Resolución de inicio do proceso de selección de 20 persoas adxudicatarias para as vivendas da promoción pública do expediente PO2023/010 de San Eleuterio, no concello de Mos (Pontevedra).
De acordo co que se establece no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 21 de novembro de 2025,
ACORDA:
Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para 20 vivendas de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:
Primeiro. Características das vivendas
– Número de vivendas: 20.
– Localización das vivendas: polígono 52, parcela 702 do barrio de San Eleuterio-Tameiga no concello de Mos (Pontevedra).
– Tipoloxía das vivendas:
|
Nº vivendas |
Nº dormitorios |
|
|
4 |
2 |
|
|
14 |
3 |
1 adaptada para mobilidade reducida |
|
2 |
4 |
Cada vivenda leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho.
– Composición familiar para cada vivenda:
|
Tipoloxía das vivendas |
Nº de membros |
|
2 dormitorios |
1, 2 e 3 membros |
|
3 dormitorios |
4 membros |
|
4 dormitorios |
5 ou máis membros |
|
Reserva: vivendas adaptadas para mobilidade reducida |
Sen límite de membros |
Segundo. Cualificación das vivendas
As vivendas foron cualificadas provisionalmente mediante a Resolución do director territorial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Pontevedra, do 16 de abril de 2025, como vivendas de promoción pública.
Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas
As vivendas adxudicaranse en arrendamento.
Cuarto. Condicións xerais das persoas beneficiarias
Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, que reúnan os seguintes requisitos:
1. Ter expedida e actualizada a credencial de inscrición do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Mos na data desta resolución de inicio, e que estean anotadas para as vivendas de protección oficial de promoción pública.
2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar/convivencial de entre 0,7 e 3 veces o IPREM (para estes efectos terase en conta o último exercicio fiscal vencido, que é o do ano 2024).
3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.
4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:
a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).
b) Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.
c) A tenza doutra vivenda respecto da que non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015 do IGVS).
5. Non seren titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 €.
Quinto. Condicións xerais de carácter económico
a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.
b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.
c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.
Sexto. Procedemento de adxudicación
De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Mos ata a data da presente resolución.
O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, en canto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.
Sétimo. Reservas
1. De conformidade co establecido no artigo 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, e no artigo 22.2.e) do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, faise a seguinte reserva:
Reserva de 1 vivenda adaptada para persoas con mobilidade reducida de carácter permanente.
Clasificaranse os integrantes desta reserva coa seguinte orde de preferencia:
1º. Os que precisen cadeira de rodas para os seus desprazamentos ou dependan absolutamente de dous bastóns para deambular.
2º. Os que acrediten unha enfermidade ou discapacidade permanente que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecte notoriamente a súa mobilidade.
Consonte o disposto no artigo 23.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, anteriormente nomeado, realizarase un sorteo diferenciado para aquelas persoas que declaren reunir os requisitos establecidos na normativa reguladora deste colectivo específico.
2. As vivendas asignadas á reserva previstas no punto 1 que queden sen adxudicar por inexistencia de solicitudes non pasarán a formar parte do número de vivendas adxudicables na cota xeral.
3. Reserva dun 50 % das vivendas para persoas menores de 36 anos.
4. As prazas reservadas nos termos previstos no punto 3 que por calquera circunstancia non poidan ser adxudicadas ás persoas que figuren nestas cotas na lista definitiva serán adxudicadas, segundo a tipoloxía da vivenda, ás persoas da cota xeral de reserva que corresponda. Esta regra aplicarase tamén en sentido contrario.
Así mesmo, no caso de que algún dos integrantes das cotas de menores de 36 anos resultase tamén adxudicatario nalgunha das cotas xerais, o seu posto na cota xeral será ocupado na lista pola persoa da cota de reserva que corresponda.
Oitavo. Lotes
De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, establécense lotes segundo o número de dormitorios das vivendas, realizándose un sorteo diferenciado para cada un deles, comezando en todo caso pola reserva de mobilidade reducida e seguidamente polas cotas a menores de 36 anos, e atendendo á seguinte orde:
Primeiro lote: vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
Confeccionarase unha única lista cun total de oito (8) demandantes de mobilidade reducida para a vivenda desta cota de reserva.
Segundo lote: vivendas de 4 dormitorios para unidades familiares/convivenciais de 5 ou máis membros.
|
Cota sen límite de idade |
Cota menores de 36 anos |
|
|
Adxudicatarios |
1 |
1 |
|
Reservas |
8 |
8 |
Terceiro lote: vivendas de 3 dormitorios para unidades familiares/convivenciais de 4 membros.
|
Cota sen límite de idade |
Cota menores de 36 anos |
|
|
Adxudicatarios |
6 |
7 |
|
Reservas |
26 |
26 |
Cuarto lote: vivendas de 2 dormitorios para unidades familiares/convivenciais de 1, 2 ou 3 membros.
|
Cota sen límite de idade |
Cota menores de 36 anos |
|
|
Adxudicatarios |
2 |
2 |
|
Reservas |
6 |
6 |
A orde de confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que se derive do sorteo, agás a cota de mobilidade reducida, que se determinará prioritariamente de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.
Noveno. Publicidade
A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias e en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Mos, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.
Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez (10) días desde a publicación, para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.
Décimo. Asignación de vivendas
A Área Provincial do IGVS procederá, logo do sorteo, á determinación da vivenda que lle corresponde a cada adxudicatario tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daqueles, ao abeiro do establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.
Esta determinación deberá ser notificada a cada adxudicatario. Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:
– Tipo de vivenda.
– Superficie útil.
– Réxime de adxudicación.
– Prezo de venda ou renda.
Os adxudicatarios definitivos disporán dun prazo de dez (10) días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.
Décimo primeiro. Procedemento na realización do sorteo
Participarán no sorteo (tanto para a reserva de vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida como para o resto das vivendas) todos os demandantes inscritos que reúnan as características específicas exixidas.
A orde de realización do sorteo será a establecida no punto oitavo desta resolución.
Décimo segundo. Data do sorteo
O sorteo será público e celebrarase ante notario, ás 10.30 horas do día 9 de xaneiro de 2026, no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na rúa Concepción Arenal, 8, Vigo (Pontevedra).
Pontevedra, 21 de novembro de 2025
José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra
