BDNS (Identif.): 878045.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/878045
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e federacións destas, as organizacións de produtores pesqueiros, as entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro e as entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas confrarías de pescadores e federacións destas.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo FEMPA, para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 16 decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento PE209B).
Cuarto. Contía
Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 1.900.000 € distribuído en dúas anualidades, con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.723A.770.1, código de proxecto 2024 142, na cal existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 17 de outubro de 2025.
O detalle da distribución do crédito é o seguinte:
2025: 1.000.000 €.
2026: 900.000 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes. No caso de que o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva á que se refire o artigo 21.2 desta orde.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
