A Corporación municipal en pleno deste concello, na sesión extraordinaria do día 20 de outubro de 2025, adoptou, por maioría absoluta dos seus membros de dereito, os acordos cuxa parte dispositiva se transcribe:
Primeiro. Modificar o uso previsto no Plan xeral de ordenación municipal para a parcela con referencia catastral 5246703NG1954N0001XU, de 1.850 m² de superficie, cualificada como sistema local de espazos libres e zonas verdes (ZV-63B), que pasa a ter a cualificación urbanística de sistema local de equipamento dotacional múltiple.
Segundo. Publicar este acordo no Diario Oficial de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 82 da Lei do solo de Galicia.
Terceiro. Remitir o presente acordo á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Cuarto. Dar traslado deste acordo aos departamentos municipais con competencias na materia que resulten afectados.
Contra este acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da presente publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de calquera outro recurso que se considere máis conveniente en dereito.
Sanxenxo, 5 de novembro de 2025
Telmo Martín González
Alcalde presidente
