A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autorizou a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (en diante, a Axencia) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.
Nos termos recollidos no artigo 2 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde a Axencia preténdese revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais, con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o correspondente exercicio. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se deberán desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Neste contexto, o primeiro reto da RIS3 consiste en desenvolver un modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación. En relación con este reto, unha prioridade é desenvolver e aplicar diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sostibilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia, e outra prioridade é orientar os esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas.
Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 2 busca equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado.
En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 respondendo ao reto 1 (modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación) a través da prioridade 1 (sostibilidade) e 2 (dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado (obxectivo estratéxico 2), integrándose, polo tanto, no programa Innova e emprende da RIS3 de Galicia e no programa Innovación e emprendemento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas dirixidas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B) e efectuar á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2026.
2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas á valorización, segunda transformación
e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora
da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal
galega e do contract
Artigo 2. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal (exceptuando os produtos alimentarios) como materia prima para a elaboración dos seus produtos.
2. Para a liña 3 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Así mesmo e exclusivamente no caso de investimentos vinculados á dixitalización da industria forestal e á rastrexabilidade dos produtos forestais, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que desenvolvan a súa actividade en Galicia e se dediquen á compravenda de madeira en rolo, á realización de aproveitamentos forestais, á xestión forestal, as que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada, así como as empresas de servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica directamente relacionados con estas actividades.
3. Para a liña 4 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que se dediquen á compravenda de madeira en rolo e á realización de aproveitamentos forestais.
4. Para a liña 6 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.
5. Para efectos da consideración de pequena e mediana empresa (incluídas as persoas autónomas), tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
6. Para acadar a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben, deberán estar dadas de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.
7. Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:
a) Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere procedentes para a súa verificación e requiriralle á solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán achegar na súa solicitude a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 3. Proxectos subvencionables
1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza, así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade, a diversificación ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou solucións, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Serán igualmente subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que teñan como obxectivo a dixitalización e a mellora da seguridade e saúde no contorno laboral das empresas da industria forestal e do contract ou o desenvolvemento de solucións ecoinnovativas baseadas na madeira e os seus derivados.
2. As persoas solicitantes poderán presentar como máximo unha solicitude para a execución dun único proxecto ao abeiro desta resolución. No caso de presentar dúas ou máis solicitudes, será tomada en consideración unicamente a última presentada en prazo. Os proxectos poderán incluír actuacións independentes e encadrarse nunha ou varias das liñas estratéxicas establecidas no artigo 4.
3. As persoas solicitantes deberán acreditar a viabilidade económica do proxecto mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE da solicitante do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda–).
Artigo 4. Liñas estratéxicas, investimentos e conceptos de gasto subvencionables
1. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables as seguintes actuacións agrupadas por liñas estratéxicas:
Liña 1. Competitividade e valorización.
Investimentos dirixidos á mellora da competitividade das industrias forestais e á valoración dos seus produtos.
Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:
a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
Liña 2. Carpintaría, mobiliario, contract e construción.
Investimentos vinculados á fabricación de produtos de carpintaría e mobiliario de madeira e de produtos e sistemas de madeira para a construción.
Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:
a) Compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e fabricación de produtos de carpintaría e mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos e sistemas de madeira para a construción, exclusivamente destinada ao seu uso en procesos de transformación da madeira e os seus derivados.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
Liña 3. Dixitalización.
Investimentos para a dixitalización da industria forestal vinculados aos procesos que utilicen madeira ou os seus derivados, resina, cortiza e outros produtos de orixe forestal non alimentarios e que comprendan, polo menos, algunha das seguintes actuacións:
a) Implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción coa Administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), especificamente deseñados, desenvolvidos ou adaptados a un proceso concreto vinculado á utilización ou transformación da madeira e os seus derivados.
b) Posta en marcha de sistemas para a xestión do ciclo de vida de produtos feitos en madeira. Solucións tales como PDM, PLM ou DMF que recollan a información do produto desde a concepción deste ata a súa eliminación ou posta á venda, incluíndo o deseño e fabricación.
c) Implantación de sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos, por exemplo sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo.
d) Dixitalización de procesos que poidan levar asociada a impresión 3D ou fabricación aditiva de produtos feitos con madeira no proceso produtivo da empresa.
e) Despregamento de sistemas de planificación, control dos recursos empresariais e/ou loxística, tanto interna como externa.
f) Automatización e/ou sensorización de produtos ou servizos para o seu control e rastrexabilidade.
g) Implementar sistemas de interconexión de elementos físicos e virtuais, procesamento de datos capturados (big data) e ciberseguridade.
h) Desenvolver e pór en marcha sistemas de analítica avanzada, intelixencia artificial, aprendizaxe automática e/ou toma de decisións autónoma (intelixencia empresarial) en relación coa industria das empresas beneficiarias.
i) Desenvolver ou adoptar unha interface dixital para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.
j) Implantar e/ou desenvolver sistemas de integración da cadea de valor, tanto a nivel organizativo en sentido horizontal como a nivel de colaboración en sentido vertical.
Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:
a) Custos de colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto (diagnóstico, planificación ou definición e desenvolvemento dos servizos previstos). As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normal da empresa, como son servizos rutineiros de asesoría fiscal, servizos xurídicos ou de publicidade.
b) Custos asociados ás actuacións de formación necesarias para a posta en marcha das ferramentas adquiridas. Será subvencionable como máximo ata o 10 % do orzamento total do proxecto.
c) Custos de adquisición de dispositivos tales como sensores, automatismos e equipos de comunicación necesarios para o obxecto do proxecto. Soamente serán subvencionables os computadores persoais e servidores, impresoras, terminais, displays, tabletas, consolas e similares, que sexan de uso indispensable como interface para captura de datos ou configuración de dispositivos. Será subvencionable como máximo ata o 50 % do orzamento total do proxecto.
d) Gastos derivados do desenvolvemento, implantación e posta en funcionamento do software relacionado co proxecto. Considéranse nesta epígrafe:
• Custos de subscrición a software: admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante o período de execución do proxecto. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable pro rata.
Exclúese o software de propósito xeral como, por exemplo, sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes, salvo nos casos en que este tipo de software forme parte inseparable doutros activos que sexan obxecto de subvención dentro do proxecto.
• Licenzas de software: admitirase como gasto subvencionable unicamente o realizado durante o período de execución de proxecto. No caso de gastos en concepto de mantemento, actualización ou outros que superen o prazo de execución da axuda, descontaranse do gasto subvencionable.
Exclúese o software de propósito xeral como, por exemplo, sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes, salvo nos casos en que este tipo de software forme parte inseparable doutros activos que sexan obxecto de subvención dentro do proxecto.
• Desenvolvemento de software específico mediante colaboracións externas de carácter tecnolóxico para a adaptación ou parametrización de solucións directamente relacionadas coa execución do proxecto.
Liña 4. Certificacións, ensaios e informes.
Investimentos necesarios para a obtención de certificados ambientais, de calidade ou de sustentabilidade ambiental, social e económica, así como marcas de conformidade de produto ou ensaios de caracterización destes.
Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:
a) Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.
b) Procesos de certificación da integración da variable ambiental no deseño conforme a norma ISO 14006, Xestión ambiental-Directrices para a incorporación do ecodeseño, ou a norma UNE-EN ISO 14020, Etiquetas ecolóxicas e declaracións ambientais.
c) Informes, servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación do marcación CE de produtos de orixe forestal e condicionados á súa obtención dentro do prazo de xustificación da axuda.
d) Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.
Liña 5. Seguridade e saúde no contorno laboral.
Investimentos dirixidos á mellora da seguridade e saúde da industria forestal, así como á mellora e adecuación das condicións de seguridade contra incendios dos activos.
Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:
a) Servizos para a implantación e certificación do estándar ISO 45001 (xestión da seguridade e saúde no traballo-SST).
b) Informes de estado de cada establecemento, no relativo a PCI, tanto desde un enfoque normativo como desde unha óptica de adecuación ao nivel de risco real, realizados por entidades (enxeñerías, consultorías) especializados na materia.
c) Medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios. Estas poden ser tanto executivas (sectorización, protección pasiva, etc.) como operativas (protocolos de actuación, traballos en quente, etc.).
Liña 6. Ecoinnovación.
a) Investimentos vinculados ao ecodeseño de produtos ou materias que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida, respecto a outras alternativas ou modelos anteriores mediante:
i. O deseño máis eficiente do produto reducindo o uso de materiais.
ii. A incorporación de materiais con menor impacto ambiental.
iii. O aumento da vida útil do produto desde o punto de vista técnico.
iv. A aplicación de novos tratamentos industriais da madeira libres de substancias contaminantes (como, por exemplo, a utilización de vernices con baixo contido de COV ou a utilización de colas alternativas a PVAc).
v. A optimización do deseño para facilitar o desmonte ao final da vida útil do produto, facilitando a identificación e separación dos distintos materiais que o compoñen.
b) Investimentos para a implantación de solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais nos procesos propios das persoas beneficiarias mediante:
i. Creación de novos modelos de negocio orientados á servictización dos produtos feitos en madeira ou produtos derivados.
ii. Optimización do consumo de recursos, a través da aplicación de mellores técnicas de produción ou a redución das etapas do proceso de fabricación dos produtos feitos en madeira.
iii. Desenvolvemento e implementación de procesos de posvenda, orientados a ofrecer servizos de mantemento, reparación e recambios por un período de tempo prolongado.
iv. Incorporación de procesos de recuperación e revalorización de produtos e subprodutos de madeira (produción de biomasa, compostaxe, novos produtos, etc.).
v. Mellora da eficiencia nos procesos de distribución, a través da redución do volume e peso das embalaxes, uso de transportes máis eficientes ou o uso de envases e embalaxes reutilizables. Quedan excluídas as actuacións referidas á eficiencia enerxética.
c) Investimentos para a introdución de ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que lle permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira. As ferramentas previstas poderán incluír as seguintes:
i. Lista de comprobación (checklist).
ii. Valoración estratéxica ambiental (VEA).
iii. Input material por unidade de servizo (MIPS).
iv. Matriz de materiais, enerxía e emisións tóxicas (MET).
v. Ecoindicadores.
vi. Análise do ciclo de vida (ACV).
Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:
a) Custos de colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, consultoría, ensaios e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto (diagnóstico, planificación ou definición e desenvolvemento dos servizos previstos). As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normal da empresa, como son servizos rutineiros de asesoría fiscal, servizos xurídicos ou de publicidade.
b) Custos asociados ás actuacións de formación necesarias para a posta en marcha das solucións adoptadas. Será subvencionable como máximo ata o 10 % do orzamento total do proxecto.
c) Custos de materiais e subministracións, coa condición de que deriven directamente do desenvolvemento do proxecto. Será subvencionable como máximo ata o 50 % do orzamento total do proxecto.
d) Custos de equipamentos, coa condición de que deriven directamente do desenvolvemento do proxecto.
e) Custos de subscrición a software. Admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante a vixencia da axuda. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable pro rata.
f) Custos de adquisición de licenzas de software e/ou propiedade intelectual ou industrial, sempre que sexan de uso específico para o desenvolvemento das tarefas incluídas no proxecto e non de uso xeral. No caso de gastos en concepto de mantemento, actualización ou outros que superen o prazo de execución da axuda, descontaranse do gasto subvencionable.
g) Desenvolvemento de software específico mediante colaboracións externas de carácter tecnolóxico para a adaptación ou parametrización de solucións directamente relacionadas coa execución do proxecto.
2. Os investimentos deberán cumprir cos seguintes requisitos:
a) Realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.
c) A persoa beneficiaria deberá adquirir en propiedade a maquinaria e os bens de equipamento obxecto de investimento. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de xustificación, e deberá constar nese momento o pagamento das cantidades aprazadas.
d) Os investimentos tanxibles e/ou intanxibles deberán ser novos.
e) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
f) Os investimentos subvencionados de carácter inventariable deberán manterse durante un período mínimo de cinco anos, contados desde a data do último pagamento da axuda. Os restantes investimentos deberán manterse durante un período mínimo de dous anos.
g) En ningún caso se admitirán pagamentos en metálico.
Artigo 5. Investimentos non subvencionables
1. Non serán subvencionables ao abeiro desta resolución:
a) Mobiliario de oficina.
b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.
c) Obras de reparación de edificios, agás as que sexan necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
d) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten, agás os necesarios para a implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal e os vinculados a medidas orientadas á minimización do risco de orixe e/ou propagación de incendios.
e) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas pola persoa solicitante nin cos procesos de transformación de produtos de orixe forestal.
f) As taxas por licenzas administrativas.
g) O imposto sobre o valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.
h) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.
i) Os xuros debedores.
j) Equipamentos, maquinaria forestal e maquinaria de primeira transformación para traballos no monte.
3. Ademais, non serán subvencionables:
a) Equipamentos e medios de transporte.
b) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.
c) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).
d) Implementos e recambios.
e) Material funxible en xeral.
Artigo 6. Gastos subvencionables
1. De acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada e se realicen dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.
2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data de xustificación da segunda anualidade recollida na mesma.
Artigo 7. Importe das axudas
1. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50 % dos gastos elixibles.
No caso de investimentos da liña 3, esta porcentaxe verase incrementada ata o 70 % cando a actuación obxecto de solicitude consuma un ou varios servizos web publicados pola Consellería do Medio Rural (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/servizos-web-forestais) e, tamén, naqueles proxectos de rastrexabilidade que inclúan a gravación das transaccións na plataforma blockchain da Xunta de Galicia denominada Fortra (https://fortra.xunta.gal/).
2. A axuda máxima por solicitante limitarase a 60.000,00 euros de modo xeral e a 250.000,00 euros no caso de que se subvencionen actuacións encadradas nas liñas estratéxicas 1 ou 2, definidas no artigo 4.
Artigo 8. Baremación das solicitudes
1. A puntuación máxima que pode conseguir unha solicitude é de 285, de acordo cos seguintes criterios en función das características da persoa solicitante e do proxecto para o cal se solicita a axuda:
1º. Por ser ou pertencer a asociacións, organizacións ou fundacións que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia na data de publicación da convocatoria: 20 puntos.
2º. Por cada actividade formativa cunha duración mínima de 20 horas, realizada por persoas traballadoras da entidade solicitante desde o 1 de xaneiro do ano que resulte de restar tres ao ano de publicación da convocatoria ata a data da publicación desta (máximo 3 actividades): 10 puntos cada actividade, ata un máximo de 30 puntos.
Para a valoración das actividades formativas observaranse os seguintes criterios:
a) Deben ter un recoñecemento oficial. Entenderase que contan cun recoñecemento oficial as actividades formativas organizadas, financiadas ou homologadas por unha entidade ou organismo do sector público e as impartidas por centros e entidades de formación para o emprego inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego ou, de ser o caso, acreditadas. Tamén serán recoñecidas aquelas actividades impartidas por escolas de negocio.
b) Computaranse as actividades formativas realizadas tanto polo persoal contratado por conta allea como polo persoal en réxime de persoas autónomas.
c) As persoas traballadoras deberán estar en activo na entidade solicitante na data de realización da actividade formativa.
d) Abordarán algunha das seguintes temáticas:
– Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina (quedan excluídos os alimentarios como fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais), en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.
– Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, seca, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.
– Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabado, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.
– Incorporación do deseño como ferramenta de innovación e diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e no moble.
– Competencias profesionais en materia de construción en madeira.
– Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.
– Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a reciclaxe profesional neste ámbito.
Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.
– Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.
– Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluíndo formación en clave de xénero, así como detección e aplicación de protocolos en materia de acoso no ámbito laboral.
– Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).
3º. Entidades con mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.
Entenderase que desempeñan funcións de dirección as empresarias individuais, as administradoras e as conselleiras. As funcións de xerencia deberán desempeñarse a tempo completo e indefinido.
4º. Entidades con xerencia desempeñada por unha persoa de idade inferior a 55 anos ou os descendentes en activo na empresa na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.
5º. Entidades que conten, na data de publicación da convocatoria, cun plan de igualdade voluntario segundo o disposto no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes: 10 puntos.
6º. Industrias forestais que conten con instalacións fixas ou que presenten proxectos de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada pola presenza no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro) de acordo coas disposicións da autoridade competente en materia de sanidade vexetal: 20 puntos.
7º. Solicitudes de axuda que inclúan a execución de investimentos en tecnoloxías necesarias para a realización de tratamentos térmicos da madeira: 30 puntos.
8º. Solicitudes de axuda que inclúan a execución de, cando menos, un investimento nunha liña de serrado cunha capacidade de transformación superior a 20.000 m3 de madeira en rolo de entrada para serrado ao ano, de acordo coa definición de operacións previas á transformación industrial da madeira do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea: 30 puntos.
9º. Por cada certificado de cadea de custodia de produtos forestais de que dispoña a empresa na data de publicación da convocatoria (máximo 2 sistemas de certificación): 10 puntos por cada certificado, ata un máximo de 20 puntos.
10º. Empresas que dispoñan de certificado de sistema de xestión da calidade ou sistema de xestión ambiental na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.
11º. Empresas que dispoñan de marcación CE para algún dos produtos de orixe forestal que fabriquen, na data de publicación da convocatoria: 30 puntos.
12º. Empresas que dispoñan da marca de garantía Pino de Galicia na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.
13º. Empresas que empreguen a plataforma blockchain da Xunta de Galicia denominada Fortra (https://fortra.xunta.gal/) para garantir a rastrexabilidade dos produtos, na data de publicación da convocatoria: 30 puntos.
14º. Empresas que dispoñan de certificado ISO 45001 (Xestión da seguridade e saúde no traballo-SST) na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.
15º. Cando os proxectos obxecto de solicitude se pretendan implantar ou se desenvolvan no termo municipal dos concellos que conten, na data de publicación da convocatoria, coa condición de concellos emprendedores segundo o anexo V ao abeiro do título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia: 15 puntos.
Artigo 9. Selección de proxectos
1. Ordenaranse os proxectos por orde de maior a menor puntuación de acordo co baremo indicado no artigo 8 e aprobaranse as actuacións en función do orzamento asignado a cada unha das liñas estratéxicas en que se encadren. No caso de empate na puntuación de corte e que non haxa orzamento suficiente asignado á liña para conceder a axuda ás actuacións de proxectos coa mesma puntuación, ordenaranse estes segundo a seguinte orde de prioridade e ata esgotar o orzamento:
a) Primeiro. Importe do investimento subvencionable admisible, de maior a menor importe.
b) Segundo. Menor importe de axudas concedidas pola Axencia Galega da Industria Forestal á entidade solicitante nos últimos tres anos, contados desde a data de publicación da convocatoria.
c) Terceiro. Entidades con mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria.
d) Cuarto. Empresas que conten con instalacións fixas ou presenten proxectos de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada pola presenza no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro), de acordo coas disposicións da autoridade competente en materia de sanidade vexetal.
e) Quinto. Data e hora previa de presentación da solicitude.
Artigo 10. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
3. Só se poderá presentar unha solicitude por persoa solicitante, nos termos establecidos no artigo 3.2.
4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres anos previos.
c) Declaración responsable respecto da subvencionabilidade do imposto sobre o valor engadido.
d) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
e) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.
f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
i) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
j) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
k) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.
l) Declaración responsable de que a empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.
m) Declaración responsable de que se desenvolverán en Galicia as actividades do proxecto para o cal se solicita a axuda.
n) Declaración responsable de que ningún dos provedores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo III: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente ou directiva, persoa xerente menor de 55 anos ou descendente en activo na empresa.
b) Anexo IV: memoria do proxecto que se vai realizar e das características da persoa solicitante para que solicita baremación. Só serán considerados aqueles criterios de baremación debidamente consignados no anexo mediante as seguintes declaracións responsables (aplícanse):
– Declaración responsable de que é ou pertence a unha asociación, organización ou fundación representativa ou relacionada coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolva a súa actividade en Galicia, con indicación do nome da dita entidade.
De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en condición de acreditar que pertence a unha asociación mediante estatutos ou certificado de estar asociado e ao día de pagamento de cotas.
– Declaración responsable, co número de actividades formativas realizadas por persoas traballadoras da entidade solicitante desde o 1 de xaneiro do ano que resulte de restar tres ao ano de publicación da convocatoria ata a data de publicación desta, de que cumpren cos criterios establecidos no artigo 8.1.2º.
De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante informe oficial da Seguridade Social da vida laboral da entidade solicitante, título, diploma acreditativo ou certificado de asistencia con detalle do contido, data de realización e duración da actividade formativa.
– Declaración responsable de que a entidade solicitante conta cunha muller que desempeñe funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria, con indicación do nome, apelidos e DNI ou NIE da dita persoa.
De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante escrituras sociais de constitución ou modificación posteriores ou contrato de traballo, e non será posible acreditar as funcións directivas ou de xerencia mediante a presentación dun poder notarial.
– Declaración responsable de que a entidade conta con xerencia desempeñada por unha persoa de idade inferior a 55 anos ou con descendente en activo na empresa na data de publicación da convocatoria, con indicación do nome, apelidos e DNI ou NIE da dita persoa.
De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante escrituras sociais de constitución (ou modificacións posteriores, de ser o caso) ou contrato de traballo, e non será posible acreditar as funcións directivas ou de xerencia mediante a presentación dun poder notarial, ou tamén o libro de familia e documentación de vinculación do traballador coa empresa (contrato de traballo, persoa autónoma colaboradora).
– Declaración responsable de que conta, na data de publicación da convocatoria, cun plan de igualdade voluntario segundo o disposto no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres, con indicación da data de solicitude de inscrición deste no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia).
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar a solicitude de inscrición no Rexcon.
– Declaración responsable de que conta con instalacións fixas ou que presenta un proxecto de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro), con indicación do concello e nome da parroquia.
– Declaración responsable de que a solicitude de axuda inclúe a execución de investimentos en tecnoloxías necesarias para a realización de tratamentos térmicos da madeira.
– Declaración responsable de que a solicitude de axuda inclúe, cando menos, a execución dun investimento nunha liña de serrado cunha capacidade de transformación superior a 20.000 m3 de madeira en rolo de entrada para serrado ao ano, de acordo coa definición de operacións previas á transformación industrial da madeira do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar documentación acreditativa da capacidade de transformación.
– Declaración responsable de que conta con certificado de cadea de custodia (PEFC ou FSC) na data de publicación da convocatoria, con indicación do número de certificado.
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado vixente emitido pola entidade de certificación forestal.
– Declaración responsable de que conta, na data de publicación da convocatoria, con certificado de sistema de xestión da calidade ou de sistema de xestión ambiental, con indicación do nome do sistema e a data de expedición do certificado.
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado vixente.
– Declaración responsable de dispor, na data de publicación da convocatoria, de marcación CE obrigatoria ou voluntaria para algún dos produtos de madeira para a construción que fabrique, con indicación do documento de avaliación europeo (DEE) ou norma harmonizada e o sistema de avaliación e verificación da constancia de prestacións de aplicación (EVCP).
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar certificado de constancia das prestacións do produto, certificado de conformidade do control de produción en fábrica, informe do produto tipo ou xustificación de ter implantado e vixente un sistema de control de produción en fábrica, segundo proceda en función do sistema de avaliación e verificación da constancia de prestacións de aplicación.
– Declaración responsable de que, na data de publicación da convocatoria, é unha empresa cualificada para o uso da marca de garantía Pino de Galicia, con indicación da data de expedición do certificado de cualificación.
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado que acredite a disposición da marca de garantía Pino de Galicia.
– Declaración responsable de que, na data de publicación da convocatoria, emprega a plataforma blockchain da Xunta de Galicia denominada Fortra (https://fortra.xunta.gal/) para garantir a rastrexabilidade dos produtos.
– Declaración responsable de dispor, na data de publicación da convocatoria, de certificado ISO 45001 (Xestión da seguridade e saúde no traballo-SST), con indicación da data de expedición do certificado de cualificación.
De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado que acredite a disposición do certificado ISO 45001.
– Declaración responsable de que o proxecto para o cal se solicita a axuda se desenvolverá no termo municipal dos concellos que contan coa condición de concellos emprendedores, ao abeiro do título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, con indicación da provincia e nome do concello.
A Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir ás persoas solicitantes documentación xustificativa que avale o declarado.
c) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se describa a actividade da empresa (incluíndo as características da materia prima empregada, área e forma de abastecemento desta, do proceso de transformación, dos produtos elaborados e da forma de venda, canles e mercados de comercialización) e onde se expoña o proxecto que se vai realizar, con detalle para cada unha das liñas, dos investimentos que se van executar, con xustificación da súa conveniencia (incluíndo argumentos vinculados a aspectos como custos de produción, seguridade laboral, fidelización do mercado, incremento da produtividade, mellora do servizo, xestión empresarial, obtención de novos produtos ou produtos valorizados, capacidade de produción, impacto ambiental, melloras ambientais, etc.) e xustificación do orzamento seleccionado (só no caso de que non recaia na oferta más vantaxosa, segundo se establece no punto 4 do artigo 12).
d) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.
e) Escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores e declaración do imposto de sociedades (modelo 200) do último exercicio pechado, no caso dunha sociedade, certificación da situación no censo de actividades económicas, no caso de persoas autónomas e estatutos sociais, no caso de asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos previos da solicitante:
i. Declaración da condición de peme da solicitante e das empresas vinculadas ou asociadas con esta, segundo os anexos II.1. Declaración relativa á condición de peme (cando o solicitante é unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas), II.2. Declaración relativa á condición de peme (para persoas xurídicas) e II.3. Declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica.
Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último exercicio económico pechado.
A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere oportunos para a verificación da condición de peme e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
ii. No caso de que acredite por outra vía distinta ao Resfor a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria: documentación acreditativa.
iii. Para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004, acreditación do nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004 mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003.
g) Documentación relativa aos investimentos:
i. Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, de conformidade co disposto no artigo 12 destas bases.
ii. Documentación xustificativa da viabilidade económica do proxecto mediante algunha das seguintes circunstancias, segundo o indicado no artigo 3.3:
– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
– Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.
– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda–).
iii. No caso de investimentos en maquinaria fixa e instalacións:
– Para investimentos en maquinaria fixa ou instalacións: plano de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se van realizar.
– No caso de instalacións que así o requiran: copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa, segundo proceda.
– Acreditación da presentación no concello da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.
2. Para que unha solicitude sexa válida, debe achegarse a seguinte documentación mínima:
a) Anexo I-Solicitude de axuda, debidamente cuberto.
b) Anexo IV-Memoria dos investimentos que se van realizar, debidamente cuberto.
c) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, segundo o disposto no punto 1.g).i do presente artigo.
As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente non serán admitidas a trámite.
3. A documentación achegarase en formato «.pdf» e será obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada e nomear cada arquivo segundo a nomenclatura establecida no anexo XIV, coa instrución respecto á nomenclatura da documentación presentada na fase de solicitude.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.
8. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
9. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes recollido na respectiva convocatoria de axudas e ata que se debe a resolución no procedemento, non se admitirán modificacións relativas aos proxectos solicitados nin dos elementos que serán obxecto de baremación, sen prexuízo do dereito de desistencia.
Artigo 12. Moderación de custos
1. En todo caso, débese respectar a moderación de custos. Por iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas coa solicitude de axuda, agás que o gasto non acadase os 40.000 € sen IVE, no caso de obras, ou 15.000 € sen IVE, no caso de subministracións ou prestación de servizos, ou que se realizase ou iniciase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
2. As ofertas presentadas para cada gasto deberán estar asinadas dixitalmente pola empresa provedora, salvo que o gasto se realizase ou iniciase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e cumprir os seguintes requisitos:
a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.
b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír:
i. No caso de obra civil e instalacións: a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra, que inclúe.
ii. No caso de subministración de maquinaria e equipamentos: marca, modelo e características técnicas. En liñas funcionais, deberán especificarse cada un dos seus elementos.
iii. No caso de prestación de servizos: a descrición detallada destes.
3. Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que dará lugar á consideración de gasto non subvencionable.
4. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a dita elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.
5. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables en que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificados de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.
d) Consulta de concesións ampliado.
e) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.
f) Consultas de axudas do Estado.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).
i) NIF da entidade solicitante.
j) Imposto de actividades económicas (IAE).
k) Comprobación de datos de terceiras persoas (anexo III): DNI/NIE da muller xerente ou directiva, DNI/NIE da persoa xerente menor de 55 anos, DNI/NIE do descendente da persoa xerente en activo na empresa.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, de ser o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
3. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
Artigo 14. Tramitación
1. A tramitación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
2. A Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal convocará e resolverá as subvencións ditadas ao abeiro das presentes bases reguladoras, e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador.
3. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal será a encargada da instrución e do seguimento das subvencións, así como da xestión económico-orzamentaria deste programa e do seguimento da súa execución.
Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 16. Instrución do procedemento
1. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Na fase de instrución verificarase a moderación dos custos propostos comparando ofertas diferentes.
3. Requiriráselles aos solicitantes que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, que os corrixan, conforme se establece no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, neste requirimento indicarase que, se non se fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.
5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Avaliación regulada no artigo 17 para a súa avaliación e valoración en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases.
6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.
Artigo 17. Comisión de Avaliación
1. A Comisión de Avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 8.
2. A composición da Comisión de Avaliación será a seguinte:
a) Presidencia: persoa titular da xefatura do Departamento de Xestión Administrativa da Axencia ou persoa que a substitúa.
b) Unha vogalía nomeada entre os membros da Axencia.
c) Unha vogalía nomeada entre o persoal funcionario da Axencia, que desempeñará, ademais, as tarefas de secretaría da Comisión.
3. Os membros da Comisión serán nomeados polo director da Axencia.
4. A Comisión de Avaliación, cando o considere necesario, poderá solicitar asesoramento técnico de persoal especializado da Axencia Galega da Industria Forestal.
5. A Comisión de Avaliación elaborará unha relación ordenada de todos os proxectos solicitados que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras, con indicación da puntuación outorgada a cada un deles.
De ser o caso, a Comisión elaborará unha lista de agarda coa relación de proxectos e actuacións aprobadas para os cales non se propón a concesión da subvención por esgotamento do orzamento dispoñible na liña correspondente. O órgano instrutor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, o crédito liberado poderá asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.
6. A Comisión de Avaliación emitirá un informe final en que figurarán de forma individualizada e motivada os proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación da persoa beneficiaria e a puntuación obtida no proceso de baremación.
Artigo 18. Resolución da convocatoria
1. O órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Avaliación ao director da Axencia Galega da Industria Forestal.
2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación dos proxectos, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.
3. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de tres meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo da obriga legal de resolver por parte da Administración, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificase resolución expresa.
Artigo 19. Resolucións individuais
1. Todas as resolucións serán notificadas ás persoas interesadas nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos.
2. A resolución de concesión expresará o importe total da axuda que lle corresponde a cada persoa beneficiaria, así como a súa distribución por anualidades que, de forma xeral, se corresponderá coa distribución anual do orzamento da convocatoria.
3. A resolución expresará o carácter de minimis da axuda concedida, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
4. Unha vez notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención, achegando o anexo VI, entenderase que a acepta tacitamente e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiaria.
5. No caso de renuncia á subvención por algunha das persoas beneficiarias, o órgano concedente, por proposta do órgano instrutor, poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao proxecto ou proxectos seguintes en función da súa puntuación coa condición de que, coa renuncia por parte dalgunha das beneficiarias, se liberase crédito suficiente na liña correspondente para atender polo menos o conxunto de actuacións dun proxecto aprobadas e denegadas por insuficiencia de crédito.
Salvo causa de forza maior percibida polo órgano concedente ou a inexistencia de prexuízo a terceiros, presentar a renuncia total ás axudas fóra do devandito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de incumprimento total do proxecto subvencionado, tal e como queda definido o incumprimento total no artigo 23.10, suporá que a empresa non poderá solicitar axudas para os proxectos recollidos nestas bases reguladoras nun período de dous anos desde a resolución de perda do dereito ao cobramento e/ou reintegro.
6. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo ante o presidente da Axencia segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 20. Modificación da resolución
1. As actuacións subvencionadas deberán executarse no tempo e na forma que se determinen na resolución de concesión.
2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude e que alteren as condicións técnicas ou económicas para o desenvolvemento do proxecto subvencionado, estas poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, logo de solicitude de autorización á entidade beneficiaria.
3. Cando concorran estas circunstancias e a persoa beneficiaria precisase introducir calquera modificación sobre o proxecto de investimento presentado coa solicitude, solicitará autorización da Axencia mediante o modelo normalizado do anexo VII, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que recolle as variacións respecto do proxecto orixinal.
4. O prazo para solicitar a modificación do proxecto será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación da primeira anualidade.
5. Poderase modificar o proxecto inicialmente aprobado sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros.
6. A autorización ou denegación da modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia por proposta do órgano instrutor, logo de instrución do correspondente expediente de modificación.
7. A modificación do proxecto estará suxeita ás seguintes condicións:
a) As modificacións que incrementen o importe do proxecto subvencionable non suporán un incremento do importe da subvención concedida. Porén, as persoas beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar o importe do proxecto modificado.
b) As autorizacións de modificacións que supoñan unha redistribución entre as anualidades de axuda concedidas estarán supeditadas á existencia de crédito orzamentario suficiente.
c) Será admisible a redución do importe total do proxecto considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40 % do seu valor.
d) Non se admitirán modificacións que supoñan un cambio de persoa beneficiaria.
e) As modificacións que afecten os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán cumprir, de ser o caso, cos requisitos do artigo 12 destas bases.
Artigo 21. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Documentación xustificativa para presentar para o pagamento da axuda
1. Para o pagamento parcial da axuda deberá presentarse a seguinte documentación:
a) Solicitude de pagamento da axuda (anexo VIII), en que se incluirán as seguintes declaracións responsables:
– Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
– Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
– Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
– Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.
– Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.
– Declaración responsable de que a empresa mantén o cumprimento dos requisitos que condicionaron a obtención da axuda e das condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.
– Declaración responsable de que ningún dos provedores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable e documentación acreditativa do pagamento, que deberán cumprir o indicado no anexo XIII, Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento das actuacións elixibles.
c) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados segundo o anexo XI, Lista de xustificantes do investimento.
d) Anexo IX. Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, e de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas.
e) Certificado de depósito de aval bancario na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, se procede.
2. Para o pagamento final ou total da axuda deberá presentarse:
a) A documentación recollida no número 1 deste artigo.
b) Memoria dos investimentos realizados (anexo X), coa explicación, de ser o caso, das diferenzas entre os traballos previstos e os realizados.
c) Memoria asinada pola persoa beneficiaria ou representante, segundo o punto 2 do anexo X desta resolución, detallando para cada unha das liñas as actuacións executadas os obxectivos alcanzados e a súa importancia na actividade futura da beneficiaria.
d) Certificado de conformidade do provedor da factura presentada e do pagamento correspondente, asinado dixitalmente, onde figure o importe e a data da factura e do pagamento e o obxecto facturado claramente identificado, e onde se faga constar que o investimento, material ou inmaterial, é novo.
No caso de investimentos en maquinaria, o certificado do provedor deberá incluír, ademais, a marca, modelo e número de bastidor.
e) Informe fotográfico dos investimentos do proxecto executados, que incluirá imaxes desde distintos ángulos e tanto xerais da localización e instalación do investimento como de detalle. No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, incluirase no informe a fotografía da correspondente placa identificativa.
f) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 29 desta resolución.
3. A documentación xustificativa achegarase en formato «.pdf» e será obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada e nomear cada arquivo segundo a nomenclatura establecida no anexo XV, Instrución respecto á nomenclatura da documentación presentada na fase de xustificación.
Artigo 23. Xustificación e pagamento da subvención
1. A data límite de xustificación dos proxectos é a establecida no artigo 32.
2. Só serán subvencionables os proxectos que se realicen e cuxo gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) se xustifiquen dentro do prazo de execución.
3. Para a primeira anualidade, só se admitirán os gastos (factura e xustificante de pagamento) realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data límite de xustificación da primeira anualidade.
Para a xustificación da segunda anualidade, admitiranse os gastos (factura e pagamento) comprendidos entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data límite de xustificación da segunda anualidade que non fosen computados na primeira anualidade.
4. Os gastos subvencionables en que incorrese a beneficiaria deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Os pagamentos non conformes cos prazos previstos na Lei 3/2004 terán a consideración de non subvencionables e suporán unha minoración proporcional da axuda.
5. Os xustificantes de gasto e de pagamento deberán cumprir co indicado no anexo XIII.
6. A Axencia comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade, o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención e as demais obrigas exixidas ás persoas beneficiarias das axudas.
7. Os órganos competentes da Axencia poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa solicitante os presentase, a Axencia iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.
8. Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 20 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da Axencia no acto de comprobación non exime a beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
9. Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen ter presentado a xustificación do proxecto subvencionado, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.
10. No caso de que a xustificación do proxecto for por menor importe do aprobado, a axuda que se deberá pagar será proporcional ao importe xustificado, sempre que se trate de investimentos susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente. En todo caso, unha execución inferior ao 60 % do gasto subvencionable do proxecto terá a consideración de incumprimento total, ocasionará a perda de dereito ao cobramento da subvención e seguirá o procedemento sinalado no artigo 25 desta resolución.
Non terá a consideración de incumprimento total a non adecuación ao ritmo do investimento anual establecido na resolución de concesión da axuda, sempre que se xustifique a realización da actividade e a execución do investimento polo importe aprobado dentro da data límite de xustificación final, se cumprise coa finalidade que determinou a concesión da subvención e non se alterase a natureza e obxectivos desta.
11. Unha vez presentada a solicitude de pagamento, realizarase a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
12. Os pagamentos á conta adaptaranse ao establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os ditos pagamentos á conta, cando o importe da primeira anualidade supere os 18.000,00 euros, serán garantidos mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.
13. O referido aval deberá ser de duración indefinida, depositarase á disposición da Axencia Galega da Industria Forestal na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia e deberá cubrir o 110 % do importe que se vai percibir na primeira anualidade da subvención. O certificado de depósito do aval presentarase na solicitude de pagamento da primeira anualidade xunto co resto da documentación. Unha vez que se comprobe, mediante inspección in situ se procede, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención, liberarase aval.
Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias
1. Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o cal achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia a disposición adicional primeira desta resolución.
e) A persoa beneficiaria deberá manter os requisitos que condicionaron a obtención da axuda e as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes ata a data de solicitude do pagamento final da axuda.
f) A persoa beneficiaria deberá manter os investimentos subvencionados de carácter inventariable durante un período mínimo de cinco anos, contados desde a data do último pagamento da axuda. Os restantes investimentos deberá mantelos durante un período mínimo de dous anos.
g) Reintegrar fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Facilitar cantos datos resulten necesarios para o seguimento e a avaliación das axudas no marco da avaliación da RIS3 de Galicia ou doutros instrumentos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión da axuda, así como encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.
Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento e reintegro
1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, efectuará o reintegro da subvención.
2. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, de reintegro as seguintes:
a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida. No suposto de incumprimentos parciais, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, a Axencia deberá resolver sobre o seu alcance.
No caso de condicións referentes á contía ou conceptos do gasto subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de aplicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 40 % do gasto subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total.
c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
e) O incumprimento do ditado en calquera dos artigos das bases reguladoras que impliquen unha obriga por parte da persoa beneficiaria.
f) O incumprimento dos prazos de mantemento dos requisitos que condicionaron a obtención da axuda ou das condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.
g) O incumprimento da obriga de mantemento dos investimentos subvencionados de carácter inventariable durante un período mínimo de cinco anos, ou de dous anos para os restantes investimentos, contados desde a data do último pagamento da axuda, salvo causas xustificadas non imputables á persoa beneficiaria. A contía que se vai reintegrar será proporcional ao tempo en que se incumpra a obriga de mantemento.
h) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.
i) Calquera das demais causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo, de ser o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 26. Controis
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da beneficiaria fixados no artigo 24, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 27. Infraccións e sancións
Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 28. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 29. Medidas informativas e publicitarias
1. As persoas beneficiarias deberán comunicar o carácter de financiamento público do proxecto nos termos recollidos no anexo XII, Medidas informativas e publicitarias.
2. Para estes efectos, o modelo de panel ou placa pode descargarse na sección Axudas, da web da Axencia Galega da Industria Forestal (http://www.xera.gal/).
3. Nas publicacións nas redes sociais que fagan referencia ao proxecto obxecto de axuda empregarase o cancelo #XERAvalor e utilizarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil da Axencia:
LinkedIn: Xera-Axencia da Industria Forestal:
www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal
Facebook: Xera-Axencia da Industria Forestal:
www.facebook.com/XERAindustriaforestal
Instagram: https://www.instagram.com/xera.xunta/
4. No caso de que na realización dun control a posteriori, que se efectuará nos cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda concedida, se verifique o incumprimento do establecido no punto 1 deste artigo, solicitarase reintegro do 5 % da axuda concedida.
5. As solicitudes de axuda suporán unha autorización expresa para que a información xeral da beneficiaria, da axuda concedida e do proxecto (incluídas fotografías achegadas con elas) poida ser utilizada pola Axencia Galega da Industria Forestal nas súas campañas de promoción e divulgación das súas actividades, salvo oposición expresa do/da solicitante mediante a opción habilitada para tal fin no anexo de solicitude de axuda.
CAPÍTULO II
Convocatoria de axudas para o ano 2026
Artigo 30. Convocatoria
Convócanse para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas reguladas por esta resolución. As solicitudes, a documentación, as condicións e o procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.
Artigo 31. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 32. Prazo de xustificación
1. O prazo de xustificación será para a anualidade de 2026 ata o 31 de agosto de 2026 inclusive e, para a anualidade do 2027, ata o 15 de xuño de 2027.
2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo de xustificación e de execución establecido que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un (1) mes antes de que acabe o prazo de xustificación. Tanto a petición das persoas interesadas como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación.
Artigo 33. Financiamento
1. As axudas financiaranse con cargo ao proxecto e ás aplicacións orzamentarias seguintes:
|
Código do proxecto |
Aplicacións |
Anualidade de 2026 |
Anualidade de 2027 |
Total |
|
2021 00002 |
09.A4.741A.770.0 |
457.381,01 € |
3.922.618,99 € |
4.380.000,00 € |
|
09.A4.741A.780.2 |
12.530,99 € |
107.469,01 € |
120.000,00 € |
|
|
Total |
469.912,00 € |
4.030.088,00 € |
4.500.000,00 € |
|
2. Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 17 de outubro de 2025.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada de gasto poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo e segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desa orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.
3. Este orzamento poderá verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.
4. A Axencia poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución cando o incremento derive:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.
Artigo 34. Distribución do crédito
1. Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 33.1, segundo as diferentes liñas sinaladas no artigo 4:
a) Liña 1. Competitividade e valorización: 1.750.000,00 €.
b) Liña 2. Carpintaría, mobiliario, contract e construción: 1.750.000,00 €.
c) Liña 3. Dixitalización: 275.000,00 €.
d) Liña 4. Certificacións, ensaios e informes: 150.000,00 €.
e) Liña 5. Seguridade e saúde no contorno laboral: 425.000,00 €.
f) Liña 6. Ecoinnovación: 150.000,00 €.
2. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe establecido polas distintas porcentaxes de cada tipo de liña de axuda na distribución do crédito detallado no punto 1, os importes sobrantes das distintas liñas pasarán ás demais para facer fronte aos expedientes solicitados de modo proporcional ao déficit de crédito por liña.
Disposición adicional primeira. Compatibilidade das axudas
1. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. De acordo co artigo 3.2 do dito regulamento, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000,00 euros durante calquera período de tres anos.
2. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas ou subvencións destinadas aos mesmos investimentos, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas obtidas con fondos públicos non exceda o 100 % dos custos subvencionables e sempre que non sexan axudas ou subvencións outorgadas pola Axencia Galega da Industria Forestal.
Disposición adicional segunda. Outras regulamentacións
Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
Disposición adicional terceira. BDNS
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A entidade outorgante consignará a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 na Base de datos nacional de subvencións no prazo de 20 días hábiles, contados a partir da concesión das axudas.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a Axencia para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.
Disposición derradeira segunda
Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Alfredo Fernández Ríos
Director da Axencia Galega da Industria Forestal
