A Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aprobada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de abril de 2022, define o marco das políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Esta actuación enmárcase dentro da RIS3 de Galicia 2021-2027 e alíñase cos tres retos e coas tres prioridades. Así mesmo, contribúe ao obxectivo estratéxico 4, integrándose no programa Persoas e Talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A Comisión Europea, a través da Carta europea do investigador e do Código de conduta para a contratación de investigadores, recomenda desenvolver un mercado laboral europeo atractivo, aberto e viable para o persoal investigador, en que as condicións xerais permitan contratar e manter investigadoras e investigadores de calidade en contornas que favorezan o seu rendemento e produtividade. A dita carta tamén recomenda que as entidades empregadoras e/ou financiadoras de persoal investigador velen polo desenvolvemento e a continuidade da carreira investigadora, o que implica mellorar as súas condicións laborais e o recoñecemento desde as primeiras etapas das súas carreiras.
No contexto de Galicia, a Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia (DOG núm. 114, do 17 de xuño), recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o apoio á formación do persoal científico, investigador e xestor da innovación en Galicia e a contribución á creación dun ambiente adecuado para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais.
Neste contexto, as axudas para doutoramentos industriais pretenden servir de marco de financiamento para formar persoal altamente cualificado que se axuste mellor ás necesidades das empresas que forman o tecido empresarial galego ou con intereses en Galicia. Nesta liña, os proxectos de doutoramento industrial enténdense como proxectos de investigación industrial onde hai unha colaboración efectiva entre unha empresa e unha universidade do Sistema universitario de Galicia (SUG). Todo iso enmárcase na figura do Doutoramento industrial, mención definida polo Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan os ensinos oficiais de doutoramento.
De acordo co devandito real decreto, a mención Doutoramento industrial outorgarase sempre que concorran tres circunstancias: a existencia dun contrato laboral coa persoa doutoranda, que a tese teña desenvolvido un proxecto de investigación de interese industrial, comercial, social ou cultural dunha entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública e que se subscriba un convenio entre a entidade, empresa ou Administración pública e a universidade para o desenvolvemento académico da tese de doutoramento.
Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no Sistema galego de I+D+i, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia (DOG núm. 233, do 11 de decembro). Esta lei pretende reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia coa eliminación da discriminación das mulleres e coa promoción da igualdade entre mulleres e homes, atribuíndolle o máis alto grao de efectividade ao dereito constitucional á igualdade entre as mulleres e os homes no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma, consonte as obrigas impostas aos poderes públicos de Galicia no artigo 4 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria adoptan medidas específicas para fomentar a igualdade.
Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades (en diante, SXU) e a Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.
Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca as axudas de apoio aos doutoramentos industriais para o exercicio 2026.
Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para o desenvolvemento de proxectos de doutoramento industrial, programa Doutoramentos industriais, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, con código de procedemento administrativo IN606D.
O programa Doutoramentos industriais ten como obxectivos:
a) Promover a colaboración efectiva e a transferencia de coñecemento entre as universidades do SUG e o tecido empresarial mediante a sinatura de convenios ou acordos que regulen o desenvolvemento dun proxecto de investigación industrial.
b) Potenciar a captación da mozos e mozas investigadores e investigadoras para que desenvolvan proxectos de investigación nas empresas e centros de innovación e tecnoloxía que os contraten e que lles permita obter un doutoramento industrial en sectores de interese estratéxico rexional.
c) Posibilitar a incorporación de persoal doutor mozo ás empresas, unha vez que remate a axuda e, desta maneira, ofrecerlle novas saídas profesionais.
d) Fortalecer a colaboración entre as empresas e as universidades do SUG.
2. As axudas concedidas ás empresas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 € durante calquera período de tres anos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
En virtude do anterior, as empresas deberán declarar no momento de presentar a solicitude o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante o período dos tres anos previos.
3. Os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i conforme o establecido no número 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01).
Artigo 2. Definicións
1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica.
2. Centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma: son aqueles que figuran inscritos (ou teñen resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.
3. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249, do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.
4. Reto da RIS3: cada un dos tres grandes retos estratéxicos de natureza económica e social da sociedade galega, identificados a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, que a RIS3 aborda a través da I+D+i, co obxectivo de conseguir un impacto transformador sobre a economía e a sociedade galega. Os retos son:
– Reto 1: modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación. Modernización dos sectores primarios galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.
– Reto 2: un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Incrementar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e a evolución das cadeas de valor.
– Reto 3: un modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación. Posicionar Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo.
5. Prioridade da RIS3: cada unha das tres grandes temáticas transversais, identificadas a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, cara ás cales a RIS3 orienta as capacidades e esforzos do ecosistema galego de innovación para dar resposta aos tres grandes retos estratéxicos. As prioridades, polo seu carácter horizontal, teñen incidencia en todas as cadeas de valor e favorecen a colaboración entre sectores e as diferentes áreas de coñecemento e tecnolóxicas, constituíndo unha oportunidade de desenvolver novas cadeas de valor e novos mercados. Así mesmo, están plenamente aliñadas coas prioridades da Unión Europea e do Estado español. As prioridades son:
– Prioridade 1: desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando ademais oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.
– Prioridade 2: apoio á dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais, como panca para a transformación resiliente de Galicia.
– Prioridade 3: orientación dos esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas, e consolidación de Galicia como unha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e testaxe de novas oportunidades e solucións científico-tecnolóxicas e empresariais dirixidas a elas.
6. Ámbito de priorización da RIS3: cada unha das 29 temáticas que precisan, de forma máis detallada, como cada prioridade aborda os tres retos da RIS3, concretando o perfil de especialización para Galicia, e nos cales se focalizan os investimentos da estratexia. Caracterízase pola súa transversalidade sectorial, abrindo oportunidades a diferentes cadeas de valor, así como novas formas de colaboración entre eles, a nivel tanto de mercados como de tecnoloxías ou procesos. Os ámbitos de priorización definíronse a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, e reflicten o traballo de identificación das capacidades existentes no ecosistema de innovación e das oportunidades específicas que cada prioridade xera en relación cos tres retos da RIS3.
7. Proxectos de I+D colaborativos: proxectos de I+D en cooperación en cuxo desenvolvemento participan como mínimo unha empresa e un organismo de investigación. Considéranse organismos de investigación os organismos públicos de investigación, as universidades, os centros de innovación e tecnoloxía e outras entidades privadas con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro con capacidade ou actividade demostrada en I+D.
8. Contrato de I+D universidade-empresa: convenios ou contratos que asine unha universidade cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía a cambio dunha contraprestación económica para a realización de actividades de I+D.
9. Programa marco de investigación e innovación europeo (Programa marco): programa da Unión Europea que concentra o financiamento de gran parte de iniciativas e proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico, demostración e innovación de claro valor engadido europeo que se vai desenvolvendo de xeito consecutivo durante períodos temporais. O actual Programa marco para o período 2021-2027 é o noveno e recibe o nome de Horizonte Europa.
10. Socio en proxectos concedidos polo Programa marco: para os efectos desta convocatoria considérase socio nun proxecto concedido polo Programa marco a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que é coorganizador do proxecto, comparte co líder e os demais socios o mesmo interese por acadar os obxectivos do proxecto e contribúe ao seu correcto desenvolvemento, poderá ser responsable dunha parte das actividades do proxecto e é responsable legal e financeiramente do proxecto mediante a sinatura do acordo de consorcio asinado co responsable do proxecto.
11. Líder en proxectos concedidos polo Programa marco: para os efectos desta convocatoria considérase líder nun proxecto concedido polo Programa marco a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que é o responsable do proxecto, asina o convenio de subvención coa Comisión Europea unha vez aprobado o proxecto e coordina os socios e accións para acadar os obxectivos definidos.
12. Ratio de solvencia: cociente resultado de dividir a suma do activo non corrente e o activo corrente entre a suma do pasivo non corrente e o pasivo corrente segundo o balance correspondente ao último exercicio económico das contas anuais aprobadas.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As empresas e os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que estean validamente constituídos, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e conten cun ano de antigüidade mínima no momento da presentación da solicitude de axuda, que desexen contratar investigadores ou investigadoras predoutorais para realizar un proxecto de doutoramento industrial en colaboración cunha universidade do SUG que lles sirva como traballo de tese de doutoramento e sexa do seu interese.
b) As universidades públicas do SUG que desexen participar na execución dun proxecto de doutoramento industrial que se desenvolva en colaboración cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e asumir a dirección dunha tese de doutoramento asociada.
2. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), nin tampouco aquelas empresas en crise, conforme o establecido na definición recollida no artigo 2.3 desta orde.
Artigo 4. Natureza das axudas
1. O proxecto de doutoramento industrial desenvolverase na empresa ou centro de innovación e tecnoloxía en colaboración cunha universidade do SUG que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda a través dun programa de doutoramento. Tanto a contorna académica como a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía serán beneficiarios das subvencións que faciliten a realización do proxecto de investigación que deberá dar lugar a unha tese de doutoramento con mención de Doutoramento industrial.
2. Características dos proxectos de doutoramento industrial.
Son proxectos de investigación ou estudos para desenvolver produtos, procesos ou servizos novos ou que melloren os xa existentes. Os proxectos de doutoramento industrial deben implicar unha colaboración efectiva entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e unha universidade do SUG. O proxecto de doutoramento industrial debe supor un avance de coñecemento suficientemente xustificado para dar lugar a unha tese doutoral para os efectos de optar á mención de Doutoramento industrial nos correspondentes títulos de doutora ou doutor. Quedan excluídas destes proxectos a investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación.
Artigo 5. Requisitos e obrigas
1. As empresas e centros de innovación e tecnoloxía beneficiarios deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Propoñer un proxecto de doutoramento industrial para desenvolver.
b) Propoñer a unha persoa candidata para desenvolver a tese asociada ao proxecto de doutoramento industrial.
c) Designar un responsable da supervisión da tese no marco da empresa e da realización do proxecto de doutoramento industrial correspondente. Por acordo entre as partes, este responsable poderá actuar como persoa directora adicional da tese no caso de cumprir os requirimentos establecidos pola normativa de doutoramento correspondente da universidade colaboradora e acordo expreso entre as partes.
d) Proporcionar á persoa doutoranda contratada o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resulten necesarios para o normal desenvolvemento da súa actividade.
e) Apoiar e facilitar a formación da persoa doutoranda contratada, garantindo o cumprimento de todas as actividades formativas exixidas polo programa Doutoramentos industriais.
f) Facilitar a información e a formación necesarias en materia de prevención de riscos laborais para garantir a seguridade no traballo desenvolvido dentro das instalacións da empresa.
g) Facilitar as accións de mobilidade (asistencia a congresos, seminarios, estadía nunha sede internacional da empresa ou grupo de investigación internacional) que a persoa doutoranda realice ao longo do seu proxecto e que sexan preceptivas segundo a convocatoria do programa Doutoramentos industriais en vigor.
h) Visar e validar a memoria xustificativa do proxecto que realice a persoa doutoranda.
i) Ter solvencia económica e financeira. A ratio de solvencia definida no artigo 2.12 deberá ser igual ou maior que 1. As entidades de recente creación deberán achegar a documentación que permita calcular a ratio de solvencia no momento do peche do prazo de presentación de solicitudes.
2. As universidades do SUG beneficiarias deberán asumir os seguintes requisitos e obrigas:
a) Designar a persoa directora académica da tese no marco do programa Doutoramentos industriais correspondente, que deberá ser asignado pola comisión académica do programa Doutoramentos industriais cando a persoa alumna se matricule, no caso de non estar matriculada.
b) Validar a proposta de proxecto de doutoramento industrial.
c) Proporcionar á persoa doutoranda o apoio necesario e facilitarlle os medios ou equipametos que sexan necesarios para o desempeño normal da súa actividade.
d) Supervisar con regularidade o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial, velando polo cumprimento das obrigacións recollidas no compromiso documental de supervisión, e pola calidade da tese de doutoramento.
e) Facilitar á persoa doutoranda a realización da formación adicional e a participación na formación que organice a propia entidade.
3. A persoa directora e o responsable empresarial propostos para a dirección da tese e do proxecto deberán ter vinculación laboral coa súa institución e no caso de producirse un cambio nas persoas inicialmente designadas debe ser comunicado.
4. As persoas candidatas aos contratos de doutoramento industrial deben reunir os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se poden conceder a cidadáns non comunitarios é de unha (1).
b) Estar matriculadas, admitidas ou cumprir os requisitos para matricularse a tempo completo nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG, de acordo coa ordenación académica aplicable no curso 2025/26 ou 2026/27. As persoas non matriculadas no momento da resolución da convocatoria deberán inscribirse nun programa oficial de doutoramento no curso académico 2026/27 no primeiro prazo de matrícula dispoñible.
c) Que a data de finalización, para todas as persoas candidatas, dos estudos de grao ou equivalente, incluídos aqueles obtidos en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022. Enténdese como data de finalización destes estudos a correspondente ao aboamento da taxa de expedición do título, unha vez superada a última materia necesaria para completalos. A data de finalización dos estudos poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2019 nos seguintes casos:
1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.
2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2021.
3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
4º. As persoas que acrediten fidedignamente que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.
d) Contar no expediente académico cunha nota media igual ou superior a 7, ou a 6 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 10.5.c).
No caso de persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a nota media mínima do expediente académico será de 6.
5. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destes contratos persoas que estean en posesión do título de doutor.
6. A persoa candidata seleccionada non pode ter unha participación no capital da entidade que solicita a axuda ou doutra entidade relacionada accionarial ou socialmente con aquela, que represente unha capacidade de control efectivo, directo ou indirecto, da entidade. Tampouco pode estar incluída como persoa aspirante en máis dunha solicitude.
Artigo 6. Exclusións
Quedan excluídas desta convocatoria e non poderán adquirir a condición de entidades beneficiarias desta axuda:
As empresas e centros de innovación e tecnoloxía que non cumpran calquera dos requisitos que non sexan susceptibles de emenda, segundo o disposto nesta convocatoria na data de peche de presentación de solicitudes.
Artigo 7. Conceptos subvencionables
1. As axudas ás empresas e centros de innovación e tecnoloxía inclúen os seguintes conceptos:
a) O financiamento dun contrato laboral para realizar o doutoramento industrial durante un máximo de catro anos.
Os contratos deben ser a tempo completo no grupo de cotización 1 ou 2 da Seguridade Social, serán incompatibles coa vixencia de calquera outro contrato laboral por parte da persoa contratada e deberán axustarse á normativa laboral vixente. Se é o caso, será de aplicación a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación (BOE núm. 131, do 2 de xuño).
b) Un complemento anual por axuda destinado ás empresas e aos centros de innovación e tecnoloxía para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.
c) Unha axuda para cubrir outros gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial.
d) Estadías de tres meses de duración no estranxeiro para que, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, as persoas contratadas alcancen a mención de doutora ou doutor internacional.
