DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 4 de marzo de 2026 Páx. 16257

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANUNCIO do 3 de marzo de 2026 polo que se somete a información pública o proxecto de interese autonómico para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Arteixo (A Penouqueira, A Baiuca).

O procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico para planificar e proxectar actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública regúlase na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOT), coas especialidades recollidas nos artigos 62 e seguintes da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

O artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, prevé a aplicación ao dito procedemento da tramitación de urxencia, o que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para os procedementos ordinarios, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.

De acordo co establecido no artigo 55.5 da LOT, en relación co artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, a consellería tramitadora do instrumento de ordenación do territorio realizará a súa aprobación inicial e someterao a información publica durante o prazo de quince (15) días naturais, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia correspondente e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. A documentación sometida a información pública abranguerá todos os documentos integrantes do expediente tramitado.

En atención ao exposto e para os efectos previstos no artigo 55.5 da LOT, sométense a información pública, durante o prazo de quince (15) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os documentos integrantes do expediente relativo á aprobación inicial do proxecto de interese autonómico para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Arteixo (A Penouqueira, A Baiuca).

Durante o prazo referido, calquera persoa poderá examinar a devandita documentación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia (https://transparencia.xunta.gal/procedementos-de-informacion-publica) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (https://igvs.xunta.gal/gl/areas/solo-residencial) e presentar ante o dito organismo as alegacións, documentos e xustificacións que considere pertinentes.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

Memoria resumo

Promotor: Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Localización: Concello de Arteixo.

Ámbito do proxecto: ámbito identificado como UA 44, A Penouqueira, Baiuca.

Obxecto: creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Arteixo.

Descrición: o proxecto de interese autonómico ten por obxecto a creación de solo residencial destinado maioritariamente a vivenda protexida, con capacidade estimada para unhas 160 vivendas, maioritariamente protexidas, integradas en bloques illados, rodeados de espazos libres privativos, cunha altura máxima B+3 e cuberta plana, para minimizar a exposición visual, incorporando, ademais, usos comerciais e equipamento.

O ámbito de actuación está situado na Baiuca, núcleo capital do concello de Arteixo, no lugar denominado A Penouqueira, e conta cunha superficie total de 82.618 m2.