DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 27 de novembro de 2025 Páx. 61168

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2025, da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, pola que se declara deserta a convocatoria pública para a provisión, polo procedemento de libre designación, dun posto vacante de persoal licenciado sanitario.

Mediante a Resolución do 19 de setembro de 2025 (DOG núm. 187, do 29 de setembro), convocouse para a súa provisión, polo sistema de libre designación, un posto vacante de xefe/a de Servizo de Atención Primaria do Barco de Valdeorras, Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

De conformidade co disposto na base cuarta da convocatoria, abriuse un prazo de quince (15) días hábiles, do 30 de setembro ao 20 de outubro de 2025, para a presentación de solicitudes de participación, concorrendo un único aspirante que non reúne os requisitos de participación exixidos na convocatoria.

Esta xerencia, de conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 145/2024, do 20 de maio (DOG núm. 101, do 27 de maio), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, na Orde do 22 de abril de 2020 (DOG núm. 82, do 29 de abril), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e no Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do sistema público de saúde de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar deserta, por falta de concorrencia de aspirantes que reúnan os requisitos de participación, a convocatoria para cubrir, polo procedemento de libre designación, o posto vacante de xefe/a de Servizo de Atención Primaria do Barco de Valdeorras, Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Segundo. Contra esta resolución poderase interpoñer, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Ourense, 19 de novembro de 2025

José Santiago Camba Bouzas
Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín
e O Barco de Valdeorras