DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 2 de xaneiro de 2026 Páx. 28

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2025 pola que se lle dá publicidade ao esgotamento do crédito da Orde do 25 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS412A).

A Orde do 25 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS412A) establece, no seu artigo 2, que ás axudas obxecto desta convocatoria se destina un orzamento total de 2.663.867,00 € que se imputará á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.11.

O número 2 dese mesmo artigo 2 indica que se concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. A Consellería de Política Social e Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Consellería de Política Social e Igualdade o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as solicitudes posteriores presentadas para a obtención desta subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Por outra banda, o artigo 11.2 da Orde do 25 de agosto de 2025, no seu último parágrafo establece que, en aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a tramitación e resolución das solicitudes virá determinado pola data en que se presentase a documentación completa requirida nesta orde.

De conformidade co exposto, unha vez resoltas parte das solicitudes presentadas ao abeiro da referida Orde do 25 de agosto de 2025, aplicando como criterio de prioridade a data de presentación da documentación completa, constátase que se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión das axudas.

A última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente BS412A/2025/1453-CO, presentada na sede electrónica, nos termos recollidos nos artigos 7 e 11.2 da convocatoria, o día 3 de outubro de 2025, ás 9:41:24 horas.

En virtude do anterior, unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 25 de agosto de 2025, a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da conselleira de Política Social e Igualdade, de acordo co establecido na disposición derradeira primeira da citada orde,

RESOLVE:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do esgotamento do crédito dispoñible con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.11 para as axudas convocadas ao abeiro da Orde do 25 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS412A).

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade
P.D. (Orde do 25.8.2025; DOG núm. 170, do 4 de setembro)
Jacobo Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica