
O 11 de abril de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D), en diante resolución de convocatoria.
O artigo 23.1 da resolución de convocatoria refírese ao prazo para presentar a documentación xustificativa, indicando o seguinte:
1. O prazo máximo para a presentación da documentación xustificativa da subvención concedida será o 31 de marzo de 2026, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.
Debe terse en conta que o obxecto das actuacións subvencionadas requiren dun tempo de execución suficiente, en que incide de xeito significativo a climatoloxía adversa acaecida en Galicia.
Por outra banda, o financiamento europeo tiña previstos uns prazos de xustificación que están a ser modificados, o que posibilita tamén a Augas de Galicia ampliar o prazo de xustificación previsto inicialmente na convocatoria.
O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou a instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.
As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.
A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D)
Modifícase o número 1 do artigo 23 da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D), que queda redactado como segue:
«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 30 de abril de 2026, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A presidenta de Augas de Galicia
P.D. (Disposición adicional primeira da Resolución do 28.3.2025;
DOG núm. 71, do 11 de abril)
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia
