DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 18 de decembro de 2025 Páx. 64849

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de decembro de 2025 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Comarca de Sarria.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Comarca de Sarria, con domicilio na rúa Ícaro, número 2, Oleiros (A Coruña), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 29 de setembro de 2025, Luís Miguel Fontal Vázquez, presidente do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Comarca de Sarria constituíuna a entidade Asteriscos Patrimonial, S.L.U., representada polo seu administrador único, Luís Miguel Fontal Vázquez, mediante a escritura pública outorgada o 19 de agosto de 2025, ante o notario de Sarria (Lugo) Borja Franco Guembe, co número de protocolo 503.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a dinamización integral da comarca de Sarria, promovendo fundamentalmente a cultura e o patrimonio local».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Asteriscos Patrimonial, S.L.U., representada por Luís Miguel Fontal Vázquez, como presidente, María Rosa Arias Quintana, como secretaria, e María Fontal Vázquez, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Comarca de Sarria, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 2 de decembro de 2025,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Comarca de Sarria, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer, no prazo dun mes recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes