda estean pendentes de convocar.
En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.
Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,
DISPÓN:
Convocar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2.
I. Normas xerais.
I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir oitenta e tres (83) prazas do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2), correspondentes a oferta de emprego público do exercicio 2024, a que se acumulan as provenientes da oferta de 2022, segundo se detalla:
– Oferta de emprego público do exercicio 2022, aprobada polo Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro): cincuenta (50) prazas, das cales oito (8) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.
– Oferta de emprego público do exercicio 2024, aprobada polo Decreto 198/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro): trinta e tres (33) prazas, das cales tres (3) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.
O sistema selectivo será o de oposición.
I.1.1. De conformidade cos decretos 217/2022, do 22 de decembro, e 198/2024, do 27 de decembro, do total de prazas convocadas reservaranse once (11) prazas para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.
Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.
De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que optasen.
I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.
As persoas aspirantes só poderán participar nunha das opcións referidas.
I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.
I.1.4. A este proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.
I.2. Requisitos das persoas aspirantes.
Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización da presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión, como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:
I.2.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
I.2.2. Nacionalidade:
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.
c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.
d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.
As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
I.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.
No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
I.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
I.2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á especialidade obxecto desta convocatoria a que pretende optar.
I.3. Solicitudes.
I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberase pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.
Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.
Unha vez completados os datos dos solicitantes, poderase iniciar o proceso de inscrición.
As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe de «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.
As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se atopen relativas ao pagamento de taxas.
As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.
Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.
As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.
I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática, a seguinte documentación:
a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, no cal se regula do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.
b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.
c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.
d) Os datos relativos á exención da taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación, para iso deberán indicalo no recadro correspondente e achegar a seguinte documentación:
– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.
– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.
– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.
– Demandantes de emprego:
1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.
2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.
Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen.
De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe:
– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados nesta epígrafe, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade ou o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.
I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:
Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante correspondente.
Se ademais se emprega o certificado dixital, poderá realizarse o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado das entidades que ofrecen esa posibilidade.
Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos validarase o NRC premendo no botón Validar NRC.
A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se anuncia a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.
Para iso será necesario que a persoa interesada presente un escrito dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, solicitando a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe expediente>datos persoais e que achegue o certificado expedido pola entidade financeira en que figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.
Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.
I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.
Non poderá presentarse máis dunha solicitude de participación para unha mesma escala ou categoría. No caso de presentar varias solicitudes para unha mesma escala ou categoría, soamente se terá en conta a última presentada.
O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.
Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.
I.4. Admisión de aspirantes.
I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aprobará a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG. As listaxes coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas da exclusión que procedan, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.
As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.
A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se aprobará a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada no DOG. As listaxes definitivas coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas da exclusión que procedan, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.
II. Proceso selectivo.
II.1. Oposición.
O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta resolución.
Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.
II.1.1. Exercicios.
As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.
II.1.1.1. Primeiro exercicio.
Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cen (100) preguntas tipo test, relacionado coa parte xeral do programa contido no anexo I.
O exercicio disporá de seis (6) preguntas de reserva.
As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.
Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.
O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas deste exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.
As persoas aspirantes non poderán facer uso de manuais ou textos legais ou de consulta para a realización desta proba.
O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento vinte (120) minutos.
Superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por cinco (5) o número de prazas convocadas sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
En calquera caso, lémbrase que soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.
Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.
A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.
II.1.1.2. Segundo exercicio.
Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de corenta (40) preguntas tipo test, de contido teórico-práctico da parte específica do programa contido no anexo I, en que as persoas aspirantes poñan de manifesto o coñecemento e manexo dos paquetes ofimáticos na contorna de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos e presentacións).
O exercicio disporá de cinco (5) preguntas de reserva.
As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.
Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.
O exercicio terá unha duración máxima de oitenta (80) minutos.
Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.
Obterán 25 puntos as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 45 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal publicará, con anterioridade á realización da proba, os criterios de corrección, valoración e superación desta que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.1.3. Terceiro exercicio.
Constará de dúas probas:
Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.
Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo ao nivel do Celga 3 requirido no proceso selectivo.
Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten a posesión, no día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 3 ou do título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe Expediente-e: IDIOMAS-GALEGO. Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde a publicación da resolución anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.
II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra F, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 21 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), pola que se fai público o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 16 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).
II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.
II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal como colaboradoras.
II.1.2.4. En calquera momento, as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.
II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.
Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.
O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas publicará a correspondente resolución no DOG. As alegacións das persoas aspirantes deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
II.1.2.8. A resolución pola que se acorda a publicación dos resultados dos exercicios publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, xunta.gal/funcion-publica
As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións do exercicio, no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior.
A tramitación destas alegacións deberá presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).
II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.
No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.
II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.
No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.
II.1.2.11. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.
Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.
III. Período de prácticas.
III.1. As persoas aspirantes que superen a fase de oposición con mellor orde de prelación, ata un número igual ao de prazas convocadas, realizarán un curso selectivo que, igualmente, deberán superar con aproveitamento como requisito indispensable para obter o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.
O curso selectivo terá como finalidade a preparación das persoas aspirantes para o manexo de paquetes ofimáticos na contorna de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos e presentacións).
Durante este período, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, e demais disposicións de aplicación.
III.2. O curso selectivo terá unha duración máxima dun (1) mes e regularase por resolución ditada para ese efecto.
III.3. O curso selectivo valorarase como apto ou non apto e para superalo é necesario obter o resultado de apto.
III.4. As persoas aspirantes que non superen o curso selectivo perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, por resolución motivada da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
III.5. Unha vez finalizado o curso selectivo e ata que se proceda ao seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, as persoas aspirantes continuarán prestando servizos como persoal funcionario en prácticas.
IV. Tribunal.
IV.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de emprego público, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, no artigo 60 do TRLEBEP, no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo.
IV.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base IV.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.
En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorra nelas algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
IV.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal cualificador, que substituirán as que perdesen a súa condición por calquera das causas previstas na normativa aplicable.
IV.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.
IV.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría, ou de quen as substitúa.
IV.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.
IV.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a presidencia, ou quen as substitúa.
IV.8. A presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.
O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes as que corresponden os resultados obtidos.
IV.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
IV.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten, na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.
Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.
IV.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base IV.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.
IV.12. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.1.2.11.
IV.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
IV.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).
V. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.
V.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.
No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase, por orde, aos seguintes criterios ata que se resolva:
– De acreditarse infrarrepresentación do xénero feminino no mesmo grupo, escala e, de ser o caso, especialidade, o desempate dirimirase a prol da muller.
– Puntuación obtida no primeiro exercicio do proceso selectivo.
– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.
– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.
V.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a resolución pola que se declaran as persoas aspirantes que o superaron o dito proceso. As listaxes coas persoas aspirantes que superaron o proceso, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade ou equivalente, ordenadas polas puntuacións acadadas, publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.
A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da referida resolución, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:
a) Títulos académicos exixidos na base I.2 ou certificación académica que acredite que realizaron todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.
Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe Expediente-e: FORMACIÓN-FORMACIÓN ACADÉMICA/PROFESIONAL. Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.
As persoas aspirantes que teñan validada a titulación requirida no expediente persoal electrónico do empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia quedan exentas desta acreditación.
b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.
No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.
c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.
d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Igualdade e, de ser o caso, da Administración correspondente.
A consellería competente en materia de emprego público solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.
As persoas aspirantes poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.
Non obstante o anterior, as persoas aspirantes pensionistas da Seguridade Social que acrediten a súa discapacidade mediante o recoñecemento dunha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, así como as persoas aspirantes pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, deberán acreditar a compatibilidade da súa discapacidade co desempeño das funcións propias do corpo, escala e, de ser o caso, especialidade profesional ou categoría deste proceso selectivo.
V.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
V.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.
V.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base V.1.
V.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril.
VI. Disposición derradeira.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
ANEXO I
Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo auxiliar
da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2
Parte xeral:
Tema 1. A Constitución española de 1978: título preliminar, título I (excepto capítulo III 3º), título II, título III (excepto capítulos 2º e 3º II e III), título IV, título V, título VIII.
Tema 2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia: título preliminar, título I, título II, título III e título V.
Tema 3. A Unión Europea, o dereito derivado: regulamentos, directivas, decisións, recomendacións e ditames.
Tema 4. As institucións da Unión Europea: o Parlamento, o Consello Europeo, o Consello e a Comisión.
Tema 5. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulo III.
Tema 6. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I, II e capítulo I do título III.
Tema 7. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: títulos preliminar, I, II, III, IV e V.
Tema 8. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: capítulos I, II (agás subsección 2ª da sección 3ª), III, IV e V do título preliminar.
Tema 9. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: título preliminar e capítulos I e III do título III.
Tema 10. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar, título I (capítulos I, II, IV, V) e título II (seccións 1ª, 2ª e 3ª do capítulo I).
Tema 11. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: títulos I ao IX.
Tema 12. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, I, II (capítulos I, II e XI), VII e VIII.
Tema 13. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, título I (sección 1ª do capítulo V e capítulo VIII) e título II.
Parte específica.
Tema 14. A xestión de documentos na Administración da Xunta de Galicia. Clasificación de documentos. Ideas xerais sobre o sistema de clasificación. Arquivo de documentos: natureza e clases de arquivos. Dereito de acceso a arquivos e rexistros. O arquivo e rexistro electrónico.
Tema 15. Informática básica: conceptos básicos. Compoñentes dun ordenador e os seus periféricos. Redes informáticas. Soportes informáticos.
Tema 16. Sistemas operativos. Elementos comúns. Administrador de arquivos.
Tema 17. Sistemas ofimáticos. Procesadores de texto (Writer). Follas de cálculo (Calc). Presentacións (Impress). Axenda e correo electrónico. Intranet: concepto e utilidade.
A acreditación do coñecemento e manexo do paquete ofimático LibreOffice realizarase sobre a última versión estable existente na data de finalización de presentación de solicitudes.
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará a última versión estable no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
ANEXO II
(Nome e apelidos aspirante) ..., con domicilio en ..., con NIF/NIE/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.
.... ... de ... de 202...
ANEXO III
(Nome e apelidos aspirante) ..., con domicilio en ..., con NIF/NIE/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
(País e localidade) ..., ... de ... de ... 202...
