BDNS (Identif.): 878166.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/878166
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e efectuar a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños (código do procedemento PE209H).
Estas axudas acóllense ao réxime de minimis, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 18 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se realiza a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento PE209H).
Cuarto. Contía
O importe máximo das subvencións que se concedan en 2026 será de trescentos mil euros (300.000 €) nunha única anualidade, a do 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día de mes. No caso de que o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
De non esgotarse o crédito dispoñible ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 19.2 desta orde.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
