O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade, e en execución do previsto no anexo II, oferta de promoción interna independente, da Resolución do 28 de novembro de 2024 (DOG do 11 de decembro) pola que se aproba a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2024, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha (1) praza da categoría profesional técnico/a especialista de investigación, especialidade saúde, grupo III, con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha (1) praza da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade saúde, grupo III, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.
1.2. A presente convocatoria non xerará ningunha praza vacante na categoría da cal procedan as persoas que superen o proceso selectivo.
1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.
1.4. A adxudicación da praza ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida, segundo o establecido no anexo I.
1.5. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.
1.6. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:
a) Posuír a condición de persoal laboral fixo, categoría técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde, estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional no Departamento de Ciencias Morfolóxicas e realizar o seu traballo na sala de técnicas anatómicas.
b) Ter unha antigüidade efectiva de polo menos seis (6) meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.
c) Estar en posesión do título de bacharel ou técnico ou titulación equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Poderán quedar exentas do requisito de titulación exixido para a quenda libre, dado que a relación de postos de traballo non recolle unha titulación específica, de acordo co previsto no artigo 37.2 do Convenio colectivo para o persoal laboral.
d) Posuír a capacitación ou formación para o exercicio das funcións a, b, c, segundo a Orde ECC/566/2015.
e) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.
f) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude dun expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.
g) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.
h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.2. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá formalizar a súa solicitude e aboar a taxa correspondente unicamente por medios electrónicos. Empregarase o seguinte formulario da sede electrónica: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm e, como medio de identificación electrónica, as credenciais corporativas da USC.
3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:
– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.
– Documentación acreditativa da capacitación ou formación para o exercicio das funcións a, b, c, segundo a Orde ECC/566/2015.
As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PTXAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non estea debidamente acreditada no seu expediente persoal.
3.4. A Xerencia expedirá e engadirá de oficio á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados, en que consten a categoría e os períodos en que se prestaron, así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.
3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes, e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes.
3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.
3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que teñen de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.8. Os dereitos de exame serán de 33,13 €. Para realizar o seu ingreso empregarase un dos medios que se indican a seguir:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca, presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non sendo precisa a comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
Estes medios de pagamento estarán accesibles unha vez que a persoa aspirante formalice a súa solicitude de inscrición a través do formulario establecido no punto 3.2.
De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis (6) meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.
• Demandantes de emprego:
1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.
2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
3.9. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.10. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.11. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estaren en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.
3.12. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe do formulario, Medios de aviso de notificación, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia na sede electrónica, e para accederen a ela empregarán o medio de identificación que se indica na base 3.2.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará a resolución en que declare aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal está exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivasen a exclusión e o prazo para reparalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaron a exclusión.
Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o que o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no punto 3.2 desta convocatoria.
4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.4. Na resolución que aprobe a lista definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4.5. O feito de figurar na lista de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.
5. Tribunal.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría segunda, de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo aprobado no Consello de Goberno da USC o 29 de decembro de 2020.
O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da USC.
5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificarllo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizaron tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco (5) anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A presidencia solicitará dos membros do tribunal unha declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.
5.3. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no punto anterior ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa presenza de todos os seus membros, de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión, acordaranse todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a, e da metade polo menos dos seus membros.
5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.
5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Estes asesores deberán posuír unha titulación de igual ou superior nivel cá exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o punto 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número de persoas aspirantes superior ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, de se producir a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación ás persoas propostas, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.
6. Desenvolvemento dos exercicios.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra F, de conformidade co establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025, da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único, e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.
Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico: https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas polo menos de antelación ao seu comezo, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.
6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.
6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra esta exclusión poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.
6.6. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico: https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.7. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.
6.8. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na que constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, segundo o previsto no anexo I.
No caso de se produciren empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.
6.9. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.2.
6.10. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no punto 5.10 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico: https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar, na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á súa contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no expediente persoal do/da traballador/a.
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito. Quen non presentase a documentación, ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.3. O persoal cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. A solicitude irá acompañada dun informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.4. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.
7.5. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que obteñan, como mínimo, unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.
8. Disposición derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación,
especialidade saúde
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:
I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.
Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o segundo, que será obrigatorio e non eliminatorio.
As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do núm. 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten documentalmente, xunto coa solicitude, ou, de ser o caso, teñan acreditado no seu expediente, estar en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente.
Este exercicio terá a seguinte estrutura:
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo as indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa (90) minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince (15) minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.
Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.
O tempo para a súa realización será de noventa e cinco (95) minutos e a súa valoración de 0 a 25 puntos.
Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa, en que os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de noventa (90) minutos.
A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos.
Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.
As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.
II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.
Experiencia: máximo 35 puntos.
• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.
• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.
• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.
• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.
Formación: valoraranse os cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:
Cursos de formación relacionados coa praza:
• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.
• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.
• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.
Cursos de formación de lingua galega:
• Curso medio de linguaxe administrativa: 0,60 puntos.
• Curso superior de linguaxe administrativa: 0,80 puntos.
• Celga 5: 1 punto.
Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.
Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.
A cualificación final do concurso-oposición estará determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.
Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listas de espera, as dúbidas que xurdan serán resoltas por unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderá solicitarlles información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.
ANEXO II
Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación,
especialidade saúde
Programa
Coñecementos específicos:
1. Anatomía humana: historia, obxectivos da súa aprendizaxe, rexións do corpo humano. Conceptos anatómicos.
2. Osteoloxía: identificación dos ósos do corpo humano.
3. Artroloxía: identificación de articulacións en cadáver e en maquetas.
4. Mioloxía: identificación de músculos por rexións corporais en cadáver e maquetas.
5. Aparello cardiocirculatorio: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.
6. Aparello respiratorio: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.
7. Aparello dixestivo: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.
8. Aparello xenital masculino e feminino: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.
9. Aparello urinario: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.
10. Sistema nervioso: coñecer e identificar órganos en cadáver, pezas cadavéricas e maquetas.
11. A sala de disección. Condicións xerais. Mesas de disección. Mesas de embalsamamento. Espazos de traballo.
12. Depósito de cadáveres: condicións de traballo e instalacións frigoríficas. Sistemas de emerxencia. Almacenamento de produtos químicos e instrumental cirúrxico.
13. A doazón do corpo. Aspectos legais. Documentación. Arquivo de datos. Perfil do doador. Aceptación e recepción do cadáver.
14. Alteracións post mortem. Fenómenos cadavéricos temperáns. Fenómenos cadavéricos tardíos.
15. Preparación do corpo para a súa conservación. Técnicas de perfusión. Instrumental cirúrxico. Vía femoral. Vía carotídea. Bomba de perfusión. Procedementos de fixación de fetos.
16. Líquidos fixadores. Produtos. Fórmulas máis frecuentes (vantaxes e inconvenientes). Coidados no seu manexo.
17. Almacenamento e conservación do cadáver. Cadáver completo. Pezas disecadas. Cortes anatómicos seriados. Instalacións de refrixeración. Técnica de plastinación de pezas anatómicas. Preparación de ósos.
18. Principios da técnica de disección. Instrumental. Disección por planos. Extracción de órganos torácicos: procedemento de apertura da cavidade torácica. Extracción de órganos da cavidade abdominal: procedemento de apertura da cavidade abdominal. Extracción do encéfalo: procedemento de apertura da cavidade cranial.
19. Eliminación de residuos. Clasificación e requirimentos: asimilables a urbanos, biolóxicos asimilables a urbanos, biolóxicos especiais, cadáveres e restos anatómicos, químicos, citotóxicos. Enterramento vs cremación.
20. Prevención de riscos laborais na manipulación do cadáver. Riscos habituais. Exposición a axentes biolóxicos e químicos. Medidas e equipamentos de protección persoal. Coidados no manexo de cargas. Coidados no manexo de serras eléctricas.
21. Implementación dun sistema de xestión da calidade ISO 9001 nun servizo de doazón corporal: principios da calidade aplicada á xestión de doazóns, rastrexabilidade e documentación do proceso, avaliación de riscos, control de non conformidades, auditorías internas e mellora continua. Importancia da certificación ISO 9001 para garantir a transparencia, a eficiencia e o respecto ético no manexo de doadores e material anatómico.
Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.
ANEXO III
Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación,
especialidade saúde
Tribunal titular:
Presidente: Juan Antonio Suárez Quintanilla, catedrático de universidade da USC.
Vogais:
– Ana Isabel Rodríguez Pérez, profesora titular de universidade da USC.
– Manuel Pérez Calvelo, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
– David Romero Chouza, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
Secretaria: Jesusa Rico Picón, funcionaria de carreira da escala de xestión da USC, que actuará con voz e voto.
Tribunal suplente:
Presidente: Pablo Garrido Gil, profesor titular de universidade da USC.
Vogais:
– Rita Valenzuela Limiñana, profesora titular de universidade da USC.
– María José Pazos Guldrís, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Vanessa Pérez Cedrón, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
Secretario: José Manuel Caamaño Jerez, funcionario de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.
