Mediante a Resolución do 6 de novembro de 2025 (DOG núm. 222, do 17 de novembro) resolveuse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de prevención e defensa contra incendios forestais.
O punto segundo da dita resolución establece que o cesamento deberá efectuarse o día 13 de xaneiro de 2026.
Co fin de facer coincidir no tempo as tomas de posesión das persoas adxudicatarias do concurso de traslados coas tomas de posesión do persoal funcionario que superou os procesos selectivos nos que se está a tramitar a elección de destino, cómpre modificar a data de cesamento que se establece no punto segundo da Resolución do 6 de novembro de 2025.
Polo exposto, no uso das competencias que ten atribuídas no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e de conformidade co previsto na base IX.5 da convocatoria, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Modificar o punto segundo da Resolución do 6 de novembro, no que se establece a data de cesamento, que se deberá producir o día 19 de xaneiro de 2026.
Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta mesma dirección xeral no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
