DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 28 de novembro de 2025 Páx. 61266

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa.

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral no sector bovino.

A aparición desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en territorio español o pasado mes de outubro en Cataluña, na provincia de Girona, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia.

A evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña fai necesaria a revisión das medidas cautelares establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente e as circunstancias específicas da actividade comercial do gando bovino nos mercados gandeiros galegos.

Fundamentos de dereito.

Visto o Regulamento (UE) nº 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.

Visto o disposto no artigo 8 de medidas sanitarias de salvagarda da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,

RESOLVO:

Primeiro. Autorízase a realización de feiras, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os animais que asistan procedan exclusivamente de explotacións localizadas na Comunidade Autónoma. Os animais procedentes doutras comunidades autónomas, para poder asistir a estes eventos, deberán permanecer previamente un mínimo de 21 días en explotacións de Galicia.

Os vehículos procedentes de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.

Segundo. A realización extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino precisará da autorización expresa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e, no caso de ser autorizados, os animais asistentes procederán exclusivamente da Comunidade Autónoma de Galicia. Os animais procedentes doutras comunidades autónomas, para poder asistir a estes eventos, deberán permanecer previamente un mínimo de 21 días en explotacións de Galicia.

Terceiro. Todos os animais bovinos que se trasladen con destino a vida e procedan de explotacións localizadas fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente da súa orixe, deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais desde a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia.

Cuarto. As explotacións gandeiras de calquera tipo e clasificación zootécnica que incorporen os animais referidos no punto terceiro quedarán inmobilizadas cautelarmente durante o período referido nese punto. Esta inmobilización afectará a totalidade dos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos animais obxecto do movemento de entrada e unicamente se autorizarán traslados con destino a matadoiro, debidamente xustificados e en vehículos desinsectados.

Quinto. Establécese a obriga de someter a desinsectación todos os bovinos presentes na explotación a que se incorporen os animais referidos no punto terceiro, desde a data de entrada na explotación e durante todo o período de corentena.

Sexto. Nos movementos nacionais de entrada de bovinos a Galicia procedentes doutras comunidades autónomas, tanto con destino a vida como a sacrificio, adicionalmente ás tarefas de limpeza e desinfección obrigatoria establecidas no Real decreto 638/2019, do 8 de novembro, polo que se establecen as condicións básicas que deben cumprir os centros de limpeza e desinfección dos vehículos dedicados ao transporte por estrada de animais vivos, produtos para a alimentación de animais de produción e subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, e se crea o Rexistro nacional de centros de limpeza e desinfección, establécese a obriga de realizar a desinsectación previa de todos os vehículos de transporte. Para xustificar esta desinsectación, as persoas transportistas achegarán un certificado emitido por un centro autorizado, ou ben unha declaración asinada en que figuren os datos da persoa responsable da desinsectación, a data desta e o produto utilizado.

Sétimo. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria destas e comprobación da correcta desinsectación nelas, así como as de control das condicións de limpeza, desinfección e desinsectación dos vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada de bovinos á Comunidade Autónoma de Galicia.

Oitavo. A Resolución do 12 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 221, do 14 de novembro de 2025, mantén a súa vixencia ata o 30 de novembro de 2025.

Noveno. Esta resolución producirá efectos desde o día 1 de decembro de 2025 ata o 31 de decembro de 2025, ambos incluídos, e poderase prorrogar por resolución de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.

Décimo. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contando desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura
e Industrias Agroalimentarias