A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta, dentro dos seus obxectivos estratéxicos, co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.
A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis) participa en calidade de socio no proxecto europeo Closing the loop on Circular Medical Textiles for the transition to a circular economy (CEMTex), destinado ao fomento da economía circular en relación con produtos téxtiles médicos, mellorando a autonomía europea e creando novas oportunidades de negocio. A duración do proxecto abarca desde o 1 de maio de 2025 ata o 31 de xullo de 2029.
Resumo do proxecto:
Título: Closing the loop on Circular Medical Textiles for transition to a circular economy.
Acrónimo: CEMTex.
Project ID: 03C0712.
Coordinador: provincia de Gelderland, Países Baixos.
Socio: Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis).
Duración: 36 meses (fase principal) + 12 meses (seguimento).
Orzamento total: 1.740.555,00 €.
Orzamento Acis: 205.500,00 €.
Cofinanciamento EU: 80 %.
CEMTex enmárcase no programa Interreg Europe e está financiado pola Unión Europea nun 80 %. Este proxecto, coordinado pola provincia de Gelderland nos Países Baixos, conta coa participación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde como socio, ademais doutras sete (7) entidades europeas pertencentes a diferentes ámbitos, para o seu desenvolvemento.
O proxecto centrarase na identificación dos obstáculos existentes tanto nos marcos de contratación pública por parte da demanda como nas cuestións loxísticas e de cumprimento por parte da oferta, e proporcionará solucións e boas prácticas para axudar a construír mellores instrumentos políticos que poidan favorecer a transición dos produtos téxtiles médicos dun só uso aos de usos múltiples, co fin de fomentar a economía circular e, ao mesmo tempo, mellorar a autonomía europea e crear novas oportunidades de negocio.
A Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de actuacións previstas e dotadas de orzamento.
Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), esta xerencia
RESOLVE:
Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto CEMTex, que se enmarca dentro do programa Interreg Europe, e aprobar as bases que rexerán o proceso.
As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.
Para participar nesta convocatoria, os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
ANEXO I
Bases da convocatoria
De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Closing the loop on Circular Medical Textiles for the transition to a circular economy (CEMTex), que se enmarca dentro do programa Interreg Europe.
Primeira. Normas xerais
1.1. Número e características das prazas.
Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase proceso selectivo para a contratación dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto CEMTex, persoal laboral temporal (grupo I, categoría 4) cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no número 2.1.3 destas bases.
A persoa seleccionada vai traballar na execución e xestión do indicado proxecto e levará a cabo as funcións que a continuación se relacionan:
– Preparar, organizar e dinamizar as reunións de traballo, seminarios, obradoiros, eventos interrexionais e similares que se realicen co resto dos socios e outros axentes implicados no marco do proxecto, así como a súa participación en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. Os idiomas de traballo serán o galego, o castelán e o inglés.
– Representar a Acis nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que se realicen, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto. Os idiomas de traballo serán o galego, o castelán e o inglés.
– Coordinar e realizar, en galego, castelán e inglés, informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documento necesario para o seu desenvolvemento e difusión.
– De acordo coa normativa, regulamentación e prácticas do proxecto europeo Interreg, preparar informes e follas de cálculo necesarias para a xestión do proxecto, así como desenvolver metodoloxías de control deste e indicadores de seguimento.
– Calquera outra función non definida aquí e considerada desde Acis relacionada coa execución do proxecto CEMTex.
* Número de efectivos: 1.
* Lugar de realización: en Santiago de Compostela, aínda que terá que facer desprazamentos a outros países de Europa.
* Centro directivo: Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, adscrita á Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela.
* Duración: a duración estimada é desde a súa formalización ata o 31 de agosto de 2028. Non obstante, a duración do contrato queda condicionada á existencia de financiamento adecuado e suficiente do proxecto CEMTex.
De acordo co artigo 15 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.
1.2. Retribucións.
As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, recollidas no anexo VII da Orde do 17 de xaneiro de 2025 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2025 (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro).
1.3. Modalidade de contrato.
A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo laboral temporal de duración determinada segundo o definido na disposición adicional quinta do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, cumprindo o establecido no Real decreto lei 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.
1.4. Incompatibilidades.
A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, e demais disposicións complementarias.
Segunda. Requisitos dos aspirantes
Para seren admitidos/as no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.5, que se deberá acreditar no momento da contratación.
2.1.1. Nacionalidade.
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.
c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores.
d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.
2.1.2. Idade.
Teren dezaseis anos de idade.
2.1.3. Titulación académica.
– Estar en posesión dunha titulación de grao (ou equivalente) en Ciencia Política e da Administración ou equivalente.
– Nivel de inglés C1 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no DOG e relacionado na Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na cal se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obriga aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
2.1.4. Coñecemento do idioma galego.
Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.
2.1.5. Capacidade funcional.
Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
2.1.6. Habilitación.
Non ter sido despedido/a, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía.
No caso de nacionais doutros Estados, non ser inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
Terceira. Presentación de solicitudes
De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte neste proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que, no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:
a. Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.
b. Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.
c. Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberán estar homologadas en España.
d. Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 de inglés ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no DOG e relacionado na Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na cal se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.
e. Acreditación da experiencia profesional, mediante informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración/empresa privada onde se desempeñaron os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e fin do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante, e incluíndo no certificado a relación de proxectos e tarefas/actividades realizadas polo/a traballador/a co fin de comprobar se a actividade está relacionada coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea.
f. Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias dos postos obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure neles o número de horas certificadas.
g. Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.
h. Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo).
Os/as candidatos/as non terán a obriga de achegar a documentación acreditativa cando esta conste como validada (V) na Oficina do profesional/expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde.
O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións e será responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na consignación daquel como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.
Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. De se tratar de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Loxicamente este parágrafo non fai referencia ás publicacións.
A presentación da solicitude farase no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, estas bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es).
O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.
Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03 ou a través do correo electrónico xestion.acis@sergas.es
Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates
Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nestas bases, aplicarase o seguinte baremo:
4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 18 puntos.
1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría a que se pretende acceder e tarefas similares/relacionadas coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria, financiados pola Unión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,30 puntos ao mes.
2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións ou organismos públicos na mesma categoría a que se pretende acceder e tarefas similares relacionadas coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria, financiados pola Unión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,20 puntos ao mes.
3. Por cada mes de servizos prestados en empresas privadas e/ou outros organismos de carácter privado na mesma categoría a que se pretende acceder e tarefas similares relacionadas coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria, financiados pola Unión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,10 puntos ao mes.
A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder os 18 puntos.
Todos os méritos relativos á experiencia profesional, para seren tidos en conta, terán que ser xustificados documentalmente achegando obrigatoriamente a seguinte documentación:
– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración/empresa privada onde se desempeñaron os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e fin do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante e incluíndo no certificado a relación de proxectos e tarefas/actividades realizadas polo/a traballador/a co fin de comprobar se a actividade está relacionada coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea.
– Informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os períodos de tempo alegados).
Para aqueles candidatos que non achegen ambos os dous documentos (certificado de tarefas e proxectos realizados e vida laboral) non se poderá ter en conta a experiencia profesional.
4.2. Formación académica relacionada: ata un máximo de 2 puntos.
• Pola titulación de máster relacionado coa innovación, xestión e dirección, economía da saúde ou equivalentes, relacionados co posto de traballo que se vai desenvolver (1 punto por cada máster relacionado).
• Pola titulación de doutor/a relacionada co posto de traballo que se vai desenvolver (1 punto).
4.3. Formación continua: ata un máximo de 4 puntos.
Por cada curso relacionado coas tarefas que se van desenvolver, organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas ou da Administración xeral do Estado, universidades, SEPE, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFEDAP, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria. Para a valoración establécese a seguinte puntuación:
• Cursos de 15 horas ou máis e menos de 25 horas: 0,2 puntos por cada curso.
• Cursos de 25 horas ou máis e menos de 75 horas: 0,3 puntos por cada curso.
• Cursos de 75 horas ou máis: 0,5 puntos por cada curso.
4.4. Coñecemento acreditado de idiomas oficiais da UE: ata un máximo de 2 puntos.
• Grao superior a Celga 4 no caso de idioma galego: 0,5 puntos.
• Equivalente ou maior de C2 no caso de idioma inglés: 1,5 puntos.
• Polo coñecemento doutros idiomas europeos: ata un máximo de 2 puntos:
– Equivalente ou menor de B1: 0,2 puntos por cada idioma.
– Equivalente a B2: 0,3 puntos por cada idioma.
– Equivalente a C1: 0,5 puntos por cada idioma.
– Equivalente ou maior de C2: 1 punto por cada idioma.
Para a valoración dos idiomas deberase achegar certificado de competencias lingüísticas expedido por un organismo oficial. Non se valorarán cursos de idiomas.
Todo os méritos que cómpre ter en conta neste proceso se valorarán con referencia ao día inmediatamente anterior, incluído, ao da publicación desta convocatoria.
4.5. Entrevista persoal: ata un máximo de 2,6 puntos.
Consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos aspirantes.
Pasarán a esta segunda fase os/as aspirantes que teñan as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.
A entrevista versará sobre o curriculum vitae dos/das aspirantes, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre as materias relacionadas co obxecto do proxecto.
Para a realización da entrevista, que poderá ser telemática, disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,6 puntos.
De se producir empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo, e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Malia o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.
Quinta. Tribunal de selección
O tribunal cualificador deste proceso é nomeado pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
Así mesmo, lémbrase que á Comisión de Selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.
Sexta. Admisión dos/das aspirantes e baremación dos méritos
6.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, faranse públicas na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as para a praza obxecto desta convocatoria, así como as causas da súa exclusión.
Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos.
6.2. O proceso constará de dúas fases:
Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de vinte e seis puntos (26).
Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será de dous con seis puntos (2,6).
6.2.1. Primeira fase: o tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.
Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.
As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.
6.2.2. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.
Pasarán a esta segunda fase os/as aspirantes que teñan as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.
A entrevista versará sobre o curriculum vitae dos/das candidatos/as, as funcións que van desempeñar e os seus coñecementos sobre proxectos e políticas ou programas comunitarios relacionados coa I+D+i. Parte da entrevista poderá desenvolverse en inglés.
Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,6 puntos.
O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.gal/) os nomes dos/das convocados/as a esta fase, o lugar e a data e hora de realización da entrevista.
Os/as convocados/as deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.
Unha vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web https://acis.sergas.gal/ a listaxe coa puntuación provisional dos/das aspirantes.
Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
6.3. Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva dos aspirantes que realizaron as dúas fases do proceso, que será elevada á Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas polo mesmo medio que as listaxes provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.
6.4. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, e deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:
– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.
− Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.5.
− Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas, para os efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.6.
6.5. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar, nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior, a documentación citada no número 6.4. Procederase desta forma ata que un/unha aspirante presente en prazo e validamente a súa documentación.
6.6. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.
6.7. Se mentres dure o proxecto, se produce a baixa do/da aspirante contratado/a, procederase ao chamamento, para a súa cobertura, do/da seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista resultante desta convocatoria.
Sétima. Norma derradeira
7.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde na epígrafe de avisos e tamén na de transparencia e bo goberno.
7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
