DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 26 de novembro de 2025 Páx. 61023

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 12 de novembro de 2025, da Dirección Xeral do Patrimonio Natural, pola que se convocan as asociacións, organizacións e entidades interesadas en integrarse no Foro de Participación Social da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel.

O 15 de setembro de 2021, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) procedeu a declarar dentro do programa MaB (Persoa e Biosfera) a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel.

A reserva foi promovida pola Xunta de Galicia, que, no documento de candidatura presentado ante a UNESCO, se comprometeu a promover a máis ampla participación social arredor da súa xestión.

Para tal fin, previron a creación dun foro de participación social onde estivesen representadas, ademais das administracións públicas, aquelas institucións, asociacións e organizacións que desenvolvan actividades nos aspectos vinculados ao cumprimento dos obxectivos da reserva ou que sexan representativas dos intereses sociais, económicos ou ambientais relacionados con ela.

O ámbito da reserva da biosfera é o seguinte:

Concellos: Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober e Taboada.

Na candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel como reserva da biosfera ante a UNESCO establécese que o órgano de participación pública é o Foro de Participación da reserva e indícase a súa configuración.

No ano 2024 constituíuse provisionalmente o Foro de Participación da reserva coa presenza daqueles membros que son nomeados directamente por distintas administracións e entidades:

– A Presidencia do Consello Reitor ou persoa en que delegue.

– A Vicepresidencia Primeira e Segunda do Consello Reitor, ou persoas en que deleguen.

– O/a xestor/a da reserva, que actuará de secretario/a.

– Unha persoa que represente á Deputación Provincial de Lugo.

– Unha persoa que represente á Deputación Provincial de Ourense.

– Unha persoa que represente a cada unha das entidades municipais integradas na reserva da biosfera.

– Una persoa que represente o Xeoparque Montañas do Courel.

– Unha persoa que represente a entidade autonómica que xestiona os bens incluídos na Lista do patrimonio mundial da Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural.

– Unha persoa que represente a cada un dos GDR que integran a reserva da biosfera (GDR A Ribeira Sacra, GDR Asociación Miño-Ulloa, GDR-11 Asociación para o Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, GDR Adercou).

– Unha persoa representante do Consello Científico.

Para a configuración definitiva do foro está pendente a designación das persoas representantes das seguintes asociacións e entidades:

1. Unha persoa que represente o sector agrícola-gandeiro-forestal (Lugo).

2. Unha persoa representante do sector agrícola-gandeiro-forestal (Ourense).

3. Unha persoa que represente a Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

4. Unha persoa que represente as asociacións cinexéticas e/ou piscícolas.

5. Unha persoa que represente o sector turístico-hostaleiro (Lugo).

6. Unha persoa que represente o sector turístico-hostaleiro (Ourense).

7. Unha persoa que represente o sector enerxético.

8. Unha persoa que represente o sector extractivo.

9. Unha persoa que represente o sector industrial.

10. Unha persoa que represente as asociacións ou colectivos vinculados co patrimonio cultural.

11. Unha persoa que represente as asociacións ou colectivos vinculados co Camiño de Santiago.

12. Unha persoa que represente as asociacións protectoras do ambiente (Lugo).

13. Unha persoa que represente as asociacións protectoras do ambiente (Ourense).

14. Unha persoa que represente os centros de investigación do Campus de Lugo.

15. Unha persoa que represente os centros de investigación do Campus de Ourense.

16. Unha persoa que represente as asociacións ou os colectivos vinculados á mocidade.

17. Unha persoa que represente os colectivos ou as asociacións de mulleres.

Na configuración do órgano de participación buscarase favorecer a representación equilibrada entre as persoas representantes das provincias de Lugo e de Ourense, así como a paridade de xénero.

Polo anteriormente exposto,

ACORDO:

Abrir o prazo para a presentación de candidaturas das entidades, asociacións e grupos vencellados aos sectores indicados do número 1 ao 17 que poidan ter interese no desenvolvemento da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel, co fin da súa inclusión no órgano de participación.

Cada candidatura deberá xuntar:

– Certificación que acredite a constitución legal da entidade.

– Relación de méritos que permitan avaliar a súa vinculación coa reserva.

– Avais que sustenten a candidatura (nº de asociados á entidade, grupo ou asociación; nº de entidades, grupos ou asociacións que apoian a candidatura; etc).

No caso de que concorran máis dunha candidatura para un mesmo sector, levarase a cabo un sorteo entre as solicitudes presentadas.

O sorteo será presidido polo xestor/a da reserva, coa participación de dous integrantes xa nomeados, que serán designados pola Presidencia do Consello Reitor.

O prazo de presentación de candidaturas será de quince días hábiles contados a partir do día seguinte á data de publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, e deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e dirixilas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural