DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 19 de febreiro de 2026 Páx. 14108

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Moaña

ANUNCIO de notificación a persoas titulares descoñecidas relativo ao requirimento de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas nunha parcela identificada pola súa referencia catastral, con advertencia de execución subsidiaria e posible incoación de procedemento sancionador.

De conformidade co disposto no artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e dado que as persoas titulares dos bens que se relacionan a continuación son descoñecidas e resulta imposible a súa notificación, comunícaselles ás persoas responsables a súa obriga legal de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas nos parcelas que se describen, imposta polo artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia:

Nº de expediente

Ref. catastral

Parroquia

Lugar

Persoa responsable

238/2026

36029A033100800000IW

Domaio

San Lourenzo

Descoñecida

1º. En virtude do anterior, comunícaselles ás persoas que resulten responsables, conforme o artigo 21 ter da citada Lei 3/2007, o seu deber de xestión da biomasa e, de ser o caso, de retirada de especies arbóreas prohibidas, e concédese un prazo de quince (15) días naturais, que comezará a contar o día seguinte ao da publicación.

2º. No caso de persistencia no incumprimento transcorrido o devandito prazo, o Concello efectuará sen máis trámites a execución subsidiaria, con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas no artigo 22.2 da precitada Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda. As persoas titulares dos terreos ou dos dereitos de aproveitamento terán a obriga legal de facilitar o acceso necesario para realizar os traballos da xestión de biomasa e retirada das especies arbóreas prohibidas. O suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais previstos legalmente, cando o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución española.

3º. No caso de efectuar a execución subsidiaria, o Concello realizará a liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se efectuará a súa exacción inmediata no caso de persistencia no incumprimento, logo do transcurso do prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso. Neste caso, a liquidación provisional dos traballos necesaria para xestionar a biomasa nas franxas secundarias establécese nunha cantidade estimada que se mostra na seguinte táboa:

Nº de expediente

Ref. catastral

Hectárea

afectada

Estimación
do prezo

Liquidación

provisional

238/2026

36029A033100800000IW

19,8539

3545,82 €

70.398,36 €

4º. No caso de persistencia no incumprimento, e transcorrido o prazo outorgado, iniciarase tamén o correspondente procedemento sancionador segundo o previsto no título VII da Lei 3/2007:

a) Administración competente para sancionar (artigo 54 da Lei 3/2007):

1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular da xefatura territorial da consellería con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.

2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellería con competencia en materia forestal:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) O órgano competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería que teña asignada a competencia en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable será competencia do correspondente concello. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves e moi graves corresponderalle á persoa titular da Alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21 ter.

b) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 51.2.g) para as faltas graves.

c) Contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impor no caso de infracción leve: 1.000 € (artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da Lei 3/2007. No caso de ser considerada infracción grave, a contía máxima da sanción será de 100.000 € (artigo 74.b).

d) Efectuarase o comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas de acordo co establecido no artigo 22.2 da Lei 3/2007.

Moaña, 21 de xaneiro de 2026

Leticia Santos Paz
Alcaldesa