DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 26 de decembro de 2025 Páx. 66180

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 8 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e XVII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición de 2026 (código de procedemento CT214A).

BDNS (Identif.): 876379.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/876379

Primeiro. Persoas beneficiarias

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten, de forma individual, textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados noutros concursos ou convocatorias anteriormente nin mentres dure este procedemento.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non poderán presentarse textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– As persoas ganadoras da edición inmediatamente anterior non se poderán presentar ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) en que resultaron galardoadas.

– Non poderá presentarse o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante a tramitación do procedemento de concesión desta convocatoria, as persoas participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña o texto presentado, ou se foi representado, en canto esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Segundo. Finalidade

O establecemento das bases reguladoras e o anuncio da convocatoria para o ano 2026, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXVIII edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da XIV edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e da XVII edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades, para a infancia e mocidade e para persoas adultas, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 8 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e XVII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición de 2026 (código de procedemento CT214A).

Cuarto. Importe

Existirá unha única persoa galardoada por premio e, no caso do premio Barriga Verde, unha por cada modalidade, coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 8.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para a infancia e mocidade): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para persoas adultas): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2026, con cargo á aplicación orzamentaria da Axencia Galega das Industrias Culturais 13.A1.432B.480.0, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo comezará o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2026.

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais