DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Martes, 10 de febreiro de 2026 Páx. 12115

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2026 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 2 de febreiro de 2026, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto construtivo: Senda na PO-352. A Guarda-Camposancos, de clave PO/24/045.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, dun millón douscentos noventa mil seiscentos corenta e tres euros con cincuenta e sete céntimos (1.290.643,57 euros). Actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Antecedentes:

Con data do 17 de outubro de 2025, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 201 o Anuncio do 6 de outubro de 2025 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: senda na PO-352. A Guarda-Camposancos, de clave PO/24/045.06; así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto. Actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 2 de febreiro de 2026, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto construtivo: Senda na PO-352. A Guarda-Camposancos, de clave PO/24/045.06, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 2 de febreiro de 2026, polo que
se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto construtivo: Senda na PO-352.
A Guarda-Camposancos, de clave PO/24/045.06, cun orzamento base
de licitación, IVE incluído, dun millón douscentos noventa mil seiscentos
corenta e tres euros con cincuenta e sete céntimos (1.290.643,57€).
Actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través
do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco
do programa Galicia Feder 2021-2027

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto construtivo Senda na PO-352. A Guarda-Camposancos, de clave PO/24/045.06, sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto construtivo Senda na PO-352. A Guarda-Camposancos, de clave PO/24/045.06, para os efectos dos artigos 22 e 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Guarda, no que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación o revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de construción implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.