DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 2025 Páx. 66375

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Comarca de Sarria.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Comarca de Sarria, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 29 de setembro de 2025, Luis Miguel Fontal Vázquez, presidente do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Comarca de Sarria constituíuna a entidade Asteriscos Patrimonial, S.L.U., representada polo seu administrador único, Luis Miguel Fontal Vázquez, mediante a escritura pública outorgada o 19 de agosto de 2025, ante o notario de Sarria (Lugo) Borja Franco Guembe, co número de protocolo 503.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a dinamización integral da comarca de Sarria, promovendo fundamentalmente a cultura e o patrimonio local».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade da fundadora; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Asteriscos Patrimonial, S.L.U., representada por Luis Miguel Fontal Vázquez, como presidente, María Rosa Arias Quintana, como secretaria, e María Fontal Vázquez, como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Comarca de Sarria, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 9 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 244, do 18 de decembro) clasificouse de interese cultural a Fundación Comarca de Sarria, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Comarca de Sarria, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Comarca de Sarria.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude