A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral no sector bovino.
A aparición desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en territorio español o pasado mes de outubro en Cataluña, na provincia de Girona, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia.
A pesar da evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña, e as medidas adoptadas por parte desta Comunidade Autónoma, a aparición de novos casos de dermatose nodular contaxiosa en Francia aconsella manter as medidas cautelares establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente.
Fundamentos de dereito:
Visto o Regulamento (UE) nº 2016/429, do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.
Visto o disposto no artigo 8 de medidas sanitarias de salvagarda, da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.
No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,
RESOLVO:
Primeiro. Prorróganse as medidas contempladas na Resolución do 27 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación á dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 28 de novembro de 2025, ata o 1 de febreiro de 2026, incluído.
Segundo. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra esta cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contando desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
