DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 2 de marzo de 2026 Páx. 15913

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ponteceso (expediente IN407A 2025/179-1).

Expediente: IN407A 2025/179-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: Instalación dun reconectador na LMT CBA806, apoio proxectado.

Concello: Ponteceso.

Feitos:

1. O día 30.9.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de realizar melloras na calidade da subministración no lugar da Trabe, concello de Ponteceso, proxéctase a instalación dun elemento de seccionamento telecontrolado nun novo apoio de tipo metálico que substituirá un existente de formigón na liña de distribución de media tensión CBA806 Ponteceso 6 (expediente 50.616), procedente da subestación Cabana, e a instalación dunha liña soterrada de media tensión que conectará o tramo aéreo co tramo soterrado existente que alimenta os centros de transformación López Cao Aglomerado (15PGGK, 1.000 kVA) e Eduardo López Cao (15PCE7, 500 kVA).

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Instalación dun reconectador na LMT CBA806, apoio proxectado, asinado o día 8.8.2025 por Rubén Maceiras Sánchez, enxeñeiro técnico industrial, especialidade Electrónica Industrial, núm. colexiado 3.191 do Coeticor.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Ponteceso como entidade afectada. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co informe emitido no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 4.2.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar da Trabe, no concello de Ponteceso, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Novo apoio na LMT CBA806 Ponteceso 6 (expediente 50.616), procedente da subestación Cabana, tipo C-7000/16(7000/1200)-H35, en que se instalará un reconectador telecontrolado (RC), un PA/S e autoválvulas.

– Desmantelamento do apoio núm. 9NDGRR6A//27-1 (XS+Autov.+PAS).

– Desmantelamento do treito da LMTA a 20 kV, condutor LA-30, comprendido entre os apoios núm. 9NDGRR6A//27-1 e 9NDFAV31//27, desmontando neste último as cadeas de derivación.

– LMTS a 20 kV, de 9 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, con orixe no PA/S proxectado no novo apoio proxectado e remate nos empalmes que se realizarán na arqueta proxectada na liña que alimenta os CT López Cao Aglomerado (15PGGK, 1.000 kVA) e CT Eduardo López Cao (15PCE7, 500 kVA).

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

– De ser o caso, acreditación ou declaración de que o proxecto se atopa dentro dalgunha das excepcións de aplicación do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, ou das indicadas na Guía técnica de interpretación do Regulamento (UE) 2024/573 nos puntos relativos á aparellaxe eléctrica.

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 6 de febreiro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña