A Constitución española sinala, no seu artigo 48, que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.
Polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.
A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, sinala no seu artigo 10 que a Xunta de Galicia facilitará os procesos de autonomía persoal da xuventude desenvolvendo políticas transversais que favorezan o acceso da xente nova a unha vivenda digna. No seu preámbulo e no seu artigo 2.2 establécese que terán a consideración de persoas novas as que teñen idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, ambos incluídos, ben que permite que desde a Dirección Xeral de Xuventude se poidan adoptar programas ou actuacións dirixidos a mozos e mozas dun rango diferente de idade, polas súas especiais características. Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, sinala no seu artigo 11 que as administracións públicas de Galicia considerarán prioritarias para o impulso demográfico as políticas que faciliten a emancipación da xuventude con programas específicos que promovan o seu acceso a empregos estables e de calidade e para o acceso á vivenda.
Nun contexto de escaseza de oferta de vivenda e, por conseguinte, de prezos altos tanto para a adquisición de vivenda como para o alugamento, consciente das dificultades que atopan os mozos e mozas á hora de independizarse nunha vivenda de seu, é unha prioridade da Xunta de Galicia, en xeral, e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en particular, establecer os mecanismos axeitados para favorecer a emancipación da mocidade non só con axudas para a adquisición ou o alugamento de vivenda, senón tamén con incentivos para afrontar outros gastos derivados desa emancipación, con apoio no principio de transversalidade que debe informar todas as políticas de xuventude.
Co obxecto de complementar as medidas de promoción de acceso a unha vivenda que puxo en marcha a Xunta de Galicia nos últimos anos, e sobre a base da necesidade de establecer apoios que incentiven a busca dun proxecto de autonomía persoal na mocidade, que cada vez se realizan con máis atraso debido a diferentes motivos de tipo socioeconómico, nace a iniciativa do Bono Emancípate co propósito de impulsar a xente nova traballadora menor de 36 anos de idade a dar o paso cara á emancipación, e apoiala nesta decisión de tanta relevancia para o seu proxecto de vida.
O obxecto desta orde é establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica para as persoas mozas traballadoras que adquiran ou aluguen unha vivenda, a través do Bono Emancípate, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugamento, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño ou téxtil de fogar. Este bono, incorporado como crédito nunha tarxeta virtual, poderá ser utilizado en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados, e grandes superficies.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no Proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Por iso, a eficacia desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2026, no momento da resolución de concesión.
No Anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
A orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; e, unha vez aprobado o Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, queda sometida ao establecido no artigo 25 do dito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e ao disposto na Orde da daquela Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
O establecemento dun rango de idade de 18 a 35 anos, diferente ao establecido no artigo 2.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, e con base no que dispón o seu artigo 2.3, xustifícase no atraso con que a xuventude dá o paso cara á emancipación, segundo o dito anteriormente, o que aconsella ampliar a poboación obxectivo ata os 35 anos de idade.
De acordo co establecido no parágrafo 2 do artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, atendendo ao colectivo de persoas físicas a que vai destinada a convocatoria, que ten ou pode ter con facilidade a capacidade dixital requirida, co fin de axilizar a xestión das solicitudes e acadar unha maior eficiencia na tramitación, considérase procedente establecer a obriga de relacionarse coa Administración convocante a través de medios electrónicos.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica a través do Bono Emancípate, destinada ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugamento, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño e téxtil de fogar.
2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT501B).
3. A axuda farase efectiva a través dunha tarxeta virtual, a cal só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os gastos incluídos no artigo 7 desta orde. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos da aplicación desta orde, os termos incluídos neste punto interpretaranse co significado e alcance seguintes:
a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda: o conxunto de persoas que habitan e gozan coa persoa beneficiaria dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas.
b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, ou norma que a substitúa.
c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.
Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2025.
Artigo 3. Convocatoria e concesión
1. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca estas axudas para o ano 2026.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederáselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5.
Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data e a hora de presentación.
2. As solicitudes tramitaranse en función da súa orde cronolóxica de entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.
3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
4. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicarao no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://xuventude.xunta.gal/. Entenderanse inadmitidas as solicitudes que se formulasen con posterioridade a aquela que deu lugar ao esgotamento do crédito orzamentario.
Artigo 4. Orzamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 2.920.000 € que se imputará á aplicación orzamentaria 13.05.313A.780.0, de acordo co Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
2. Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, como expediente anticipado de gasto, ao existir crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2026.
A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
Artigo 5. Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
1.1. Ter menos de 36 anos de idade no momento de solicitar a axuda.
1.2. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias, deberán encontrarse en situación de estadía ou residencia regular en España.
1.3. Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude.
Para estes efectos, entenderase que ten unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses contados desde o día da súa solicitude.
No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.
1.4.
• Para o caso de persoas solicitantes con unidade de convivencia, que a suma dos ingresos anuais das persoas que a compoñen sexan iguais ou inferiores a catro veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Este límite será de cinco veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia haxa persoas cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de seis veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
Só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante no caso de que concorran os seguintes dous requisitos:
a) Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos de idade.
b) Que todas elas subscriban o contrato de alugamento ou a escritura pública de compravenda da vivenda.
Para este caso, o límite da suma de ingresos anuais será o que se indica no punto seguinte.
• Para o caso de persoas solicitantes sen unidade de convivencia, que a suma dos seus ingresos anuais sexa igual ou inferior a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM cando a persoa solicitante conte cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de cinco veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
1.5. Ser titular na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda formalizado, con posterioridade ao 30 de abril de 2025, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, que teña unha duración mínima dun ano, ou ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 30 de abril de 2025, que estea construída e que conte con licenza de primeira ocupación no momento da presentación da solicitude, xa sexa nova ou usada, ou ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
Non se admitirán solicitudes en que unha parte da vivenda se adquira por herdanza ou por outro medio distinto á compravenda.
Entenderase como data de formalización do contrato de alugamento de vivenda a data da sinatura do contrato inicial, con independencia das súas posibles prórrogas e da data de produción de efectos establecida no contrato de arrendamento.
1.6. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda arrendada ou adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude.
1.7. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que compoñen a unidade de convivencia se encontre nalgunha das situacións que a continuación se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España distinta daquela que é obxecto da solicitude. Para estes efectos, non se considerará que é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuarase deste requisito aquel, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou dalgunha outra persoa da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou vendedora da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.
2. As persoas beneficiarias e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias desta axuda aquelas persoas que xa resultasen beneficiarias dela conforme a Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B); DOG núm. 18, do 28 de xaneiro (corrección de erros no DOG núm. 22, do 3 de febreiro).
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Só se poderá obter unha axuda por cada vivenda alugada ou adquirida, e cada beneficiario só poderá selo por relación a unha vivenda alugada ou adquirida, sen que se poida obter a axuda por ambas as modalidades mesmo en vivendas diferentes. Porén, no caso de que formulen cadansúa solicitude máis dunha persoa integrante da unidade de convivencia e para a mesma vivenda, deberán comunicalo na solicitude no campo habilitado na epígrafe «Datos específicos» do anexo I e distribuirase entre elas a contía da axuda prevista no artigo 7 a partes iguais, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na convocatoria e consten todas como titulares do correspondente contrato de alugamento ou de compravenda como persoas arrendatarias ou adquirentes, respectivamente. Para estes casos, o crédito dispoñible en cadansúa tarxeta virtual será o correspondente á contía asignada a cada unha delas, sen que a suma das partes poida superar en ningún caso o importe total da axuda que corresponda segundo o caso.
Artigo 6. Cómputo de ingresos
Para a determinación dos ingresos partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha das persoas integrantes da unidade de convivencia, relativas ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.
Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas serán os correspondentes ao exercicio económico de 2024.
Artigo 7. Actividade subvencionable e contía da axuda
Mediante esta orde subvenciónase a través do Bono Emancípate, nos establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Só se poderán adquirir os seguintes bens:
• Electrodomésticos: forno convencional, placa de indución, lavalouzas, forno microondas, lavadora, secadora, frigorífico, conxelador, deshumidificador.
• Pequenos electrodomésticos: batedor de man e de vaso, frixideira de aire, cafeteira, ferro de pasar, aspiradora, radiador, torradora, espremedor.
• Mobles de salón/comedor: sofá, mesa de comedor, cadeira/s, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar, moble de TV, estante.
• Mobles de cuarto: cabeceiro, estrutura de cama, somier, colchón, amofada, aparador, armario, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar.
• Mobles de cociña: mesa, cadeira/s, estante, lámpada de teito.
• Mobles de baño: estante, moble de lavabo, cadeira, biombo ou cortina de ducha.
• Artigos de decoración: cadros, portaretratos, testos, alfombras, espellos, floreiros.
• Enxoval de cociña: potas, cazos, tixolas e similares, vaixela, cubertos e outros utensilios.
• Enxoval de baño: xaboeira, portacepillos e similares, espello.
• Téxtil de fogar: sabas, edredóns, toallas, mantas.
No caso dos electrodomésticos e pequenos electrodomésticos, só se poderá adquirir unha unidade de cada tipo, agás o radiador, do cal se poderán adquirir un máximo de tres (3) unidades.
No caso de enxoval de cociña e baño, poden adquirirse cada tipo de produto individualmente ou como un xogo.
Os produtos e servizos subvencionados serán aqueles que se adquiran desde a data da activación da tarxeta polas persoas beneficiarias ata o 31 de decembro de 2026.
A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que, reunindo os requisitos establecidos nestas bases, soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as, e de 3.000 € para as que adquirisen unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 30 de abril de 2025 e, en todo caso, antes da data de remate do prazo de solicitudes.
Artigo 8. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No formulario de solicitude, a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
b) Declaración responsable de que está ao dia no pagamento da renda de alugamento da vivenda alugada ou do prezo de adquisición da vivenda adquirida.
c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en España distinta da que é obxecto da solicitude, agás nos supostos exceptuados no número 1.7 do artigo 5 desta orde.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que integra a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora ou vendedora.
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que integra a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.
f) Para o caso de solicitantes que formalizasen unha escritura pública de compravenda, compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda.
g) Para o caso de solicitantes que subscribisen un contrato de alugamento ou unha escritura pública de compravenda, declaración responsable de que ningunha das persoas que convive na vivenda ten entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade, no caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoa/s e todas elas subscriban o contrato de arrendamento ou a escritura pública de compravenda.
h) Declaración responsable de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
3. Na solicitude deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.
4. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do día 13 de febreiro de 2026 e estará aberto ata o día 30 de abril de 2026, ás 20.00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 3.4.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso, salvo que figure a inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado con posterioridade ao 30 de abril de 2025 nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, que teña unha duración, como mínimo, dun ano, ou escritura pública de compravenda formalizada con posterioridade ao 30 de abril de 2025. Será requisito esencial que na solicitude figure a referencia catastral da vivenda, que se deberá consignar no campo habilitado na epígrafe «Datos específicos» do anexo I.
c) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:
– Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso.
– Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.
– Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.
– Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos destas bases reguladoras.
d) No caso de que a persoa solicitante ou as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento ou escritura pública de compravenda sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España distinta daquela que é obxecto da solicitude e non poidan dispoñer dela:
– Convenio regulador de separación ou divorcio, ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
– Documentación que acredite que a persoa solicitante e/ou algunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia na vivenda arrendada non pode habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgunha outra persoa que teña o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida, de ser o caso.
e) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento ou escritura pública de compravenda sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España distinta daquela que é obxecto da solicitude, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa sen testamento.
f) Anexo II, de declaración responsable das persoas que integran a unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida e comprobación de datos para a tramitación do procedemento, no caso de que na vivenda residan outras persoas distintas da persoa solicitante.
g) Anexo III, de declaración responsable de ingresos das persoas que integran a unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida, no caso de non ter presentado a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estea de alta no exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS) relativo ao exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario.
h) Para o caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, de se tratar dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
4. Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán, presentarán tamén a tradución dos ditos documentos para calquera destes dous idiomas, de acordo coa normativa que sexa de aplicación.
