De acordo co artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos.
En relación con isto, na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 26.11.2025, figuran os seguintes acordos:
– MVMC Lamabranca, Lagoa e Paramelo, pertencente aos veciños de Coeses, no concello de Lugo. Expediente Lugo/43_80.
O 4.7.2022 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Coeses mediante a cal pide autorización para levar a cabo a adquisición duns terreos, lindeiros con outros xa adquiridos con anterioridade, para a mellora de zonas de usos comunitarios para a súa incorporación ao monte veciñal. Procedemento con número de expediente 2022_32.
Esta compra foi autorizada polo Departamento Territorial do Medio Rural de Lugo pola Resolución do 26.7.2022.
O 28.11.2024, a Comunidade de Coeses presentou a escritura notarial de compravenda das devanditas parcelas.
O 6.8.2025, o Servizo de Montes elaborou unha memoria en que se especifican as modificacións que se producen como consecuencia da incorporación das ditas parcelas no MVMC Lamabranca, Lagoa e Paramelo, que pasa a ter unha superficie de 138,62 hectáreas.
En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común os terreos adquiridos pola comunidade, e proceder á actualización correspondente no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.
― MVMC Vilar, Ameiros e Cumbraos, pertencente aos veciños de Cuíña, no concello de Lugo. Expediente Lugo/16_83.
O 26.8.2024 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Cuíña mediante a cal pide autorización para levar a cabo a adquisición dun terreo correspondente coa referencia catastral 27900A1280006900000SQ. Procedemento con número de expediente 2024_42.
Esta compra foi autorizada polo Departamento Territorial do Medio Rural de Lugo pola Resolución do 7.11.2024.
O 15.7.2025, a comunidade de Cuíña presentou a escritura notarial de compravenda das devanditas parcelas.
Con data do 25.9.2025, o Servizo de Montes elaborou unha memoria en que se especifican as modificacións que se producen como consecuencia da incorporación das ditas parcelas no MVMC Vilar, Ameiros e Cumbraos, que pasa a ter unha superficie de 21,7 hectáreas.
En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común os terreos adquiridos pola comunidade, e proceder ás actualizacións correspondentes no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.
― MVMC O Castelo, Chao de Lodeiro, Lagares, Ribeira e Rozas Vellas, pertencente aos veciños de Burela, no concello de Burela. Expediente Burela/53_78.
O 26.3.2025 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Burela mediante a cal pide autorización para levar a cabo a adquisición de oito predios para a súa incorporación ao monte veciñal. Procedemento con número de expediente 2025_13.
Esta compra foi autorizada parcialmente, xa que o Departamento Territorial do Medio Rural de Lugo. pola Resolución do 6.5.2025, autorizou a adquisición de 6 predios.
O 5.6.2025 a comunidade de Burela presentou a escritura notarial de compravenda das devanditas parcelas.
Con data do 15.7.2025, o Servizo de Montes elaborou unha memoria en que se especifican as modificacións que se producen como consecuencia da incorporación das ditas parcelas no MVMC O Castelo, Chao de Lodeiro, Lagares, Ribeira e Rozas Vellas, que pasa a ter unha superficie de 114,89 hectáreas.
En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común os terreos adquiridos pola comunidade, e proceder á actualización correspondente no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.
Contra este acordo poderá interpoñerse, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 27 de novembro de 2025
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo
