DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Martes, 10 de febreiro de 2026 Páx. 12085

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Sada (expediente IN407A 2024/267-1).

Expediente: IN407A 2024/267-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: LMT, CT e RBT Mosteirón II.

Concello: Sada.

Feitos:

1. O día 30.8.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración e resolver as reclamacións de caídas de tensión existentes no lugar de Mosteirón (Sada).

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado LMT, CT y RBT Mosteirón II, asinado o día 13.5.2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto someteuse ao trámite de avaliación ambiental simplificada e consta no expediente unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de data 26.5.2025, pola que se formula o informe de impacto ambiental do proxecto.

O informe sinala o seguinte: de acordo cos antecedentes e como resultado da avaliación de impacto ambiental simplificada realizada, formular o informe de impacto ambiental do proxecto LMT, CT e RBT Mosteirón II, no termo municipal de Sada (A Coruña), concluíndo que, sempre que se cumpra, ademais do recollido no documento ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo desta resolución, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

• DOG: 10.7.2025.

• BOP: 23.6.2025.

• Xornal La Voz de Galicia: 24.6.2025.

• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 8.9.2025.

4. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

5. Con data 18.9.2025, a empresa promotora presenta unha nova relación de bens e dereitos afectados (RBDA), xa que identifica os propietarios do predio afectado polo proxecto (ref. catastral 15076A012002740000EX), que no acordo de información pública figuraban como descoñecidos. A nova RBDA figura como anexo da presente resolución.

6. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Sada, Augas de Galicia, AESA e Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No día desta resolución, non constan no expediente respostas ás solicitudes de informes.

7. O día 16.1.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Mosteirón, no concello de Sada, e as súas características técnicas son as seguintes:

Novo centro de transformación, CT intemperie 100 kVA/15 kV, de tensión nominal 15 kV, de tipo 100/17,5/15 B2.

Instalación de 2 novos apoios tipo C-16/1000 (en substitución do apoio AKLAHU09// 15C485-7 existente, pertencente a LMTA SAD713) e C-12/2000 para instalación de CTI proxectado, instalación de novo XS no apoio de entroncamento e tendido de novo van con destensado de 12 m de lonxitude en condutor LA-56 ata CTI proxectado.

4. Do visto na visita realizada o 16.1.2026 non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000 para impor servidumes de paso.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se deroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

C) A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pola que se formula o informe de impacto ambiental do proxecto sinala no seu apartado 4.2.2. «A este efecto, o promotor adoptará o programa de vixilancia e seguimento ambiental deseñado que garantirá, ademais do cumprimento dos condicionantes e medidas preventivas e/ou correctoras establecidas no IIA e no documento ambiental, o cumprimento dos que, se é o caso, establezan os órganos competentes na tramitación sectorial de licenzas, permisos e/ou autorizacións e aqueles outros que, derivados do seguimento, sexa necesario incorporar. Deberá aprobalo previamente o órgano substantivo».

De acordo co sinalado, e co obxecto da realización do seguimento ambiental, deberá de comunicar a data de inicio das actuacións autorizadas nesta resolución.

Deberá achegar a este departamento territorial no prazo máximo dun mes antes do inicio das obras o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.2.2. da resolución de impacto ambiental.

D) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

E) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 20 de xaneiro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados

Expediente IN407A 2024/267-1.

Concello de Sada.

Nº predio

Lugar/ref. catastral

Cultivo

Propietario

Afección de solo en pleno dominio

Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica

Apoio nº/centro de transformación

m2

ml aér.

ml sot.

m2 aér.

m2 sot.

1

Piñeiro 15076A012002740000EX

Rústico agrario

José Melchor García Muñiz

María García Muñiz

Manuel García Muñiz

José Antonio García Muñiz

Luis García Muñiz

Jesús García Muñiz

Ana Raquel García Muñiz

PR-1 y PR-2(CTI)

4.0

12

181,55

Abreviacións:

ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.

ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.

m2 aér.: superficie de servidume aérea en m2.

m2 sot.: superficie de servidume soterrada.