Artigo 10. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda adquirida ou arrendada.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade representante, de ser o caso.
c) Consulta de vida laboral dos últimos doce meses da persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Comunidade Autónoma, correspondente á persoa solicitante e ás que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
g) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en España.
i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
j) Consulta de concesións ampliado da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
k) Consultas de axudas do Estado.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
b) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
c) Acreditación da convivencia actual das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.
d) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos nun período pola persoa solicitante, así como polas persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
e) Permiso de residencia legal de persoas estranxeiras.
f) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou do membro da unidade de convivencia, segundo o caso, expedido pola Xunta de Galicia.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 12. Procedemento de concesión e resolución das axudas
1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude, quen elevará as súas propostas de resolución ao órgano competente para resolver logo de comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos, en aplicación do procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida nos artigos 8 e 9, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo de cinco meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude.
4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto for expreso, e, se non o for, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.
Artigo 13. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.
Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.
En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Compatibilidade
A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo dispón o artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 16. Instrumentación da axuda
1. A axuda farase efectiva a través da tarxeta moedeiro virtual Bono Emancípate, que se expedirá a nome da persoa solicitante. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remitirá por medios electrónicos as tarxetas Bono emancípate coa carga que lles corresponda en función do previsto no artigo 7 e con instrucións para a súa activación. Así mesmo, informará as persoas beneficiarias das condicións de uso.
2. As tarxetas están sometidas a caducidade e non poderán ser usadas máis alá do 31 de decembro de 2026, data límite de vixencia desta orde.
3. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conveniará cunha entidade financeira seleccionada ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Bono Emancípate (código de procedemento CT501A) (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro de 2026) para que colabore na xestión da axuda. Esta entidade terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e estará suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12. Polas características da colaboración, a entidade que resulte seleccionada estará exenta de constituír as garantías a que se refire o artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 17. Modificación da resolución de concesión
De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias
A condición de persoa beneficiaria obriga esta nos seguintes termos:
a) Con carácter previo á concesión e ao pagamento da axuda, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realizará unha comprobación da correcta execución da axuda, para o cal poderá obter da entidade colaboradora extractos de movementos das tarxetas nos cales se relacionen os bens ou servizos adquiridos, e/ou requirirlles ás persoas beneficiarias que xustifiquen que o destino da subvención concedida foi o previsto nestas bases.
d) Conservar os documentos orixinais ou copias ou ben en soportes de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica, xustificativos da actuación realizada e da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude as modificacións que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.
f) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude a solicitude e, de ser o caso, a obtención doutras axudas para este mesmo concepto.
g) Subministrarlle á Administración concedente a información necesaria, ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
h) Cumprir cos requisitos e obrigas recollidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.
i) Para os casos de persoas mozas que soliciten a axuda por teren adquirido unha vivenda en propiedade, destinar a vivenda adquirida á súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde o día da formalización da escritura pública de adquisición.
Artigo 19. Xustificación da subvención
Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nas persoas beneficiarias das situacións previstas no seu artigo 5, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.
Artigo 20. Revogación da prestación
Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 21. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CT501B, poderase obter información na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, no portal da Dirección Xeral Xuventude http://xuventude.xunta.es, no teléfono 012 e no enderezo de correo electrónico bonoemancipate.xuventude@xunta.gal
Artigo 22. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 23. Publicidade
1. Transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non obstante, as axudas económicas concedidas ao abeiro desta convocatoria non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición adicional primeira. Ampliación do crédito
Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.
Disposición adicional segunda. Infraccións e sancións
As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición adicional terceira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude para ditar os actos administrativos necesarios para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude
