DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2026 Páx. 8899

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, mediante o sistema de concurso, para o ingreso na categoría 100 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

A disposición adicional terceira.3) da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 252, do 31 de decembro), establece que a Administración autonómica procederá no ano 2026 á convocatoria das prazas de persoal laboral fixo descontinuo correspondentes ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, previstas no Decreto 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, e non incluídas nas convocatorias extraordinarias derivadas do indicado decreto.

A epígrafe cuarta da mesma disposición adicional indica que as prazas serán, en concreto, sesenta e oito (68) para a categoría profesional 100 do grupo III (bombeiro/a forestal xefe/a de brigada).

Finalmente, as epígrafes quinta e sexta da referida disposición adicional indican que, con carácter excepcional, a convocatoria debe realizarse polo sistema de concurso de méritos.

De conformidade co establecido na disposición adicional terceira.6) da Lei 5/2025, do 23 de decembro, atendendo á finalidade deste proceso selectivo, non será aplicable a reserva de prazas para a promoción interna.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, mediante o sistema de concurso, para o ingreso na categoría 100 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo é a cobertura de prazas da categoría 100 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, de conformidade co establecido na disposición adicional terceira.3) da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 252, do 31 de decembro).

O número de prazas convocadas será de sesenta e oito (68), das cales catro (4) están reservadas a persoas que acrediten discapacidade.

O sistema selectivo será o de concurso.

I.1.1. De conformidade co artigo 48.2 da Lei 2/2025, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas convocadas reservaranse catro (4) prazas para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade non obtén praza, pero a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, en que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios, se os houber, e á relación coas persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das opcións referidas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. A este proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro; o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: de conformidade co disposto no artigo 6 do Estatuto dos traballadores e demais normativa laboral que regula a idade dos traballadores en traballos perigosos e penosos, resulta imprescindible ter feitos os dezaoito anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, así como os demais estranxeiros con residencia legal en España.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de técnico superior en xestión forestal e medio natural ou titulación equivalente.

Para os efectos desta convocatoria, o termo equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron substituír as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación dos títulos académico e profesional. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.4. Coñecemento da lingua galega: as persoas aspirantes deben estar en posesión do título do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Non obstante, aquelas persoas que non acheguen a titulación anteriormente indicada, deberán superar unha proba de coñecemento da lingua galega nos termos que se establecen na base II.

I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.6. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional da cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.7. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.8. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %, con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

I.2.9. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal laboral fixo que xa pertence á categoría profesional obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo http://xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»→«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos dos solicitantes, poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se atopen relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización da proba de coñecemento da lingua galega.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e en calquera caso nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática, a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, en que se regula o acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Acreditación do coñecemento da lingua galega, mediante a presentación do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Para tal fin, as persoas aspirantes deberán tramitar a acreditación a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe Expediente-e→Idiomas-Galego. Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Están exentas deste trámite as persoas aspirantes que xa teñan validado como nivel de coñecemento do idioma galego o Celga 4, título equivalente ou superior, no seu expediente persoal electrónico.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo http://xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.

e) Os datos relativos á exección de taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación, para iso deberán indicalo no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñece tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude, orixinal ou copia debidamente autenticada, dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste punto, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acreditasen mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade ou cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante correspondente.

Se ademais se emprega o certificado dixital, poderá realizarse o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado das entidades que ofrecen esa posibilidade.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se anuncia a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesario que a persoa interesada presente un escrito dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, solicitando a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe expediente → datos persoais e que achegue o certificado expedido pola entidade financeira en que figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Non poderá presentarse máis dunha solicitude de participación para unha mesma categoría. No caso de presentar varias solicitudes para a mesma categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aprobará a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicaranse no portal web corporativo http://xunta.gal/funcion-publica

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo http://xunta.gal/funcion-publica, a listaxe das persoas aspirantes que deberán superar a proba de coñecemento da lingua galega nos termos que se establecen na base II.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder a solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se aprobará a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada no DOG. As listaxes definitivas coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan publicaranse no portal web corporativo http://xunta.gal/funcion-publica

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proba de coñecemento da lingua galega.

II.1. A dita proba é eliminatoria e obrigatoria para todas aquelas persoas aspirantes que non teñan acreditado estar en posesión ou en condicións de obter no día de finalización da presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o nivel de coñecemento da lingua galega requirido para o acceso á categoría a que participa (Celga 4).

II.2. A dita proba será desenvolta polo tribunal nomeado por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, de conformidade co establecido na base IV desta convocatoria.

II.3. A proba constará de dúas partes:

Primeira parte: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda parte: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo ao nivel do Celga 4 requirido no proceso selectivo.

II.4. Desenvolvemento da proba de coñecemento da lingua galega.

II.4.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comece pola letra M, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 22 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro), pola que se fai público o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 12 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro).

II.4.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.4.3. O exercicio realizarase a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal como colaboradoras.

II.4.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.4.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.4.6. O anuncio de realización do exercicio publicarase no DOG e no portal web corporativo http://xunta.gal/funcion-publica con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.4.7. As persoas aspirantes poderán presentar alegacións ao dito exercicio nos tres (3) días hábiles seguintes á súa realización. Estas alegacións das persoas aspirantes deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.4.8. A resolución pola que se acorda a publicación dos resultados dos exercicios publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://xunta.gal/funcion-publica, xunto co resultado da proba (apto ou non apto).

As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións do exercicio, no prazo de dez (10) días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior.

A tramitación destas alegacións deberán presentarse a través da aplicación Fides
(http://fides.xunta.gal).

II.4.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.

II.4.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará ás persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba de coñecemento de lingua galega, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

III. Proceso selectivo.

Fase de concurso.

A valoración dos méritos terá unha puntuación máxima de cen (100) puntos.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que ou ben acreditaron o nivel de coñecemento da lingua galega, ou ben superaron a proba correspondente, dos seguintes méritos:

III.1. Méritos que se valoran:

III.1.1. Experiencia profesional, un máximo de setenta (70) puntos.

a) Experiencia profesional acreditada na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na propia escala ou categoría profesional a que se opta ou na escala ou categoría profesional equivalente, a razón de 0,30 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 70 puntos.

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,30 puntos.

Os servizos prestados en escalas ou categorías profesionais extinguidas consideraranse prestados nas escalas ou categorías profesionais en que se integraron ou refundiron cada unha delas.

b) Experiencia profesional acreditada, en calquera outra Administración distinta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na propia escala ou categoría profesional a que se opta ou na escala ou categoría profesional equivalente, sempre que se inclúa dentro de mesmo grupo de titulación, a razón de 0,125 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 70 puntos.

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,125 puntos.

Enténdese que a experiencia profesional acreditada en calquera outra Administración pública distinta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia inclúe aqueles servizos prestados en entidades definidas como medios propios da Xunta de Galicia, sempre que tales servizos se prestasen en execución das encomendas de xestión previstas no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Para os efectos da valoración dos méritos correspondentes a esta epígrafe III.1.1, no ámbito desta convocatoria, computarase a prestación de servizos en réxime de interino (artigo 25.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril), en réxime de persoal laboral temporal (artigo 27.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril) e de persoal laboral indefinido non fixo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente. Non obstante o anterior, os períodos de suspensión de contrato en postos de traballo de carácter fixo-descontinuo computarán como servizos efectivamente prestados para os efectos deste baremo.

Igualmente, para os efectos do cómputo da experiencia profesional, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de excedencia forzosa (artigo 24.4 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia), na situación de excedencia para coidado de fillos/as menores de tres anos e para o coidado de familiares (artigo 24.1 e 2 do V Convenio), por razón de violencia sobre a muller (artigo 24.3 do V Convenio), así como as súas equivalentes previstas nos artigos 167, 176, 177 da Lei 2/2015, do 29 de abril) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da Lei 2/2015, do 29 de abril).

A suma das puntuacións obtidas nas epígrafes III.1.1.a) e b) non poderá exceder os setenta (70) puntos.

III.1.2. Outros méritos, ata un máximo de trinta (30) puntos.

a) Formación, un máximo de dezasete puntos e medio (17,5) puntos.

Cursos de formación. Valoraranse os cursos de formación recibidos, convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estivesen homologados pola EGAP; cursos acreditados polo SEPE; cursos acreditados polas consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas contidos nas alíneas 1 e 2 da letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cursos impartidos polas universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a oito (8) horas lectivas valorarase con 0,04 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 4 puntos por curso.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios, obradoiros e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– As certificacións de profesionalidade e os programas formativos dos obradoiros de emprego.

– Aquelas actividades formativas habilitantes para o exercicio dunha profesión.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

b) Grao de coñecemento do idioma galego: ata un máximo cinco (5) puntos.

Valorarase o coñecemento da lingua galega de nivel superior ao establecido como requisito de acceso ata un máximo de 5 puntos.

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 4 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 5 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

c) Pola superación de exercicios ou probas de procesos selectivos convocados con data posterior ao 1 de xaneiro de 2001 para adquirir a condición de persoal laboral fixo no marco do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia que estean finalizados ou coa fase de oposición finalizada para o acceso á mesma escala ou categoría profesional que se convoque. Valorarase 2,5 puntos por cada proba selectiva ou exercicio superado ata un máximo de 7,5 puntos.

Para estes efectos, non se terán en conta as probas superadas para acreditar o coñecemento de idiomas ou psicotécnicas.

Non obstante o anterior, por canto as prazas obxecto desta convocatoria xa estaban previstas no Decreto 79/2022, do 25 de maio, na valoración dos méritos establecidos nesta epígrafe non serán baremables os exercicios ou probas realizados nos procesos de estabilizacións derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro.

Os méritos referidos á dita alínea c) apreciaraos, de oficio, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

III.2. Os méritos enumerados na base III.1 deberán referirse á data de finalización da presentación das solicitudes de participación neste proceso e figurarán incorporados ao expediente electrónico persoal na data que se estableza por resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que será publicada no DOG.

As persoas aspirantes que, de acordo co establecido na alínea anterior, teñan que actualizar o modificar o seu expediente electrónico persoal, actuarán do xeito establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Non se terán en conta os méritos que se acrediten fóra do prazo establecido na dita resolución ou non se presenten de conformidade co dito procedemento.

III.3. Rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal realizará a baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A resolución pola que se acorda a publicación da baremación provisional da fase de concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade e puntuación obtida publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://xunta.gal/funcion-publica

As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que xulguen oportunas ao baremo provisional, no prazo de dez (10) días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior. Estas alegacións deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

Á vista das alegacións presentadas polas persoas aspirantes e, de ser o caso, realizadas as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a resolución pola que se aproba a baremación definitiva da fase de concurso. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade e puntuación obtida publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://xunta.gal/funcion-publica

III.4. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número de persoas aspirantes superior ao de prazas convocadas. Para poder superar o proceso selectivo será necesario acadar unha puntuación mínima de dez (10) puntos.

Para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por orde de puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal laboral fixo.

III.5. Proba física. As persoas aspirantes deberán acreditar a superación da proba física Field Test, na cal terán que camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas. Para tal fin, o tribunal convocará para a realización da dita proba as persoas aspirantes con mellores puntuacións na fase de concurso, nun número equivalente ao número de prazas convocadas e incrementadas nun 20 %.

A proba será única para o conxunto de procesos selectivos convocados ao abeiro do establecido na disposición adicional terceira.3) da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, motivo polo cal aquelas persoas aspirantes que participen en dous ou máis destes procesos serán convocadas á realización da proba en único chamamento.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de trinta (30) minutos.

As persoas aspirantes non poderán correr durante o desenvolvemento da proba. Logo dunha advertencia, o tribunal descualificará aquelas persoas aspirantes que incumpran esta condición, o cal implicará unha avaliación de non aptitude.

O tribunal, en consideración co número de persoas aspirantes convocadas, poderá decidir a realización das probas en diferentes chamamentos.

As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas coa roupa e co calzado que consideren adecuados e cun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no cal se faga constar que a persoa aspirante non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico.

O referido certificado ou informe deberá estar expedido dentro dos tres (3) meses inmediatamente anteriores á data de realización desta proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

A execución da proba física será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio ningún audiovisual porque podería afectar a súa seguridade, o dereito á intimidade persoal e a propia imaxe das persoas intervenientes nesta.

Nesta proba a persoa aspirante será valorada como apta ou non apta, e será necesario, para superala, obter o resultado de apta.

IV. Tribunal.

IV.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de emprego público, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, o artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

IV.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

IV.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal cualificador que substituirán as que perdesen a súa condición por calquera das causas previstas na normativa aplicable.

IV.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

IV.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría, ou de quen as substitúa.

IV.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

IV.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.

IV.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o exercicio para a acreditación do coñecemento da lingua galega sexa corrixido sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás que corresponden os resultados obtidos.

IV.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas, e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

IV.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización do proceso selectivo, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala ao que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

IV.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base IV.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

IV.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base III.4.

IV.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

IV.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).

V. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal laboral fixo.

V.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– De conformidade co disposto no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, relativo á infrarrepresentación do xénero feminino nesta categoría profesional, o desempate dirimirase a prol da muller.

– Polo maior tempo de servizos prestados na escala, especialidade ou categoría profesional obxecto da convocatoria na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Pola maior antigüidade de servizos prestados no ámbito da Xunta de Galicia.

– Pola maior idade da persoa aspirante.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

V.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a resolución pola que se declaran as persoas aspirantes que superaron o dito proceso; as listaxes coas persoas aspirantes que superaron o proceso, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade ou equivalente, ordenadas polas puntuacións acadadas, publicaranse no portal web corporativo
http://xunta.gal/funcion-publica. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal laboral fixo.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da referida resolución, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Título académico exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe Expediente-e→Formación-Formación académica/profesional. Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo I a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Igualdade e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de emprego público solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

As persoas aspirantes poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

e) Permiso de conducir da clase B en vigor.

Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe Expediente-e→Outros méritos/requisitos. Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.

V.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal laboral fixo mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

V.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base V.1.

V.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril.

VI. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, grupo III, categoría 100-bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito grupo e categoría.

..., ... de ... de 202...

ANEXO II

(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, grupo III, categoría 100-bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade)......, ... de ...de 202...