As estadías terán que realizarse entre o 1 de outubro de 2027 e o 30 de setembro de 2028 e asegurar un grao de mobilidade e de internacionalización ao cal non se puidese acceder por formación académica anterior ou por outros factores tales como residencia, país de orixe ou nacionalidade, e en ningún caso poderá ocasionar un atraso na finalización dos estudos de doutoramento.
2. As axudas ás universidades estarán destinadas a cubrir os gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade.
Artigo 8. Duración, número e importe das axudas
1. As axudas serán para un período máximo de catro anos, que se contarán a partir da data da resolución de adxudicación das axudas ou da data do inicio do contrato, se esta é posterior á resolución.
2. Os contratos deben ser de carácter laboral, formalizaranse na modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de acordo coa lexislación vixente e deberán ter unha duración que, polo menos, abranga o período de execución da axuda.
3. No caso de que, con anterioridade á formalización do contrato, a persoa candidata gozase dalgunha axuda, pública ou privada, dirixida á súa formación predoutoral ou no marco do Estatuto do persoal investigador en formación, aprobado polo Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación (BOE núm. 64, do 15 de marzo), a duración da axuda desta convocatoria reducirase no tempo equivalente. A resolución de minoración correspóndelle á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Para tal efecto, as persoas candidatas propostas deberán comunicar ao órgano instrutor, antes da sinatura do contrato, a través da entidade solicitante, a percepción doutras axudas, así como proporcionarlle a información que lles sexa requirida.
En ningún caso, a axuda que se conceda poderá ter unha duración inferior a 24 meses.
4. O número máximo das axudas concedidas será de quince (15).
O número máximo de persoas non comunitarias que poderán obter este tipo de axudas é de unha (1), sen que exista obriga de adxudicar necesariamente unha axuda a este colectivo en cada convocatoria.
Do número total de axudas que se convocan resérvase unha (1) para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existiren axudas non cubertas no grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.
5. A contía das axudas será:
a) Para a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía:
a.1) Custos para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial:
i) Custos de contratación da persoa doutoranda. O importe máximo de cada axuda é de 24.600 € para a primeira e segunda anualidade; 25.200 € para a terceira e 30.600 € para a cuarta. Este importe soamente poderá ir destinado ao financiamento dun contrato a tempo completo, incluíndo os seus custos sociais, aplicado á persoa seleccionada para a realización da tese de doutoramento no marco do proxecto de doutoramento industrial. Independentemente da modalidade de contratación elixida, a retribución mínima da persoa contratada non poderá ser inferior á indicada no artigo 7 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación.
A entidade beneficiaria deberá achegar a diferenza entre a axuda percibida e contía do contrato formalizado.
ii) Establécese un complemento de 1.000 € anuais por axuda para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.
iii) Outros gastos relacionados co proxecto de doutoramento industrial: ata un máximo de 5.000 € anuais. Os gastos que se consideran elixibles son os seguintes:
1) Gastos de viaxe e axudas de custo da persoa doutoranda para a actividade obxecto da axuda.
2) Pequeno equipamento inventariable e material funxible.
3) Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.
4) Gastos de servizos tecnolóxicos externos relacionados co proxecto de doutoramento industrial.
5) Gastos de formación relacionados co proxecto de doutoramento industrial.
a.2) Adicionalmente aplicarase unha axuda para a realización de estadías no estranxeiro de tres meses de duración de acordo co establecido polo Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, co obxectivo de contribuír á formación da persoa doutoranda. Esta axuda financiarase nun pagamento único no exercicio 2028, logo de xustificación da estadía realizada, e o seu importe máximo será de 6.000 € modulable en función do destino da estadía, de acordo coa seguinte distribución:
a. Zona 1: 2.000 €, se a estadía se realiza en Portugal ou Andorra.
b. Zona 2: 4.000 €, se a estadía se realiza en Europa (excepto Portugal e Andorra), África ou América, excepto EUA e Canadá.
c. Zona 3: 6.000 €, se a estadía se realiza en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía.
Durante o período de estadía, a entidade beneficiaria terá que subscribir para cada persoa investigadora un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.
b) Para as universidades do SUG:
O importe máximo da axuda concedida á universidade para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial será de 10.000 € anuais como axuda ás universidades públicas do SUG polos gastos de matrícula, de mobiliario, de equipamento, de investigación, gastos de dirección e titorización da investigación, gastos de viaxe e axudas de custo da persoa doutoranda para a actividade obxecto da axuda, gastos informáticos, gastos de servizos externos, asistencia a congresos relacionados co proxecto de doutoramento, gastos de formación relacionados co proxecto de doutoramento, gastos de dirección e titorización da investigación.
Esta axuda ratearase en cada anualidade en función do tempo de permanencia no programa.
En ningún caso serán exixibles á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.
Artigo 9. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. A empresa ou o centro de innovación e tecnoloxía presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Todos os requisitos exixidos para adquirir a condición de beneficiarias das axudas, tanto para as empresas e centros de innovación e tecnoloxía como para as persoas candidatas aos contratos de doutoramento industrial e as universidades públicas do SUG, deberán cumprirse na data de peche de solicitudes.
Esta exixencia inclúe, para as persoas candidatas, estar xa matriculadas, admitidas ou cumprir os requisitos para poder matricularse nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG.
3. A axuda deberá ser solicitada por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía de acordo cunha universidade e ambas deberán presentar o convenio de colaboración para desenvolver o proxecto de doutoramento industrial que contratará a persoa doutoranda ou unha declaración de compromiso asinada de achegar o devandito convenio segundo o modelo que se achega como anexo IV.
4. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, coa condición de que cumpra os requisitos exixidos. De presentarse máis dunha solicitude da mesma entidade coa mesma persoa candidata terase en conta a última solicitude presentada e consideraranse as outras solicitudes como desistidas.
5. Se opta á axuda para estadías, deberá indicar este aspecto e a zona a que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para estadías.
6. Só poderá presentarse unha solicitude para cada proxecto dentro da convocatoria do programa Doutoramentos industriais.
Artigo 10. Documentación complementaria
Para seren admitidas na convocatoria, as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
1. Memoria relativa ao proxecto de doutoramento industrial, á experiencia da entidade solicitante e á adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas da RIS3 Galicia 2021-2027 no modelo que se xunta como anexo III. Non se admitirá nin será valorada a presentación da memoria nun documento independente.
A falta de presentación do anexo III dentro do período de admisión de solicitudes non se considera emendable e acordarase de oficio a inadmisión da solicitude. Do mesmo xeito, non se admitirán melloras, adicións ou substitución da memoria con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, coa excepción de defectos de índole formal, dos cales si se permite a súa corrección.
2. Convenio de colaboración, coas especificacións mínimas que se establecen no artigo 20 ou declaración de compromiso asinado entre a entidade solicitante e a universidade de achegar o devandito convenio de colaboración segundo o modelo que se xunta como anexo IV.
3. No caso de que o asinante da solicitude non actúe como administrador único para a representación da entidade, deberá achegar documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica (escrituras, poder con verificación de suficiencia, entre outros).
4. Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores no momento da solicitude, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:
a) Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
b) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
1º. Certificación emitida por un profesional da auditoría inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que inclúa transcrición desagregada da información en materia de pagamentos recollida na memoria das últimas contas anuais auditadas, sempre que delas se desprenda que se cumpre o nivel de pagamento establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, de acordo coa disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo. Esta certificación será válida ata a auditoría das contas anuais do exercicio seguinte.
2º. No caso de non ser posible emitir a certificación anterior, informe de procedementos acordados (IPA), elaborado por un profesional da auditoría inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, baseado na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores nunha data de referencia, que conclúa sen detectar excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, ou que, no caso de detectarse, estas non impidan acadar o nivel de cumprimento requirido.
5. Documentación relativa á persoa candidata doutoranda:
a) Anexo V. Declaración asinada pola persoa candidata doutoranda industrial a ser destinataria da axuda.
b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, segundo o anexo VI.
c) Certificación da universidade asinada pola persoa titular do vicerreitorado competente en materia de investigación ou persoa en quen delegue, conforme o modelo normalizado do anexo VII, en que se fagan constar os seguintes aspectos:
1º. Programa de doutoramento en que está matriculada ou admitida a persoa candidata no curso 2025/26, ou que a persoa candidata cumpre cos requisitos de titulación e nota media necesarios para poder acceder a un programa de doutoramento no curso 2026/27.
2º. Título de grao ou equivalente, incluídos aqueles obtidos en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES, empregado ou que se vai empregar para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.
Tamén se deben facer constar, se é o caso, os estudos de máster universitario ou equivalente que se empreguen para formalizar a matrícula no programa de doutoramento.
3º. Nota media con que se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:
– No caso de ensinanzas dirixidas á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valoraranse a totalidade dos créditos ou materias superadas.
– No caso de ensinanzas dirixidas á obtención do título de graduado/a de menos de 300 créditos, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a e mestre/a, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no máster ou equivalente. Débense ter completado polo menos 300 créditos no conxunto dos estudos universitarios de grao ou primeiro ciclo e de máster ou equivalente. O cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:
(X*C1+M*C2)/(C1+C2)
Onde:
X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.
M: nota media obtida no máster ou equivalente.
C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.
C2: créditos superados no máster ou equivalente.
– A nota media do expediente académico para títulos obtidos en sistemas universitarios estranxeiros debe calcularse de acordo co disposto na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Universidades, pola que se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas polas resolucións do 21 de marzo de 2016 e do 20 de xuño de 2016. A información pode consultarse na seguinte ligazón:
https://www.universidades.gob.es/equivalencia-de-notas-medias-de-estudios-universitarios-realizados-en-centros-extranjeros/
A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade en que está matriculada no programa de doutoramento para o cálculo da nota con que se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia corresponde á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para darlle validez a esta, polo que soamente será válida se está acompañada do certificado académico oficial orixinal, ou fotocopia compulsada e, se é o caso, da tradución correspondente.
En todos os casos, a nota con que se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.
Se a nota media certificada non ten os catro decimais, considerarase que os díxitos que faltan son ceros ata completar os catro díxitos decimais.
4º. A pertenza da persoa directora ou codirectora da tese a:
– Un grupo dirixido por persoal investigador con traxectoria excelente que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025.
– Un grupo con potencial de crecemento que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025.
– Un centro co recoñecemento de centro colaborativo pola Xunta de Galicia.
– Un grupo de referencia competitiva que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025.
– Un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia.
– Un centro acreditado de excelencia (CIGUS) pola Xunta de Galicia.
– O departamento a que pertence con indicación do seu nome.
d) Acreditación da aprobación do plan de investigación pola comisión académica do programa Doutoramentos industriais correspondente ou declaración responsable da persoa candidata de que a documentación presentada se corresponde co plan de investigación que se vai someter á aprobación da comisión académica no caso de ser seleccionada como destinataria desta axuda.
e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 5 sobre as datas de finalización dos estudos, de ser o caso.
f) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata no caso de que non fose expedido pola Administración autonómica.
6. Ademais, poderanse acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 14.1.f) e g) relativos á persoa candidata valorables e non excluíntes polo que se regulan os criterios de valoración das solicitudes, e haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:
a) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira en que figure expresamente o nivel alcanzado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas. Só serán aceptados os títulos, diplomas ou certificados recoñecidos pola Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES), segundo a revisión feita o 28 de xullo de 2025.
b) Certificado da persoa candidata de gozar dunha bolsa ou prácticas en empresas ou centros de innovación e tecnoloxía. Non se avaliarán as prácticas curriculares de titulacións académicas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
9. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) DNI/NIE da persoa candidata á axuda.
d) NIF da entidade solicitante.
e) NIF da entidade representante.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
i) Vida laboral da persoa candidata dos últimos 5 anos.
j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Concesións pola regra de minimis.
l) Concesións de subvencións e axudas.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
Certificado de discapacidade da persoa candidata expedido pola Administración autonómica.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Instrución do procedemento
1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección da Axencia Galega de Innovación.
2. O órgano instrutor comprobará que todas as solicitudes estean debidamente cubertas e que se achegue a documentación exixida e, unha vez revisadas, exporán a lista provisional das solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.
3. Esta lista estará exposta no seguinte enderezo electrónico (http://gain.xunta.gal) por un período de dez (10) días hábiles e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular alegacións, emendar os erros ou a falta de documentos das persoas interesadas ante a Dirección da Axencia Galega de Innovación. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditará unha resolución pola que se aproba a lista definitiva das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no seguinte enderezo electrónico: http://gain.xunta.gal
Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante a Presidencia da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada serán causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Artigo 14. Criterios de valoración
1. Os criterios e o baremo que rexerán no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:
a) Expediente académico: nota media segundo os criterios sinalados no artigo 10.5.c). Esta nota media do expediente académico, aproximada a catro decimais, multiplicada por 1,5. Puntuación máxima 15 puntos.
b) Persoa designada para dirixir ou codirixir a tese nas universidades do SUG. Puntuación máxima 15 puntos:
– Pertenza a un grupo dirixido por persoal investigador con traxectoria excelente que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025: 5 puntos.
– Pertenza a un grupo con potencial de crecemento que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025: 5 puntos.
– Pertenza a un centro co recoñecemento de centro colaborativo pola Xunta de Galicia: 7,5 puntos.
– Pertenza a un grupo de referencia competitiva que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025: 10 puntos.
– Pertenza a un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia: 12 puntos.
– Pertenza a un centro acreditado de excelencia (CIGUS) pola Xunta de Galicia: 15 puntos.
Só se valorará unha das epígrafes, de xeito que non son acumulativas entre si.
c) Para as empresas ou centros de innovación e tecnoloxía. Puntuación máxima 15 puntos:
– Ser beneficiario ou participar no desenvolvemento de actividades financiadas pola Axencia Galega de Innovación entre os anos 2021 e 2025: ata un máximo de 5 puntos.
– Ter experiencia na execución de contratos de I+D universidade-empresa entre os anos 2021 e 2025: ata un máximo de 8 puntos.
– Ter experiencia na execución de proxectos de I+D colaborativos entre os anos 2021 e 2025: ata un máximo de 10 puntos.
– Ter participado en proxectos concedidos polo Programa marco, entre os anos 2021 e 2025, en que a entidade solicitante participase en calidade de socio e recibise financiamento pola súa participación: ata un máximo de 10 puntos.
– Ter participado en proxectos concedidos polo Programa marco, entre o anos 2021 e 2025, en que a entidade solicitante participase en calidade de líder e recibise financiamento pola súa participación: ata un máximo de 15 puntos.
Só se valorará unha das epígrafes, de xeito que non son acumulativas entre si. O dito criterio avaliarase exclusivamente coa información indicada pola entidade solicitante no anexo III baixo a epígrafe: Acreditación da empresa ou centro de innovación da experiencia en investigación colaborativa e competencia para o desenvolvemento do proxecto proposto.
No caso de discrepancia entre a información contida no anexo III da solicitude e a demais documentación presentada, terase en conta para os efectos da valoración a información contida no anexo III.
d) Proxecto de doutoramento industrial que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a. Puntuación máxima 35 puntos:
– Obxectivos e contidos básicos do traballo: ata un máximo de 10 puntos.
– Viabilidade do proxecto proposto: ata un máximo de 5 puntos.
– Valor singular, impacto socioeconómico potencial e impacto sobre a I+D da empresa: ata un máximo de 6 puntos.
– Avance no coñecemento e impacto científico-técnico que supón a tese doutoral: ata un máximo de 5 puntos.
– Metodoloxía e planificación temporal: ata un máximo de 4 puntos.
– Transferencia de resultados: ata un máximo de 5 puntos.
e) Adaptación do proxecto de doutoramento industrial a un reto, prioridade e área de priorización da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3 Galicia), de acordo co indicado no anexo I desta orde, de 0 ou 10 puntos, de acordo coa seguinte desagregación:
– No caso de que non se adecúe, en particular, a un reto, prioridade e ámbito de priorización consecuente, ou se corresponde a un proxecto de investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento: 0 puntos.
– Adecuado: 10 puntos.
A valoración das epígrafes d) e e) será realizada por un equipo avaliador formado por persoas expertas, para o que se poderá contar, entre eles, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) a partir da información indicada no artigo 10.1 (anexo III).
f) Nivel de coñecemento da persoa candidata dalgunha lingua estranxeira segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (non se considerará lingua estranxeira a do país de orixe ou de nacionalidade nin ningunha das linguas cooficiais en cada comunidade autónoma):
– B2 ou equivalente: 1 punto.
– C1 ou equivalente: 3 puntos.
– C2 ou equivalente: 5 puntos.
Poderán sumarse as puntuacións correspondentes a varios certificados de linguas diferentes, pero non se acumularán as puntuacións de diferente nivel dunha mesma lingua. A puntuación máxima desta epígrafe será de 5 puntos.
g) Ter gozado a persoa candidata dunha bolsa ou prácticas nunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía: 5 puntos.
Non se avaliarán as prácticas curriculares de titulacións académicas.
A puntuación final obterase coa suma das puntuacións obtidas en cada apartado. Esta, cos seus valores desagregados, figurará na acta da Comisión de Selección e será remitida ao órgano instrutor.
Artigo 15. Comisión de Selección
1. A Comisión de Selección estará constituída por oito membros:
– Presidente/a:
A persoa directora da Área de Talento e Transferencia da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.
– Presidente/a suplente:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue.
– Vogais:
• Unha persoa directora de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.
• A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue.
• Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.
• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas pola presidenta ou polo presidente da Comisión de Selección.
– Persoa secretaria:
Unha xefa ou un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación.
2. As solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e as prazas adxudicaranse respectando, en todo caso, o establecido no artigo 8.4.
3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente se produza unha igualdade de puntuación, utilizaranse os seguintes criterios de desempate:
1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes, conforme o disposto na disposición adicional segunda.
2º. A solicitude da persoa candidata que obteña maior puntuación na valoración do proxecto de doutoramento industrial (artigo 14.1.d).
3º. A solicitude da persoa candidata que concorre a esta convocatoria con maior nota media, calculada de acordo co punto 3º do artigo 10.5.c) e certificada pola universidade no anexo VII.
4. Tendo en conta os puntos anteriores, a Comisión de Selección recollerá na súa acta a súa proposta dirixida ao órgano instrutor, coa relación de entidades candidatas a ser destinatarias das axudas especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no artigo 14.
A Comisión de Selección distribuirá as axudas de maneira que garanta un mínimo de 12 beneficiarios na categoría de empresas e 3 beneficiarios na categoría de centros de innovación e tecnoloxía, salvo que non haxa solicitudes suficientes en cada categoría.
Sempre que o número de solicitudes avaliadas positivamente o permita, a Comisión de Selección incluirá na información da súa acta dúas listas de espera, unha para a categoría de empresas e outra para a categoría de centros de innovación e tecnoloxía, en que figurarán por orde decrecente de puntuación final as solicitudes que non alcancen a puntuación suficiente para ser adxudicatarias da axuda, pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. A lista estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.
Para avaliar os aspectos científico-técnicos e de potencial transferencia asociados ás solicitudes no proceso de selección, a Axencia Galega de Innovación e a Secretaría Xeral de Universidades poderán solicitar o asesoramento de expertos nas materias específicas que se considere necesario.
5. A proposta de resolución de concesión da axuda formulada polo órgano instrutor a partir do recollido na acta da comisión, así como, se é o caso, a lista de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, na epígrafe de axudas do seguinte enderezo electrónico: http://gain.xunta.gal. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible. Esta publicación terá soamente efectos informativos.
Artigo 16. Resolución de concesión das axudas
1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución de concesión da axuda, que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a persoa seleccionada co importe da axuda concedida e a lista de espera, se é o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. A Axencia Galega de Innovación asumirá o financiamento das empresas e centros de innovación e tecnoloxía e con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG.
2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), pola cal se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
A resolución publicarase no prazo máximo de catro (4) meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
3. Calquera modificación dos termos polos que a axuda foi concedida terá que ser comunicada e autorizada pola Dirección da Axencia Galega de Innovación ou pola Secretaría Xeral de Universidades.
4. Na resolución de concesión ás empresas informarase sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L).
Artigo 17. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse soamente por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 18. Aceptación da axuda
Unha vez asinada a resolución, as empresas e os centros de innovación e tecnoloxía beneficiarios deberán remitir á Axencia Galega de Innovación e as universidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades un escrito de aceptación da axuda no prazo de dez (10) días contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.
Artigo 19. Contrato de traballo
1. Os contratos de doutoramento industrial deberán estar formalizados coas persoas candidatas seleccionadas na data do inicio da axuda, que será a indicada na resolución de adxudicación.
2. No caso dos contratos formalizados con anterioridade á resolución de adxudicación das axudas, deberá incorporarse mediante unha addenda contractual o exposto no punto seguinte, agás o exposto na alínea b).
3. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:
a) Ao seu financiamento con cargo ás axudas de apoio ao programa Doutoramentos industriais da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada.
c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación do servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo. Non serán aceptables mencións «segundo convenio» ou similares.
4. A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.
Artigo 20. Convenio de colaboración
Para concretar a colaboración no desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial as partes académica e empresarial deben asinar un convenio que reflicta, como mínimo, os aspectos seguintes:
– A identificación do proxecto e os seus obxectivos científico-técnicos.
– A identificación da persoa doutoranda candidata para desenvolver a tese no marco do proxecto anterior, indicando os criterios consensuados para a súa selección e o programa de doutoramento en que formalizará a correspondente matrícula ou admisión.
– A identificación da persoa directora académica da tese e do responsable técnico do proxecto por parte das entidades beneficiarias.
– Os deberes científicos, técnicos e metodolóxicos que contraen as partes, así como as responsabilidades económicas destas condicionadas á concesión do programa.
– A organización e distribución do tempo de traballo da persoa doutoranda entre ambas as institucións, na consideración de que o proxecto de doutoramento industrial se caracteriza por realizarse nunha contorna dual, empresarial e académica, así como o réxime de dedicación aos estudos de doutoramento que ten asignados a persoa candidata.
– Se é o caso, establecer os criterios de recoñecemento entre o persoal beneficiario dos dereitos de propiedade industrial que se puideren xerar no proxecto, velando por que as persoas doutorandas contratadas se beneficien da eventual explotación dos resultados de I+D mediante unha adecuada protección xurídica, especialmente en materia de protección de dereitos de propiedade intelectual e de autor.
– Habilitar os procedementos adecuados para asegurar a confidencialidade da información e resultados para asegurar a non publicidade dos contidos sensibles derivados do proxecto, sen prexuízo da súa utilización por parte da persoa doutoranda para a realización e defensa da súa tese, en virtude da normativa aplicable aos estudos de doutoramento.
Artigo 21. Documentación que se debe entregar para a realización da estadía
No caso de solicitar a axuda para estadía, antes do 30 de xuño de 2027 a entidade beneficiaria deberá remitir á Axencia Galega de Innovación e á Secretaría Xeral de Universidades, a seguinte documentación:
a) Plan de traballo asinado pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora da tese.
b) Carta de aceptación do centro de destino asinada pola persoa directora do centro ou figura equivalente. O centro de destino deberá estar situado nun país incluído na zona que se indicou na solicitude e pola que se concedeu a axuda.
c) Autorización de ausencia da entidade beneficiaria.
Antes do inicio do período da estadía, a Axencia Galega de Innovación e a Secretaría Xeral de Universidades publicarán nas súas páxinas web a relación de persoas que gozarán da estadía, con indicación da entidade contratante, o país e a zona de destino.
Artigo 22. Libramento da subvención
1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas doutorandas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa comunitaria e nacional de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.
2. Na anualidade de 2026 realizarase con carácter anticipado o libramento da axuda correspondente ao financiamento do contrato laboral dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2026, e unicamente se deberá presentar a documentación que figura na táboa do número 4. No caso de que a xustificación dos ditos gastos sexa inferior á cantidade anticipada e dea lugar a unha minoración da subvención, detraerase do importe para pagar, de ser o caso, da primeira xustificación da anualidade de 2027.
Para o resto das anualidades, os aboamentos efectuaranse en concepto de pagamentos á conta, de conformidade co disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, seguindo o calendario de libramentos do número 4 deste mesmo artigo.
3. Para librar a axuda, as empresas ou centros de innovación e tecnoloxía deberán presentar a seguinte documentación nos termos e nos prazos que se indican a seguir:
a) Modelo de solicitude de pagamento, que estará á súa disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas, en que constarán as seguintes declaracións responsables:
1ª. Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.
2ª. Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante o período dos tres anos previos.
3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.
b) No caso de que as/os beneficiarias/os deneguen expresamente ou se opoñan á consulta por parte do órgano xestor das certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, deberán achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.
c) Contrato de traballo.
d) Memoria de seguimento asinada pola persoa doutoranda e pola persoa directora ou codirectora da tese.
e) Convenio ou acordo de colaboración asinado para desenvolver o proxecto de doutoramento industrial que contratará a persoa doutoranda.
f) Informe favorable da Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD) correspondente.
g) Acreditación da aprobación do plan de investigación pola CAPD. O plan de investigación aprobado debe ser o mesmo que presentou a persoa candidata na fase de solicitude.
h) Copia das nóminas aboadas á persoa contratada, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento.
i) Certificado de dedicación exclusiva ao proxecto asinado pola persoa doutoranda e pola persoa directora ou codirectora da tese durante o período de xustificación.
j) Certificación das estadías realizadas a través da memoria das actividades realizadas na estadía asinada pola persoa contratada co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, e certificado do centro receptor no caso daquelas persoas contratadas ás cales se lles concedese a axuda para estadías desta convocatoria.
k) Certificación da universidade que acredite a matriculación da persoa doutoranda seleccionada no programa de doutoramento industrial correspondente
4. A documentación indicada entregarase conforme a seguinte periodización:
|
Xustificación |
Documentación que hai que presentar |
Data límite presentación |
|
1ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b) e c) do número 3 deste artigo. |
10 días naturais a partir do día seguinte ao da sinatura do contrato |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Gastos da persoa contratada de setembro 2026 a decembro de 2026 (ambos incluídos). – Complemento anual da persoa contratada. |
||
|
2ª xustificación |
A documentación indicada na alínea h) do número 3 deste artigo das mensualidades de setembro de 2026 a decembro de 2026 (ambas incluídas). |
31 de xaneiro de 2027 |
|
3ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), e), h), k) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de abril de 2027 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Complemento anual da persoa contratada. – Gastos da persoa contratada de xaneiro de 2027 a marzo 2027 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2026 a marzo 2027 (ambos incluídos). |
||
|
4ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), d), g), h), i) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de setembro de 2027 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Gastos da persoa contratada de abril de 2027 a agosto 2027 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro de 2026 a agosto de 2027 (ambos incluídos). |
||
|
5ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), h) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de abril de 2028 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Complemento anual da persoa contratada – Gastos da persoa contratada de setembro 2027 a marzo 2028 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2027 a marzo 2028 (ambos incluídos). |
||
|
6ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), d), f), h), i), j) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de setembro de 2028 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Gastos da persoa contratada de abril 2028 a agosto 2028 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2027 a agosto 2028 (ambos incluídos). – Complemento estadías. |
||
|
7ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), h) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de abril de 2029 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Complemento anual da persoa contratada – Gastos da persoa contratada de setembro 2028 a marzo 2029 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2028 a marzo 2029 (ambos incluídos). |
||
|
8ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), d), f), h), i) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de setembro de 2029 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Gastos da persoa contratada de abril 2029 a agosto de 2029 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2028 ata agosto de 2029 (ambos incluídos). |
||
|
9ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), h) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica no número 5 deste artigo. |
30 de abril de 2030 |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Gastos da persoa contratada de setembro de 2029 a marzo de 2030 (ambos incluídos). – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2029 a marzo de 2030 (ambos incluídos) |
||
|
10ª xustificación |
A documentación indicada nas alíneas a), b), d), h), i) do número 3 deste artigo e a documentación que se indica nos números 5 e 6 deste artigo. |
1 mes desde a finalización da axuda |
|
Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos: – Gastos da persoa contratada de abril 2030 ata a finalización da axuda. – Gastos do proxecto de doutoramento industrial de setembro 2029 ata a finalización da axuda. |
5. Para a xustificación da axuda para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial, a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía deberá achegar a documentación correspondente en cada unha das xustificacións presentadas pola entidade beneficiaria, que terá que incluír os seguintes documentos:
a) Documentación xustificativa do gasto: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados.
Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.
b) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.
Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.
No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, achegarase unha relación detallada destas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.
En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
6. Xunto coa última xustificación, a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía presentará:
a) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, correspondente á propia entidade beneficiaria.
b) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa (no caso de que a persoa candidata non autorizase a súa consulta).
c) Memoria final do traballo realizado asinado pola persoa contratada, co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, que recolla os puntos indicados no artigo 28.3.
No caso de que a persoa contratada renuncie antes do final do período da axuda, a copia da vida laboral e a memoria final do traballo realizado presentarase dentro do prazo dun mes desde a súa renuncia.
7. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.
8. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
9. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente. A suma dos pagamentos á conta poderá ser superior ao 80 % da axuda concedida, con base na autorización polo Consello da Xunta de Galicia, e non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario conforme o previsto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Decreto 11/2009.
10. Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, por tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.
11. Para a xustificación da axuda para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial, as universidades do SUG deberán achegar a documentación á Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, antes do 30 de setembro das anualidades 2027, 2028, 2029 e 2030, e terá que incluír os seguintes documentos:
a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
b) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigacións tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no caso de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.
c) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.
Calendario de xustificacións:
|
Xustificación |
Período que se xustifica |
Data de presentación da xustificación |
|
1 |
Setembro 2026 a agosto 2027 |
Antes do 30 setembro 2027 |
|
2 |
Setembro 2027 a agosto 2028 |
Antes do 30 setembro 2028 |
|
3 |
Setembro 2028 a agosto 2029 |
Antes do 30 setembro 2029 |
|
4 |
Setembro 2029 a agosto 2030 |
Antes do 30 setembro 2030 |
De existiren prórrogas dos contratos polos motivos regulados no artigo 26 desta orde e prolongarse as xustificacións deste punto máis aló do número 4, as xustificacións posteriores deberán presentarse antes do 30 de setembro do exercicio corrente e xustificarase o período que vai de setembro do ano anterior a agosto do exercicio corrente.
Artigo 23. Réxime de compatibilidade
1. As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.
2. Os contratos que se formalicen con cargo a estas axudas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e, en xeral, coa percepción de calquera contía que teña natureza salarial. No entanto, a persoa contratada poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).
3. Períodos de ausencia temporal da empresa ou do centro de innovación e tecnoloxía:
3.1. No caso de ausencias temporais de ata sete (7) días da persoa contratada, será necesaria a autorización da entidade contratante, pero non é necesaria comunicación á Axencia Galega de Innovación.
3.2. As ausencias temporais de máis de sete (7) días non financiadas nesta convocatoria, conten ou non con algún tipo de financiamento, deberán ser autorizadas pola Axencia Galega de Innovación. Nestes casos será preciso que a entidade beneficiaria presente, xunto coa solicitude de autorización, unha breve memoria descritiva dos traballos, asinada pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, con indicación expresa de que son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.
Os períodos de ausencia temporal en ningún caso poderán superar os seis (6) meses ao longo dos catro (4) anos de contrato nin poderán superpoñerse cos últimos seis (6) meses de contrato, salvo circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.
4. A persoa contratada ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes ata un máximo de 30 horas anuais, con autorización previa da universidade en que se vaian realizar as tarefas docentes e coa aprobación da persoa directora da tese.
Esta colaboración realizarase en docencia de máster (preferiblemente) ou grao e non poderá supor a substitución da docencia do profesorado responsable da materia, e deberá facerse en coordinación e en paralelo co responsable docente. En ningún caso a persoa contratada con cargo a estas axudas poderá ser responsable ou coordinadora da materia.
5. No momento en que algunha das persoas contratadas realice a lectura da súa tese de doutoramento, as entidades beneficiarias deberán comunicarllo á Axencia Galega de Innovación e á Secretaría Xeral de Universidades, indicando, no caso de gozar da axuda por estadía, se obtivo a mención de doutor ou doutora internacional, no prazo dos quince (15) días seguintes.
Artigo 24. Modificación da resolución de concesión de axudas
Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a persoa beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación).
Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou nas demais normativas aplicables, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obrigación da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.
2. Os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará, no marco do artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán os seguintes:
a) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.
b) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.
c) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.
d) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.
e) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 26. Renuncia das axudas e interrupcións
1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria ou a persoa doutoranda deberá comunicala mediante escrito motivado dirixido á Axencia Galega de Innovación ou á Secretaría Xeral de Universidades, se é o caso, dentro do prazo máximo de quince (15) días desde que se produza.
2. As entidades beneficiarias que renuncien ás axudas deberán presentar a documentación xustificativa correspondente ata a data de renuncia para proceder, se é o caso, coa tramitación do libramento do pagamento da parte proporcional da axuda executada.
3. A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre que a renuncia se produza antes do 1 de febreiro de 2027. Para cubrir as renuncias seguirase estritamente a orde de prelación establecida nas listas de espera definidas no artigo 15.4.
A duración das novas axudas concedidas procedentes da lista de espera axustarase segundo as seguintes condicións:
a) Se na axuda obxecto da renuncia a persoa candidata non chegou a formalizar o contrato ao abeiro desta convocatoria, a nova axuda que se conceda terá a duración máxima establecida no artigo 8.1 desta orde.
b) Se na axuda obxecto da renuncia a persoa candidata chegou a formalizar o contrato coa entidade beneficiaria e desenvolveu unha parte deste, na nova axuda que se conceda haberá que restar este tempo desenvolvido á duración máxima indicada no artigo 8.1.
En todo caso, as novas axudas concederanse segundo as características da solicitude presentada, agás no referente ao seu tempo de duración, conforme o indicado nos parágrafos anteriores.
4. A renuncia á condición de beneficiaria dunha das entidades asociadas comporta a renuncia da outra entidade beneficiaria participante no proxecto, por deixar de cumprir os requisitos exixidos nesta orde.
5. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:
a) Nacemento.
b) Adopción.
c) Garda con fins de adopción ou acollemento.
d) Risco durante o embarazo.
e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.
f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.
g) Incapacidade temporal por causas distintas ás da letra anterior por un período mínimo dun mes.
h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, como medida de protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.
6. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de dez (10) días hábiles desde que esa baixa se produza.
7. A interrupción e a prórroga indicadas deberán ser autorizadas pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, que poderá solicitar os informes que considere oportunos. A entidade correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o devandito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.
8. Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non deben incluírse nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción, para os efectos recollidos nesta convocatoria.
Esta autorización en ningún caso supón un aumento na contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será a cargo da entidade beneficiaria.
Artigo 27. Dereitos e obrigacións
1. Son deberes xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:
a) Cumprir as condicións e obrigacións establecidas nesta convocatoria.
b) Manter unha pista de auditoría suficiente e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes durante un período de tres anos.
c) Formalizar un contrato acorde coa lexislación laboral vixente con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.
d) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.
e) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. As empresas e os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría ao obxecto de que cumpran as súas obrigas.
f) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.
g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir todas as obrigas que asumen ao aceptar a axuda regulada por estas bases.
h) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (ex post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.
2. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigacións e dereitos:
a) Cumprir as condicións e obrigacións establecidas nesta convocatoria.
b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.
c) Presentar a memoria final do traballo realizado a que se fai referencia no artigo 28.3 desta convocatoria.
d) Ademais dos dereitos de carácter xeral que se sinalan no artigo 28 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, as persoas contratadas mediante estas axudas teñen dereito a beneficiarse dos dereitos de carácter laboral, así como dos relativos á Seguridade Social, que deriven do contrato que formalicen coa empresa ou centro de innovación e tecnoloxía.
3. Son obrigas específicas de publicidade, tanto para as entidades beneficiarias como para as persoas contratadas, as seguintes:
Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para iso, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do programa Doutoramentos industriais da Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional), acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.
Artigo 28. Control
1. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá levar a cabo as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Antes do final de cada ano de contrato, cada entidade remitirá o informe favorable da CAPD e da persoa directora por parte da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía, xunto coa proposta de renovación e a prórroga do contrato, se é o caso.
3. Cando a persoa contratada abandone o programa, ben por renuncia, ben por finalizar o período de permanencia nel, a entidade beneficiaria remitirá unha memoria asinada pola persoa contratada e pola persoa directora ou codirectora da tese, no prazo dun mes desde a extinción da relación laboral, en que consten os seguintes aspectos:
a) Data de lectura da tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non lela.
b) Indicación de se alcanzou a mención de doutor ou doutora internacional ou non, no caso de gozar da axuda para estadía.
c) Breve resumo dos principais obxectivos de investigación alcanzados.
d) Estadías ou ausencias temporais realizadas.
e) Melloras do currículo durante a etapa en que gozou da axuda.
4. A Axencia Galega de Innovación poderá solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e, en particular, sobre as persoas contratadas, a lectura da súa tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non lela, e a situación actual do persoal contratado. Este informe poderá ser solicitado durante os dous anos seguintes á data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.
5. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.
