BDNS (Identif.): 881300.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881300
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:
1. Pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.
As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP.
b) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate de presentación da solicitude.
c) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:
1º. As sociedades de capital, con domicilio social e fiscal no municipio, en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.
No caso de que a sociedade desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria provén do sector pesqueiro.
2º. As persoas integrantes do sector pesqueiro e familiares. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida, no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.
2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.
As persoas beneficiarias son as seguintes:
a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.
b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.
c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.
d) Entidades públicas locais.
e) Asociacións declaradas de utilidade pública.
f) Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:
1º. Fomentar as actividades náuticas.
2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.
3º. Fomentar o medio mariño e costeiro.
4º. Promover o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro.
g) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), soamente poderán ser beneficiarias:
1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.
2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.
3. No caso de proxectos que supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse á categoría de peme, agás as entidades de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
4. No caso de proxectos que non supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse ás indicadas no punto 2 deste artigo.
5. Para seren elixibles, as persoas beneficiarias disporán de capacidade administrativa, financeira e operativa. Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá de recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.
6. Polo que se refire á normativa comunitaria en materia de axudas de Estado, os proxectos de investimentos que impliquen a realización dunha actividade económica que entre no ámbito de aplicación do artigo 42 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), por ter como obxecto a produción, transformación ou comercialización de produtos da pesca ou da acuicultura do anexo I do TFUE, de acordo co previsto no artigo 10.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, non constitúen axudas de Estado ao abeiro do artigo 107.1 do TFUE e, polo tanto, non lles é de aplicación o previsto nos artigos 108 e seguintes sobre notificación previa á Comisión Europea.
Os proxectos de investimentos que impliquen a realización dunha actividade económica que teñan un obxecto diferente do recollido no parágrafo anterior estarán sometidos ao previsto no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L), en virtude do cal as subvencións que se vaian conceder quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.
Persoas beneficiarias conxuntas:
1. Poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades, as sinaladas no artigo 5.1, entre si, e as sinaladas no número 2, entre si.
No caso de concorreren de forma conxunta, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con quen se efectuarán as actuacións, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir os deberes que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante un documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.
2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando non sexa posible determinar o alcance dos deberes correspondentes a cada un deles.
3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Finalidade
1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2026. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2026, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento PE155A).
Cuarto. Importe
1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2026 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste acada o importe de seis millóns novecentos mil euros e (6.900.000,00 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:
|
Partida orzamentaria |
2026 |
2027 |
2028 |
Totais |
|
2026.16.03.723C.780.0 |
525.000,00 € |
367.500,00 € |
315.000,00 € |
1.207.500,00 € |
|
2026.16.03.723C.770.0 |
2.250.000,00 € |
1.575.000,00 € |
1.350.000,00 € |
5.175.000,00 € |
|
2026.16.03.723C.760.0 |
225.000,00 € |
157.500,00 € |
135.000,00 € |
517.500,00 € |
|
Total |
3.000.000,00 € |
2.100.000,00 € |
1.800.000,00 € |
6.900.000,00 € |
As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e do 30 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
