DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 18 de febreiro de 2026 Páx. 13690

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ferrol (expediente IN407A 2025/146-1).

Expediente: IN407A 2025/146-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: LMTS, CS Beleicón, s/n, (Ferrol).

Concello: Ferrol.

Feitos:

1. O día 28.7.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, coa finalidade de atender unha petición de subministración en media tensión.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado LMTS, CS Beleicón, s/n, (Ferrol), asinado o día 8.7.2025 por Antonio Javier Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.233.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Ferrol, Deputación Provincial da Coruña e Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 26.1.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Beleicón, s/n, concello de Ferrol, e as súas características técnicas son as seguintes:

• Liña eléctrica de media tensión subterránea a 15 kV, cunha lonxitude de 278 m en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, con orixe e final na LMTS existente SMR726, despois de facer entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.

• Centro de seccionamento proxectado prefabricado manobra exterior 3L (2 telecontroladas) e trafo de tensión para servizos auxiliares.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica, suxeita ás seguintes condicións:

A) As celas do centro de seccionamento conteñen gases suxeitos ás prohibicións previstas no Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024; para a súa instalación deberá xustificarse que constitúen algunha das excepcións indicadas no artigo 13 dese regulamento. En caso contrario, deberán realizarse as actuacións administrativas necesarias para adaptar a instalación.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

C) Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta Resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 27 de xaneiro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña