BDNS (Identif.): 882546.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882546
Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias
Poderanse acoller aos premios recollidos nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no correspondente programa de axudas:
a) Os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial para os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos no programa I.
b) As cooperativas galegas que estén ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo as modalidades e nos termos previstos no programa II.
Segundo. Obxecto e finalidade
Fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, entre o alumnado dos centros educativos de Galicia, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas realizan para o desenvolvemento cooperativo na Comunidade Autónoma Galega, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
Establécense os seguintes programas de axudas:
Programa I. Certame Cooperativismo no ensino dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia (código de procedemento TR802O).
Programa II. Premios á Cooperación (código de procedemento TR802Q).
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino e os premios á Cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR802O e TR802Q.
Cuarto. Contía
O orzamento total ascende a corenta e tres mil euros (43.000,00 €).
A distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:
Programa I. Certame Cooperativismo no ensino: vinte e oito mil euros (28.000 €).
Na modalidade de actividades artísticas concederanse un total de catro premios ao mellor traballo e catro accésits, por un importe de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) e mil cincocentos euros (1.500,00 €), respectivamente.
Na modalidade de actividades cooperativizadas concederanse un total dun premio ao mellor traballo e dun accésit, por un importe de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) e mil cincocentos euros (1.500,00 €), respectivamente.
Na modalidade de proxectos empresariais cooperativos concederanse un premio ao mellor proxecto e un premio ao proxecto finalista, por un importe de catro mil cincocentos euros (4.500,00 €) e tres mil cincocentos euros (3.500,00 €), respectivamente.
Programa II. Premios á Cooperación: quince mil euros (15.000 €).
Outorgarase un premio de cinco mil euros (5.000,00 €) en cada unha das categorías.
• Premio aos valores cooperativos.
• Premio ao mellor proxecto cooperativo novo.
• Premio á traxectoria cooperativa.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2026.
Sexto. Outros datos
Os importes dos premios correspondentes ás modalidades de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas serán aboados aos centros de ensino, que os deberán destinar á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á realización dunha actividade formativa, deportiva ou cultural dirixida ao alumnado do centro. Na modalidade de actividades cooperativizadas o centro poderá optar por destinar a totalidade ou parte do premio acadado á posta en marcha de proxectos emprendedores cooperativos no propio centro educativo co obxecto de que podan entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Os importes dos premios correspondentes á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán aboados ás persoas autoras do proxecto.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
