BDNS (Identif.): 873790.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/873790
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, con exclusión de:
a) Fundacións ou padroados en cuxo órgano de goberno participe a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e achegue recursos para financiar o seu funcionamento.
b) Entidades titulares de museos e centros museísticos destinatarios de subvencións nominativas coa mesma finalidade, consignadas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, nas partidas de gasto correspondentes á consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Segundo. Obxecto e finalidade
Constitúe o obxecto desta orde, por unha banda, o establecemento das bases reguladoras das axudas destinadas aos museos e outros centros museísticos que formen parte do Sistema galego de centros museísticos para a realización de actuacións e actividades museísticas que faciliten a conservación, a seguranza, a documentación, a investigación, a difusión e, por outra, a convocatoria das axudas para o ano 2026 (código de procedemento CT110C).
Terceiro. Financiamento e contía das axudas
1. As axudas convocadas para 2026 terán unha contía total de douscentos mil euros (200.000,00 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 nas aplicacións orzamentarias 13.03.432A.760.4 (100.000,00 €) e 13.03.432A.781.2 (100.000,00 €).
2. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.
A xestión desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026.
3. Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, dado que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2026.
A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
4. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 8.000,00 € por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado que se vaia realizar.
5. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
