
A trata de seres humanos é, sen dúbida, a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.
Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país.
A este respecto, no Informe Mundial sobre a Trata de persoas, publicado no ano 2022 pola Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, a trata de persoas con fins de explotación sexual (38,7 %) equipárase á trata de persoas con fins de traballo forzoso (38,8 %), destacando os efectos provocados pola pandemia pola COVID-19, a crise económica, as situacións de conflito, os desprazamentos forzados e o cambio climático como factores que deixaron a máis persoas en situación de vulnerabilidade fronte á explotación e a trata de persoas ao tempo que os esforzos na identificación de vítimas e as respostas desde a xustiza penal minguaron.
As vítimas da trata son captadas, transportadas ou aloxadas mediante engano, aproveitando a súa situación de vulnerabilidade ou utilizando a forza, co propósito de obter un beneficio da súa explotación. As mulleres, nenos e nenas sofren máis violencia a mans dos tratantes. As mulleres son sometidas a violencia física extrema nunha proporción tres veces maior que os homes.
O concepto de «trata de seres humanos» é moi amplo e fai referencia aos diferentes propósitos de explotación das súas vítimas. Así, a trata de seres humanos pode estar referida á extracción e comercio de órganos, á utilización de persoas con fins de explotación laboral, ou á explotación para realizar actividades delituosas ou á explotación sexual.
Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (Organización Internacional do Traballo, Oficina contra a Droga e o Delito das Nacións Unidas, Unión Europea, entre outras) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible, isto é, que a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero xa que afecta as mulleres de xeito desproporcionado, non só por rexistrar a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación ás que son sometidas soen ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual e todo isto motivado pola súa maior vulnerabilidade, que vén determinada entre outros factores pola subsistencia dun sistema de organización social que perpetúa os modelos de desigualdade por razón de xénero e permite a desvalorización de mulleres e nenas con carácter xeral acadando maior magnitude en situacións de conflitos armados, de desprazamentos de poboacións, de pertenza a minorías étnicas, de feminización da pobreza, de desigualdade na educación e no ámbito laboral, así como da necesidade de emigrar para mellorar as súas condicións de vida e as da súa contorna.
Todos os datos apuntan, ademais, a que a trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas manifestacións, atópanse fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión. Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual, a prostitución e outras formas de explotación sexual, teñen unha especial gravidade, pois supoñen a redución máxima dunha persoa a un mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e mesmo violento.
Concretamente, a prostitución non é unha expresión de liberdade sexual das mulleres senón que ten que ver coa violencia, a marxinación, as dificultades económicas e, sobre todo, cunha cultura sexista e patriarcal. Como tal, a prostitución non é ilegal no noso ordenamento, aínda que si o é o lucro ou explotación da prostitución allea, así como a prostitución de menores. En calquera caso si resultan punibles numerosas situacións vexatorias e violentas que sofren as vítimas: agresións físicas, violacións, ameazas ou insultos.
O Plan operativo para a protección dos dereitos humanos de mulleres e nenas vítimas de trata, explotación sexual e mulleres en contextos de prostitución (2022-2026) «Plan Camino», aprobado polo Consello de Ministros o 20 de setembro de 2022, ten como obxectivo xeral previr e detectar a trata con fins de explotación sexual e a explotación sexual, reforzando a asistencia integral, a protección e recuperación das mulleres e nenas vítimas de trata con fins de explotación sexual, explotación sexual e de mulleres en contextos de prostitución, a través da consolidación de medidas e accións institucionais que faciliten a garantía efectiva dos dereitos humanos.
A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, na súa virtude aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. A Consellería de Política Social e Igualdade, de conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 2/2025, do 20 de xaneiro, ten entre as súas competencias impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero.
A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle no seu artigo 3 a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e a explotación sexual como formas de violencia de xénero. No seu artigo 6 establece que o departamento competente en materia de igualdade, en coordinación cos restantes departamentos da Xunta de Galicia, porá en marcha, de xeito periódico, campañas de información e sensibilización que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas, e que incidan no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero. No seu artigo 7.2 dispón que o departamento competente en materia de Igualdade establecerá axudas económicas destinadas a que o movemento asociativo en Galicia desenvolva actividades que promovan a prevención e a erradicación da violencia de xénero.
Ademais, Galicia é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual.
O 4 de agosto de 2022, o Consello da Xunta da Galicia aprobou o primeiro Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, co fin de articular políticas que dean unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual e contribuír á súa erradicación. O plan, integrado por cinco áreas estratéxicas, once obxectivos operativos e cincuenta e nove medidas, dedícalle a súa área estratéxica 3 ao fortalecemento dos recursos de atención integral e, dentro desta, recóllese como un dos obxectivos operativos o de consolidar e mellorar os recursos especializados para a atención integral ás vítimas. Para acadalo, a medida 3.1.2 prevé o fortalecemento dos recursos de acompañamento, apoio terapéutico, socioeducativo e sociolaboral, para garantir a protección e atención integral ás vítimas de trata, en especial ás de maior vulnerabilidade. No ano 2026 está prevista a aprobación do segundo Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Deste xeito, tanto os avances lexislativos como os instrumentos programáticos aprobados a nivel estatal e autonómico, configuraron un impulso vital na persecución da trata con fins de explotación sexual e no apoio e protección das súas vítimas.
A través desta orde establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión de subvencións, a través de dúas liñas de axudas, ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de:
a) Proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, serán cofinanciados pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo dos dereitos sociais»; prioridade 2: «Inclusión social e loita contra a pobreza»; obxectivo específico ESO4.8: «Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos»; medida 2.H.02: «Axudas para atención integral da explotación sexual e trata».
Neste senso, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados, no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
Ademais, nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados.
Pola súa banda, os proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, serán financiados con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco da Conferencia Sectorial de Igualdade correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no presuposto crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Coa dita finalidade establécense dúas liñas de subvencións:
a) Liña 1: proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431A), cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
b) Liña 2: proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431E).
2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 2. Financiamento
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de oitocentos cincuenta e cinco mil euros (855.000,00 €), distribuídos nas dúas liñas de subvencións, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:
|
Liña de subvención |
Aplicación |
Cód. proxecto |
Importe (€) |
|
Liña 1-SI431A |
08.06.313D.481.1 |
2023 00098 |
675.000,00 |
|
Liña 2-SI431E |
08.06.313D.481.1 |
2012 00931 |
180.000,00 |
|
Total |
855.000,00 |
||
2. As axudas da liña 1 están cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo dos dereitos sociais»; prioridade 2: «Inclusión social e loita contra a pobreza»; obxectivo específico ES04.8.: «Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos»; medida 2.H.02: «Axudas para atención integral da explotación sexual e trata».
3. As axudas da liña 2 están financiadas con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco da Conferencia Sectorial de Igualdade correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo proxecto ou en proxectos do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, e no caso da liña 1, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
5. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 3. Compatibilidade das axudas
As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son compatibles entre si e incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación de gasto.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións previstas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.
2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos proxectos subvencionados.
Artigo 5. Proxectos de atención social integral: actuacións subvencionables e contía da axuda
1. Na liña 1 será subvencionable o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral, e que deberán incluír, polo menos, dous tipos de actuacións dos sinalados nas seguintes alíneas:
a) Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual en asistencia social, legal ou psicolóxica.
b) Asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos de diversa índole: sociais, sanitarios, policiais, xudiciais, laborais, de formación, e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; e acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada persoa usuaria.
c) Atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou condutuais e na procura da súa recuperación persoal. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en psicoloxía.
d) Asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole: autorizacións de residencia e traballo, revogacións de ordes de expulsión, reagrupamento familiar, retorno ao pais de orixe, cuestións laborais e civís, procesos de denuncia, xestións policiais, procesos penais. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en dereito, ciencias xurídicas ou equivalente.
e) Orientación e asesoramento laboral, incluídas as actividades formativas; como formación básica (habilidades sociais, alfabetización, economía doméstica) e formación prelaboral e laboral, coa finalidade de facilitar e mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral.
f) Atención e asesoramento en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento a aqueles lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, para establecer encontros iniciais, achegándolles información sobre os recursos existentes e/ou información hixiénico-sanitaria, xurídica, social, de xeito que se permita o seu acceso as actuacións normalizadas previstas neste artigo.
2. A atención personalizada a través dos servizos sinalados nas alíneas anteriores comprenderá tanto as actuacións presenciais coa persoa participante, de forma individual ou grupal, como aqueloutras actuacións que non requiran a presenza da persoa e que se consideren necesarias para o cumprimento do obxectivo de mellorar a súa situación persoal e apoiar a súa recuperación e integración social e laboral.
3. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do proxecto obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados no artigo 7, e segundo os termos establecidos no dito artigo.
4. Para a determinación do importe da subvención, empregarase un método de custos simplificados consonte o disposto nos artigos 53.1.b), 55.2.a), 53.3.a) i), 53.1.d) e 56.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, conforme o cal, establécese un custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás persoas usuarias.
5. Segundo a actividade profesional que se vai desenvolver, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:
a) 21,56 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con formación universitaria, titulación superior de formación profesional complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á formación referida. En todo caso, respectaranse as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal.
b) 19,20 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con formación profesional superior ou de grao medio, ou formación académica equivalente, complementada con coñecementos adquiridos por demostrada experiencia no seu posto de traballo e complementado con formación específica necesaria para desenvolver a función.
c) 16,75 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con competencia derivada da formación académica e/ou profesional de grado medio, ou equivalente, complementado cunha experiencia ou titulación profesional necesaria para o desenvolvemento da súa función.
O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 55.2.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 persoas atendidas, das cales, o 60 % (24) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no número 1. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.
6. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención que se vai conceder ás entidades beneficiarias calcularase en función da puntuación obtida por estas (conforme o sinalado no artigo 16.1), aplicando sobre as horas de traballo efectivo (que computen conforme o establecido na alínea 5 deste artigo) a porcentaxe de intensidade de axuda que corresponda:
– Entre 90 e 100 puntos: 100 % das horas concedidas.
– Entre 79 e 89 puntos: 90 % das horas concedidas.
– Entre 69 e 78 puntos: 80 % das horas concedidas.
– Entre 59 e 68 puntos: 70 % das horas concedidas.
- Entre 49 e 58 puntos: 60 % das horas concedidas.
– Entre 35 e 48 puntos: 50 % das horas concedidas.
7. Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 35 puntos.
8. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta liña de subvencións é de 80.000,00 euros.
9. No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.
Artigo 6. Proxectos de información, prevención, sensibilización e apoio: actuacións subvencionables e contía da axuda
1. Na liña 2 serán subvencionables os proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, e que comprenderán as seguintes accións:
a) Desenvolvemento de accións destinadas á sensibilización e concienciación social sobre a trata con fins de explotación sexual e a explotación sexual como formas de violencia contra as mulleres, e sobre a realidade das persoas que se atopan nesta situación, e que poderán incluír actuacións do seguinte tipo:
– Realización de actuacións de prevención, sensibilización e/ou información sobre a trata con fins de explotación sexual e a explotación sexual.
– Elaboración de materiais informativos, materiais didácticos, páxinas web, aplicacións para teléfonos móbiles, e outras ferramentas que teñan como obxectivo a información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual.
– Realización e difusión de estudos e investigacións que afonden no coñecemento da trata con fins de explotación sexual e da explotación sexual.
– Deseño e desenvolvemento de actividades formativas (cursos, conferencias, xornadas, seminarios), sobre trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, dirixidas a colectivos profesionais e/ou a público en xeral.
b) Apoio directo ás vítimas de trata con fins de explotación sexual e de explotación sexual, a través de axudas económicas directas para cubrir necesidades básicas e puntuais de aloxamento, alimentación e hixiénico-sanitarias, para os casos de urxente desamparo, ou para cubrir gastos ocasionados polos traslados como consecuencia dos procesos xudiciais derivados da súa situación de explotación sexual e/ou trata con fins de explotación sexual.
2. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta liña de axudas é de 18.000,00 euros.
3. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 16.2:
– Entre 95 e 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.
– Entre 85 e 94 puntos: 80 % do gasto subvencionable.
– Entre 75 e 84 puntos: 70 % do gasto subvencionable.
– Entre 65 e 74 puntos: 60 % do gasto subvencionable.
– Entre 55 e 64 puntos: 50 % do gasto subvencionable.
– Entre 45 e 54 puntos: 40 % do gasto subvencionable.
– Entre 35 e 44 puntos: 30 % do gasto subvencionable.
4. Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 35 puntos.
No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.
Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, poderá repartirse entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.
Artigo 7. Proxectos de atención social integral: gastos subvencionables
1. Na liña 1 serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o proxecto de atención integral, segundo o disposto no artigo 5, e referidos a gastos directos de persoal e a outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a continuación:
1.1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a ela, en particular os seguintes:
a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes ao desenvolvemento do proxecto obxecto desta subvención, e que realice atención ás persoas usuarias, segundo o previsto no artigo 5.1. A identificación da actuación que se subvenciona, deberá constar no contrato de traballo ou nunha previa asignación de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.
No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do proxecto dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo de asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.1. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación. Nos custos de persoal que formen parte da prestación de servizos externos, debe identificarse claramente na factura emitida pola entidade provedora dos ditos servizos a parte correspondente aos custos de persoal.
Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, no desenvolvemento do proxecto, realizadas por profesionais adscritos/as a el, tales como traballadoras/es sociais, psicólogas/os, asesoras/es xurídicas/os, educadoras/es, terapeutas, orientadoras/es ou calquera outro que leve a cabo actuacións das recollidas no proxecto obxecto da subvención.
b) Outros gastos directos:
– Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 5.1.
– Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.
1.2. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por ter carácter estrutural pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:
– Gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares).
– Gastos en bens consumibles e en material funxible.
– Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, conexión a internet, limpeza e seguridade).
2. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas desta liña 1 será do 1 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026.
3. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados, no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
4. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.
Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.
5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social e Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
Artigo 8. Proxectos de Información, prevención e sensibilización e apoio: gastos subvencionables
1. Na liña 2 consideraranse gastos subvencionables aqueles que de maneira inequívoca respondan á natureza da actividade subvencionada, resulten estritamente necesarios e se realicen dentro do prazo de execución establecido.
En concreto, poderán ser subvencionables as seguintes categorías de custos:
1.1. Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes ao desenvolvemento do proxecto obxecto desta subvención, segundo o previsto no artigo 6.1. As imputacións poderán ser totais ou parciais segundo a dedicación ao proxecto debidamente xustificada.
No caso de contratación mercantil ou externa serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura, así como a relación directa entre o traballo ou servizo prestado co desenvolvemento das actuacións subvencionadas.
Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.
Serán subvencionables as axudas de custo e gastos de viaxe do persoal propio da entidade que desenvolve as actuacións necesarias para a súa realización. O importe máximo de cada axuda de custo ou gasto de viaxe, para os efectos de xustificación, será o establecido para o grupo 2º na Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de la Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia.
• Aloxamento: 77,78 euros.
• Manutención: 44,09 euros.
• Dieta enteira: 121,87 euros.
Así mesmo, a quilometraxe establécese en 0,26 euros/km. Polo tanto, no caso de pagamento de axudas de custo están excluídos os gastos de combustible.
Os gastos de persoal, incluídas as axudas de custo e gastos de viaxe, non poderán superar o 30 % do importe da subvención concedida e do importe total xustificado.
1.2. Gastos directos das accións de sensibilización:
– Gastos de elaboración de materiais específicos de información, sensibilización e prevención.
– Gastos de relatores/as estritamente vinculados ao desenvolvemento das actividades contempladas no proxecto subvencionado.
– Gastos de publicidade e propaganda específicos do proxecto ou actividade.
– Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada.
– Outros gastos correntes directamente derivados da realización das accións de sensibilización que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.
1.3. Gastos de apoio directo ás vítimas de trata con fins de explotación sexual e de explotación sexual a través de axudas económicas directas para cubrir necesidades básicas e puntuais de aloxamento, alimentación e hixiénico-sanitarias, para os casos de urxente desamparo, ou para cubrir gastos ocasionados polos traslados como consecuencia dos procesos xudiciais derivados da súa situación de explotación sexual e/ou trata con fins de explotación sexual.
As axudas de apoio a través de axudas económicas directas terán unha contía máxima subvencionable de 1.500,00 € por persoa.
1.4. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:
– Gastos en bens consumibles e en material funxible.
– Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, conexión a internet, limpeza e seguridade).
– Outros gastos correntes que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o desenvolvemento do proxecto.
Estes gastos non poderán exceder o 10 % do importe da subvención concedida e do importe total xustificado.
2. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas desta liña 2 será do 1 de xaneiro de 2026 ao 31 de outubro de 2026.
3. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.
Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.
4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social e Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
Artigo 9. Subcontratación
1. Para os efectos desta orde, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.
2. No caso dos proxectos da liña 2, cando, de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
Artigo 10. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles (procedemento SI431A anexo I e procedemento SI431E anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 11. Documentación complementaria
1. Para a liña 1 de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, a solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I, debidamente cuberto e asinado pola persoa que ostenta a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
b) Anexo II. Liña 1: memoria do proxecto, que deberá conter, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo. De ser necesario, xuntarase unha memoria complementaria, que non supere os 6 folios.
c) Anexo III: ficha individualizada de cada profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no proxecto, asinada por esta e pola persoa responsable da entidade.
No caso de que a entidade resulte beneficiaria da subvención, e durante o desenvolvemento do proxecto se incorporen profesionais non previstos/as na solicitude, deberán remitir esta ficha individualizada do/da profesional no momento en que se produza a citada incorporación.
d) Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.2.a).
e) Acreditación da colaboración da entidade con calquera Administración pública no desenvolvemento de proxectos de atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.2.b), de acordo co modelo 1 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
f) Acreditación da integración da entidade nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.4), de acordo co modelo 1 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
g) Acreditación da coordinación e cooperación da entidade con servizos sociais comunitarios, entidades ou axentes sociais e/ou coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero, no desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.1.5), de acordo co modelo 1 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Para a liña 2, de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, a solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo IV, debidamente cuberto e asinado pola persoa que teña a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
b) Anexo V. Liña 2: memoria do proxecto, que deberá conter como mínimo as epígrafes sinaladas neste anexo. De ser necesario, xuntarase unha memoria complementaria, que non supere os 6 folios.
c) Acreditación da integración da entidade nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 16.2.5), de acordo co modelo 2 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro/a da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Instrución dos procedementos
1. A instrución dos procedementos correspóndelle á Subdirección Xeral con competencias en materia de violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.
3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración.
5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión ou desestimación, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, procedéndose ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.
6. No exercicio das súas funcións, o órgano instrutor poderá solicitar informe ao órgano administrativo con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais sobre a inscrición de entidades no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e sobre a autorización dos centros e/ou proxectos de servizos sociais. Así mesmo, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.
Artigo 15. Comisión de Valoración
1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.
2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
– Presidencia: a persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa titular do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo da antedita subdirección xeral.
– Vogalías: a persoa titular da xefatura do servizo con competencias en materia de prevención e atención ás vítimas, a persoa titular da Xefatura do Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación e a persoa que asuma as funcións de dirección do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.
– Secretaría: unha persoa funcionaria adscrita á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, por proposta da persoa titular da presidencia, que actuará con voz pero sen voto.
Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola persoa funcionaria designada para o efecto pola persoa titular da presidencia.
3. A Comisión de Valoración poderá propor ao órgano instrutor que lles requira ás entidades solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.
4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta orde, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.
5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quedase crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.
Artigo 16. Criterios de valoración
1. Para a liña 1 de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia, a comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:
1.1. Pola dispoñibilidade da entidade solicitante para ofrecer con recursos propios, acollemento residencial temporal ás persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante de centro/s de acollida de transición á vida autónoma, na Comunidade Autónoma de Galicia, destinados especificamente e de xeito exclusivo a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual, autorizados e en funcionamento: 15 puntos.
b) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante de centro/s de acollida, na Comunidade Autónoma de Galicia, destinados especificamente e de xeito exclusivo a vítimas de violencia de xénero, autorizados e en funcionamento: 3 puntos.
c) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante de centro/s de acollida de transición á vida autónoma, na Comunidade Autónoma de Galicia, que non estean destinados especificamente e de xeito exclusivo a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual, autorizados e en funcionamento: 2 puntos.
Para os efectos de proceder á valoración prevista anteriormente, realizaranse de oficio as comprobacións oportunas a través do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e a través da consulta ao órgano administrativo con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais.
1.2. Pola experiencia da entidade, nos últimos oito anos, na realización e desenvolvemento de proxectos específicos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Experiencia da entidade no ámbito da atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual: 2 puntos por ano, ata un máximo de 16 puntos.
b) Colaboración con calquera Administración pública no desenvolvemento de proxectos de atención a persoas en situación de explotación sexual e/ou a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual: 4 puntos.
1.3. Polo interese, necesidade, calidade, coherencia, contido, carácter integral e innovador do proxecto presentado: ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Obxectivos propostos pola entidade solicitante en relación coa mellora da situación persoal e laboral das persoas usuarias, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.1 e aos problemas e necesidades aos cales se pretende dar resposta: ata 7 puntos.
b) Xustificación da necesidade social detectada pola entidade solicitante en relación coa situación das persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e en que se identifiquen os problemas e necesidades aos cales se pretende dar resposta a través do proxecto: ata 7 puntos.
c) Calidade, coherencia, contido e carácter integral, mediante a descrición do proxecto a desenvolver: ata 7 puntos.
d) Carácter innovador das actuacións para desenvolver pola entidade solicitante, segundo as recollidas no artigo 5.1, incluída a atención a vítimas de trata de seres humanos menores de idade, con respecto ás outras propostas desta convocatoria: ata 4 puntos.
1.4. Pola integración da entidade solicitante nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual na Comunidade Autónoma de Galicia: 14 puntos.
1.5. Pola coordinación e cooperación acreditada da entidade con outros servizos no desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual: ata 21 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 7 puntos.
b) Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 7 puntos.
c) Coordinación coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero: 7 puntos.
2. Para a liña 2 de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, a comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:
2.1. Ámbito territorial de desenvolvemento do proxecto: ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Unha provincia: 10 puntos.
b) Máis dunha provincia: 15 puntos.
c) Toda a Comunidade Autónoma de Galicia: 20 puntos.
2.2. Ámbito xeográfico de actuación da entidade: ata 15 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Local: 6 puntos.
b) Comarcal: 9 puntos.
c) Provincial: 12 puntos.
d) Autonómico ou superior: 15 puntos.
2.3. Áreas estratéxicas de actuación da entidade: ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:
a) Ata tres áreas de actuación: 3.
b) Ata seis áreas de actuación: 7.
c) Sete ou máis áreas de actuación: 10.
2.4. Antigüidade: valorarase con 2 puntos as entidades que leven constituídas e inscritas no RUEPSS un mínimos de dous anos.
Para os efectos de proceder á valoración prevista nas liñas 2.2., 2.3. e 2.4. anteriores, realizaranse de oficio as comprobacións oportunas a través do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e a través da consulta ao órgano administrativo con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais.
2.5. Pola integración da entidade solicitante nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual na Comunidade Autónoma de Galicia: 7 puntos.
2.6. Pola calidade e contido do proxecto: ata 46 puntos.
a) Xustificación da necesidade do proxecto e relación co obxecto desta liña da convocatoria de subvención: ata 10 puntos.
b) Obxectivos e resultados que se pretenden obter, formulados de xeito claro e preciso e especificando a súa relación coas necesidades expostas na xustificación: ata 10 puntos.
c) Actuacións previstas, metodoloxía e medios materiais e persoais para o desenvolvemento do proxecto, a súa concordancia cos obxectivos e resultados que se pretenden acadar e a súa viabilidade: ata 12 puntos.
d) Orixinalidade, creatividade e innovación do proxecto: ata 7.
e) Seguimento e avaliación do proxecto, así como os indicadores que se empregarán para medir os resultados esperados: ata 7 puntos
3. A puntuación máxima total en cada liña será de 100 puntos, e será preciso acadar unha puntuación mínima de 35 puntos en cada unha das liñas para resultar beneficiaria de cada unha das subvencións.
4. No caso de empate na puntuación e/ou cando algunha solicitude quede na lista de agarda, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto 1.1. e 2.1., segundo corresponda, e se persiste o empate, o desempate establecerase pola data de presentación da solicitude.
5. Todas as condicións alegadas deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 17. Resolución e publicación
1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. No caso particular das axudas da liña 1, na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Así mesmo, informarase de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista pública de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.
5. Unha vez publicada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, comprometéndose a executar o proxecto ou actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.
Artigo 18. Estimación parcial da solicitude
No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos para os que non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente. De producirse a ampliación ou redistribución de créditos a que se refire o parágrafo 4 do artigo 2, poderanse atender as solicitudes que non puideron ser estimadas na súa integridade, por orde de presentación.
Artigo 19. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas nos artigos 16 e 17 e no número 3 do artigo 10 desta orde efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 20. Réxime de recursos
1. A presente orde pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o mesmo órgano que a ditou, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.
2. A resolución expresa ou presunta ditada ao abeiro da presente orde poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que a ditou. A dita resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 21. Modificación da resolución de concesión das axudas
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecten as bases da convocatoria, a actuación subvencionable e non dea lugar a unha execución deficiente e/ou incompleta.
3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular do órgano competente para ditar a resolución da concesión da axuda, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.
Artigo 22. Obrigas das entidades subvencionadas
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:
1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.
2. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Ademais, no caso particular das axudas da liña 1, as entidades beneficiarias deberán:
a) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
b) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos termos que se indican a continuación para cada unha das liñas de subvencións:
3.1. Proxectos da liña 1 de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431A):
a) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade co disposto nos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.
b) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen e entreguen ás usuarias ou participantes
3.2. Proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431E):
a) Facer constar a condición de financiada pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Igualdade en todo tipo de publicidade e información relativas á actuación e actividades subvencionadas.
b) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Igualdade. Os logotipos deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen e entreguen ás usuarias ou participantes.
4. No caso particular das axudas da liña 1, ao estar cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, as entidades beneficiarias tamén teñen a obriga de facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, e realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057, do 24 de xuño.
Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.
Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.
Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na devandita aplicación informática. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar os cuestionarios de indicadores de realización e de resultado de cada unha das persoas participantes, asinados por estas, e telos á disposición da Consellería de Política Social e Igualdade.
5. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.
6. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
7. Facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
8. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Consellería de Política Social e Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
9. No caso particular das axudas da liña 1, as entidades beneficiarias tamén deberán someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Política Social e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, de ser o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
10. Contratar un seguro de cobertura de accidentes para as participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante a súa participación nas actuacións subvencionadas.
11. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 23. Prazo e xustificación da subvención
1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación ou actuacións subvencionadas con data límite do 5 de outubro de 2026 no caso da liña 1 e con data límite do 9 de novembro no caso da liña 2. De acordo co sinalado no artigo 13, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación xustificativa que hai que achegar para cada unha das liñas subvencionadas será, segundo o caso, a que a seguir se relaciona:
1.1. Liña 1: proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431A). A xustificación desta liña comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026.
A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e, concretamente, conforme o disposto nos artigos 53.1.b), 55.2.a), 53.3.a) i), 53.1.d) e 56.1 do devandito regulamento.
A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:
a) Anexo VI: solicitude de pagamento.
b) Anexo VII. Liña 1: certificación do gasto subvencionable.
c) Memoria xustificativa das actuacións subvencionadas con descrición detallada das actividades desenvolvidas, asinada pola persoa representante da entidade, de acordo co modelo 3 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías, e outros documentos onde deberán figurar, se é o caso, os logos da Unión Europea e a imaxe corporativa da Xunta de Galicia, así como doutras evidencias dos gastos directos realizados, para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación recollidas no artigo 22.3.1. Tamén deberá recollerse a xustificación que permita comprobar o cumprimento da obriga dos terceiros de informar na súa web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira da Unión Europea e da Consellería de Política Social e Igualdade e os obxectivos e resultados da operación financiada.
d) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, con indicación das tarefas realizadas, asinadas pola/o profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao proxecto obxecto da subvención, de acordo co modelo 4 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
No caso de que se tivesen producido novas incorporacións de profesionais deberán remitir a ficha individualizada do/da profesional (anexo III).
e) Sistema de control horario diario de cada profesional adscrito, regulado polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, onde quede constancia das horas efectivas no posto de traballo, dos días de vacacións, de asuntos persoais ou calquera outra circunstancia pola que o traballador/a non está no seu posto.
f) Copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao proxecto. Para o caso de persoal externo, copia do contrato mercantil ou, se é o caso, factura en que se identifique claramente a parte correspondente aos custos de persoal.
g) Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidade no/nos que estea incluído o persoal adscrito ao proxecto correspondente ao período subvencionable.
h) Certificación do número total de persoas atendidas, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, de acordo co modelo 5 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
i) Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes, onde conste a intervención ou intervencións realizadas coa data de atención e duración de cada intervención, de acordo co modelo 6 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola persoa participante, polas/os profesionais que prestan atención, e pola persoa responsable do proxecto, e numerada co mesmo ordinal con que figuren na relación indicada na liña h).
Para os efectos desta liña de subvención, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de realización e resultado inmediato na aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos, e das cales non teñan debidamente cubertas as follas individualizadas de seguimento.
Respecto dos cuestionarios de indicadores de realización, de resultado inmediato e de resultado ao longo prazo, empregaranse os modelos dispoñibles na aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.
j) Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, no caso de persoal propio da entidade, é preciso que presenten un informe ou declaración responsable sobre se as persoas traballadoras da entidade que prestaron servizo no proxecto teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. En caso afirmativo, deberán indicar cal/es son esas persoas traballadoras e achegar o documento que reflicta as ditas bonificacións.
No caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo unitario por hora a parte proporcional correspondente ás bonificacións ou reducións que puidesen estar asociadas ao pagamento das cotizacións sociais.
1.2. Liña 2: proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431E). A xustificación desta liña comprenderá as actuacións realizadas e pagadas desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de outubro de 2026.
A xustificación realizarase a custo real, mediante a presentación da seguinte documentación:
a) Anexo VI: solicitude de pagamento.
b) Anexo VIII. Liña 2: certificación do gasto subvencionable.
c) Memoria xustificativa das actuacións subvencionadas, con descrición detallada das actividades desenvolvidas, de acordo co modelo 10 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías, capturas de pantalla e outros documentos onde deberán figurar, se é o caso, os logos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 22.3.2.
d) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.
A xustificación do pagamento farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc., no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo en conta do dito cheque) nos que conste o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas das que é obxecto.
De xeito particular, terase en conta o seguinte:
d.1. Para xustificar os custos de persoal achegarase copia dos seguintes documentos:
– Nóminas e documentación xustificativa do seu pagamento, e relación nominal das persoas traballadoras (RNT) e o seu pagamento (xustificantes bancarios das nóminas e recibos de liquidación á Seguridade Social (RLC) correspondentes aos meses imputados).
– Facturas, ou documentos de valor probatorio equivalente, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento, no caso de contratación mercantil.
– Impresos de liquidación nominal do IRPF (modelos 111 e 190) e xustificantes bancarios do seu pagamento.
– Certificación, asinada polo/a representante legal da entidade, coa descrición das tarefas concretas que foron desempeñadas, o tempo que se destinou a elas e o grao de imputación, de acordo co modelo 7 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
d.2. Para a xustificación das axudas de custo e gastos de viaxe, deberán achegar unha folla de liquidación de axuda de custo asinada pola persoa traballadora e pola persoa representante da entidade, de acordo co modelo 8 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia, acompañada dos correspondentes xustificantes do seu pagamento.
d.3. Para a xustificación das axudas económicas directas, tendo en conta a especial vulnerabilidade e situación das persoas destinatarias finais, achegarase a seguinte documentación:
– Recibo, asinado pola persoa beneficiaria, en que consten os seus datos, o importe e a finalidade da axuda (alugueiro, alimentación, produtos farmacéuticos ou de hixiene, roupa, entre outros) e o modo en que recibiu a axuda, de acordo co modelo 9 que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
– Xustificante bancario do pagamento, agás imposibilidade de aboamento da axuda mediante transferencia bancaria ou cheque. Neste último caso, indicarase no recibo o motivo da imposibilidade do pagamento mediante transferencia bancaria ou cheque nominativo.
A xustificación do pagamento das axudas económicas directas mediante recibo terá carácter excepcional e só será admisible para gastos por importes inferiores a 1.000,00 euros.
d.4. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que impliquen ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, e a entidade quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do período de referencia para a imputación dos gastos.
2. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.
Artigo 24. Anticipo e pagamento da subvención
1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das condutas e/ou actuacións subvencionadas.
2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez publicada a resolución de concesión. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.
Unha vez presentada a xustificación procederase ao libramento final da axuda concedida, pola contía que corresponda, deducido, de ser o caso, o importe aboado en concepto de anticipo.
3. Procederá a minoración proporcional do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 25 e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación.
Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a dita devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
2. Procederá o reintegro do 10 % do importe da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.
3. Procederá o reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a concesión doutras axudas para a mesma finalidade.
4. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 22, números 2, 3 e 4.
5. No caso particular das axudas da liña 1, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado subvencionadas, e/ou cando o número de persoas atendidas e/ou o número de persoas atendidas cun mínimo de seis intervencións presenciais sexa inferior ao número exixido pola convocatoria.
6. Nos proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431E), a subvención será minorada proporcionalmente no caso de que o importe dos gastos finalmente xustificados sexa inferior á subvención concedida.
7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 26. Control
1. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.
2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
3. Sen prexuízo do indicado no número anterior, a Consellería de Política Social e Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Consellería de Política Social e Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.
Artigo 27. Información ás entidades interesadas
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 981 95 76 13 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal
Artigo 28. Remisión normativa
Para todo o non previsto nesta convocatoria, para a liña 1: proxectos de atención social integral, observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados, no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+), e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027, e para a liña 2: proxectos de información, prevención, sensibilización e apoio, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 29. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
Artigo 30. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 31. Loita contra a fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
En tanto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar os actos e instrucións que sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