Artigo 29. Dotación orzamentaria
1. As axudas deste procedemento administrativo, que ten como código IN606D, imputaranse ás aplicacións orzamentarias 07.02.561B.744.0, 07.A2.561A.470.0, 07.A2.561A.480.0, 07.A2.561A.770.0 e 07.A2.561A.781.0, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, coa seguinte distribución por anos:
|
Entidade beneficiaria |
Nº de axudas |
Aplicación/s orzamentarias e códigos de proxecto |
Importe 2026 |
Importe 2027 |
Importe 2028 |
Importe 2029 |
Importe 2030 |
Total |
|
Empresas |
12 |
07.A2.561A.470.0 (2016 00004) |
110.400,00 € |
208.800,00 € |
379.200,00 € |
314.400,00 € |
367.200,00 € |
1.380.000,00 € |
|
07.A2.561A.770.0 (2016 00004) |
0,00 € |
60.000,00 € |
60.000,00 € |
60.000,00 € |
60.000,00 € |
240.000,00 € |
||
|
Centros de innovación e tecnoloxía |
3 |
07.A2.561A.480.0 (2016 00004) |
27.600,00 € |
52.200,00 € |
94.800,00 € |
78.600,00 € |
91.800,00 € |
345.000,00 € |
|
07.A2.561A.781.0 (2016 00004) |
0,00 € |
15.000,00 € |
15.000,00 € |
15.000,00 € |
15.000,00 € |
60.000,00 € |
||
|
Universidades do SUG |
15 |
07.02.561B.744.0 (2016 00129) |
0,00 € |
150.000,00 € |
150.000,00 € |
150.000,00 € |
150.000,00 € |
600.000,00 € |
|
Total |
138.000,00 € |
486.000,00 € |
699.000,00 € |
618.0000,00 € |
684.000,00 € |
2.625.000,00 € |
||
2. A Axencia Galega de Innovación financiará as axudas que correspondan ás empresas e centros de innovación e tecnoloxía e a Secretaría Xeral de Universidades financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG por importe de 600.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.561B.744.0 (código de proxecto 2016 00129), no marco do Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia vixente para as anualidades 2027, 2028, 2029 e 2030.
3. Na Axencia Galega de Innovación a distribución de fondos e as aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, se deberá axustar tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola Comisión de Selección. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.
4. De conformidade co citado artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, a alteración da distribución dos créditos entre aplicacións ou anualidades non precisará dunha nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto correspondente e da publicación da resolución de reaxuste nos mesmos medios que a convocatoria. Estes axustes ou reaxustes de distribución de fondos poderán realizarse mediante resolución da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
5. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria tras a declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Artigo 30. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN606D, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.
b) Nos teléfonos 981 33 71 36, 981 33 71 57 e 981 33 71 83 da citada axencia.
c) No enderezo electrónico axudastalentotransferencia.gain@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
3. De acordo co establecido no artigo 14.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Artigo 31. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigacións de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional primeira. Remisión normativa
Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve.
Disposición adicional segunda. Medidas de acción positiva para garantir a igualdade efectiva entre mulleres e homes
De conformidade co artigo 4 ter.2.b) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, os axentes públicos do Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación poderán aplicar medidas de acción positiva específicas a favor das mulleres para corrixir situacións de desigualdade de feito respecto dos homes, especialmente nos graos e niveis superiores da carreira investigadora, sempre que sexan razoables, proporcionadas e subsistan as devanditas situacións.
Na mesma liña, os artigos 84 e 85 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e dos artigos 33 e 35 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, avalan a adopción de medidas específicas a favor das mulleres para corrixir desigualdades de feito, neste caso no ámbito da investigación científica e técnica.
En consecuencia, e mentres persistan situacións de desigualdade de feito na participación das mulleres en determinados ámbitos do sistema científico e tecnolóxico, establécese como criterio de desempate preferente, entre persoas aspirantes que acaden a mesma puntuación final a preferencia das mulleres. Esta medida, enmarcada dentro das accións positivas permitidas pola lexislación vixente, ten como obxectivo acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no acceso e desenvolvemento da carreira investigadora.
Disposición adicional terceira. Órganos colexiados
O funcionamento dos órganos colexiados que se creen ou actúen no marco desta orde rexerase polo disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e, supletoriamente, polo previsto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Disposición adicional cuarta. Tramitación anticipada do gasto
Este expediente tramítase como anticipado de gasto conforme o disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. En todo caso, a disposición ou o compromiso de gastos quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas deste.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Habilítase a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación para ditar as resolucións que sexan necesarias para a correcta execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Recursos
Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5 de xuño de 2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
ANEXO I
Retos e prioridades da RIS3 para Galicia no período 2021-2027
|
Retos para transformar a economía e a sociedade galegas |
|
|
Reto 1. Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación |
|
|
Reto 2. Modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento |
|
|
Reto 3. Modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación |
|
|
Prioridades en que orientar a investigación e a innovación |
|
|
Prioridade 1 Sustentabilidade |
Desenvolver e aplicar diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia. Xerar oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables, competitivos internacionalmente, e que melloren o benestar das persoas. |
|
Prioridade 2 Dixitalización |
Apoiar o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais. |
|
Prioridade 3 Enfoque cara ás persoas |
Orientar os esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas. Consolidar Galicia como unha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e testaxe de novas oportunidades e solucións innovadoras. |
|
Ámbitos de priorización |
||||
|
Prioridade 1 |
Ámbito de priorización |
Reto 1 |
Reto 2 |
Reto 3 |
|
Sustentabilidade |
Biocombustible e enerxías renovables |
X |
X |
|
|
Biotecnoloxía agraria, mariña, industrial e ecolóxica |
X |
X |
||
|
Construción sustentable |
X |
|||
|
Descarbonización das cadeas de valor |
X |
X |
X |
|
|
Desenvolvemento de téxtiles sustentables |
X |
|||
|
Economía circular e simbiose industrial |
X |
X |
||
|
Eficiencia enerxética en procesos produtivos, en construción e en mobilidade |
X |
X |
X |
|
|
Materias primas, produtos, envases e embalaxes máis sustentables na cadea de valor alimentaria |
X |
X |
||
|
Mellora, preservación, xestión sustentable e posta en valor da biodiversidade |
X |
|||
|
Mobilidade urbana e rural |
X |
X |
||
|
Turismo e patrimonio cultural sustentable |
X |
|||
|
Prioridade 2 |
Ámbito de priorización |
Reto 1 |
Reto 2 |
Reto 3 |
|
Dixitalización |
Administración pública dixital |
X |
||
|
Desenvolvemento de competencias dixitais e educación dixital |
X |
|||
|
Desenvolvemento de propostas de valor ao redor dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos |
X |
|||
|
Fabricación avanzada e intelixente |
X |
|||
|
Redes intelixentes, flexibilidade e almacenamento enerxético |
X |
|||
|
Saúde dixital |
X |
|||
|
Soberanía tecnolóxica (desenvolvemento de coñecemento, tecnoloxías e aplicacións innovadoras propias) |
X |
X |
X |
|
|
Tecnificación e dixitalización do sector primario (agricultura, gandaría e forestal, pesca e acuicultura) e da industria mineira |
X |
|||
|
Xerontotecnoloxías |
X |
|||
|
Prioridade 3 |
Ámbito de priorización |
Reto 1 |
Reto 2 |
Reto 3 |
|
Enfoque cara ás persoas |
Alimentación humana saudable e funcional |
X |
||
|
Deporte, para a promoción da autonomía persoal e mellora da calidade de vida |
X |
|||
|
Desenvolvemento de téxtiles intelixentes para a saúde e o deporte |
X |
|||
|
Economía prateada e dos coidados |
X |
|||
|
Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión |
X |
|||
|
Novas solucións de hábitat e modelos de convivencia |
X |
|||
|
Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión |
X |
|||
|
Turismo saudable baseado en recursos naturais |
X |
|||
