DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 2026 Páx. 3834

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e se convocan para os anos 2026-2027 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408L).

BDNS (Identif.): 880747.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880747

Primeiro. Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas galegas (pemes) ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2 e as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.

Consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán na resolución de concesión correspondente.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a concesión de axudas destinadas a pemes e grandes empresas con centro de traballo en Galicia, co obxectivo de incrementar a súa capacidade innovadora mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.

Igape Innova financiará actividades integradas en plans de deseño e innovación, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:

Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.

Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e se convocan para os anos 2026-2027 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408L).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.561A.770.02 por un importe de 4.000.000 €, e coa seguinte distribución plurianual:

Liña 1: 1.000.000 € no ano 2026 e 1.000.000 € no ano 2027.

Liña 2: 1.000.000 € no ano 2026 e 1.000.000 € no ano 2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica